Onte 1911: Manuel Antonio, icona da modernidade
A presentación de onte na libraría Andel de Vigo constituíu unha fermosa lembranza da figura do poeta Manuel Antonio. Ao fío da aparición da biografía documentada e referencial de Xosé Luís Axeitos, o autor, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Ramón Pena afondaron nunha figura da modernidade cuxa lectura é capaz de actualizarse con cada xeración. Así o salientou Ferrín, despois de confesar o seu orgullo por “formar parte das persoas que levamos a poesía de Manuel Antonio dentro, desa confraría de rebeldes que dicimos Máis ala!”
Así o ratificou Pena que salientou que “cada xeración de novos autores galegos reivindica a Manuel Antonio e propón unha nova lectura da súa poesía”, para afirmar, despois, que “existe un club de manuelantonianos, unha masonería de vangardistas ou neoestetas da que Ferrín é membro co comité central”. Xosé Ramón Pena afirmou que no futuro haberá novas lecturas de Manuel Antonio, mais o que interesa é saber a que razóns obedece esta reivindicación e relectura. “Hai motivacións estéticas e sociopolíticas que explican que Manuel Antonio é unha icona da modernidade, daquilo que permanece moderno. Se alguén entendeu La poésie d’ aujourdhui de Jean Epstein, foi Manuel Antonio, que traduciu este ensaio ao galego en 1921. Se alguén estaba no centro onde tiña que estar nese momento foi el. A biografía de Xosé Luís Axeitos explica de forma eficaz e amena porque Manuel Antonio nos produce esa impronta estética, política e persoal. Foi un rebelde con causa, algo que nos conmove”.
Comezou Axeitos definindo a Manuel Antonio como “o orgullo dun país que está constantemente reivindicando”. Confesou que intentara facer unha biografía documentada: “todo o que se di ten un documento que o respalda, non quixen facer conxecturas, mesmo a pesar da tentación que exerce o personaxe”. “Tratei de sinalar as rebeldías de Manuel Antonio, dende a primeira, cando abandonou nome de Leliño polo de Lelo, negándose a ser crego, como pretendía a súa nai. Como na segunda, cando pasou de Lelo a Manolo, cando foi estudante, e máis tarde cando adoptou o nome de Manuel Antonio, que o identifica como poeta, convertíndose nesa estrela que nos chama, a gran estrela da nosa poesía do primeiro terzo do século XX”. “O meu libro é unha contribución ao club de Manuel Antonio do que falan Ferrín e Pena”.