Onte 1502: Rivas homenaxea a libraría
Coincidindo co Día das Librarías, chegaron do prelo os primeiros exemplares d’ O último día de Terranova, a novela coa que Manuel Rivas homenaxea á libraría e ás libreiras e libreiros. Na presentación que fixo o pasado mércores diante de máis de trinta profesionais da libraría galega, Rivas afirmou a súa convicción futurista, optimista que establece unha relación entre o espazo da libraría e a presenza humana, «que é imprescindible para que o factor humano estea presente nos libros», «ten que ver coa propia natureza do que se escribe nos libros, será moi difícil poder falar de literatura sen contar coa libraría». Manuel Rivas definiu «as librarías como o líquido amniótico onde se desenvolve a liberdade, precisamos desa auga para que non quede todo no imperio do baleiro».
Manuel Rivas explicou que «O último día de Terranova é unha historia cun lado perturbador, contada por un único narrador, Vicenzo, o libreiro da libraría Terranova que posúa a música do humor e da ironía, que conta e lembra a polifonía de voces que está na súa memoria». Cualificou a novela como «radiografía da sociedade, cunha dimensión da serie negra, unha historia de amores con presenza do exilio, localizada nunha libraría anfibia, que tiña a condición de ponte con América, á que chegan os libros nas maletas dos emigrantes». Situou a novela a carón d’ A boca da terra, o libro de poemas publicado o pasado verán, «unha irmá siamesa cuxa ollada fosforescente moito me axudou a que a escrita fose unha especie nova». Salientou o papel dos libros como personaxes, así como a dos seus editores, como foi o caso de Jacobo Munick, o responsable da arxentina Fabril editora, que deseñou un catálogo extraordinario no que incluíu a primeira edición en castelán d’ O vixía no centeo de Salinger, co título El cazador oculto.