Onte 946: Montoro e as ONGs
Ao ministro Cristóbal Montoro moléstalle que as ONGs denuncien a pobreza e a desigualdade que abre unha fenda cada vez máis dolorosa e miserable na nosa sociedade. Non tivo problema ningún en asegurar que os informes de Cáritas Europa (igrexa católica), que situaban a España como o segundo país con maior pobreza infantil, «non se correspondían coa realidade». Como tampouco tremeulle a voz ao ministro en cualificar de «falta de rigor« o informe que sobre a crecente desigualdade en España no entorno da crise presentou Intermon Oxfam o pasado mes de xaneiro e cuxos cálculos ratificou a ONG hai apenas uns días. Por moito que teime o ministro de Facenda é difícil xustificar en termos de igualdade unha política fiscal que baixa o imposto do patrimonio aos máis ricos e sobe o IVE e as taxas que danan, sobre todo, ás clases máis humildes. Nin Cáritas nin Intermon Oxfam nin Unicef poden ser consideradas organizacións altermundistas nin de carácter alternativo. A desigualde e o empobrecemento das clases traballadoras (agora sen traballo) son dúas das feridas máis profundas da crise.