Listado de la etiqueta: historia_del_celta

Noventa anos co Celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á edición da Hístoria del Celta de Fernando Gallego.

Ao longo deste 2013 celebramos dúas efemérides que poñen en evidencia a centralidade de Vigo no proxecto colectivo de Galicia durante os dous últimos séculos: o cento cincuenta aniversario da publicación o 17 de maio de 1863, no prelo que o impresor Juan Compañel tiña na rúa Real, de “Cantares Gallegos”, o libro alboral de Rosalía de Castro; e o noventa aniversario da fundación o 23 de agosto de 1923 do Real Club Celta de Vigo, tras a fusión do Real Vigo Sporting e o Fortuna. Senllas efemérides que, máis alá da súa significación para a historia da literatura ou para o fútbol e deporte galegos, supoñen tamén unha oportunidade para a avivecer a nosa memoria e identidade colectivas.

Foi un 2 de febreiro de 1923 cando nas páxinas de “Faro de Vigo” o xornalista Manuel de Castro, “Handicap”, aseguraba que “o momento e as circunstancias parecían propicias para unha fusión do Vigo e do Fortuna”, os dous clubes vigueses de fútbol. Un deporte que se viña practicando no Malecón do recheo do porto desde 1895, traído polos mozos que traballaban no Cable Inglés e polos mariñeiros da escuadra británica fondeada na ría. Vigo foi unha das cidades pioneiras do balompé, sendo porén Vilagarcía a primeira poboación galega e española á que os ingleses levaron en 1875 un partido do seu moderno “foot-ball”.

Handicap propoñía a fusión dos clubes rivais, creados ambos os dous en 1905, coincidindo co primeiro campionato de fútbol de Galicia, coa intención de que Vigo e Galicia contasen cun “foot-ball máis serio, máis grande, coma nos corresponde, e non quedarnos nun plano inferior a outras rexións”. Handicap enxergaba, pois, o proxecto dun equipo galego de fútbol forte, capaz de medirse cos mellores de España e do estranxeiro. Un devezo para o que se convocou un concurso de nomes, aparecendo propostas como “Club Galicia”, “Real Atlético F.C.”, até quedar finalmente dúas “Breogán” e “Real Club Celta”. Un proxecto deportivo que coincidía co cultural e político acuñado pola revista “Nós” (“Galicia célula de universalidade”), publicación na que o xornalista vigués colaborou en 1922 cunha crónica en galego (unha das primeiras na nosa lingua) sobre a final do campionato de España que no campo de Coia xogaron o Barcelona e o Real Unión de Iruña. Hándicap, coma outro inesquecible xornalista galeguista daquel tempo de entusiasmo, Manuel Lustres Rivas (unha figura esquecida a reivindicar), consideraba, o fútbol como unha actividade modernizadora da sociedade. Para Lustres –director que foi de “Galicia. Diario de Vigo”, o xornal creado en 1923 por Valentín Paz Andrade, e máis tarde, até que foi paseado en 1936, redactor de “Faro de Vigo”– “o futbol é un relampo de vida europea, de arelas de superación en torneos de forza e destreza, de disciplina colectiva, sentimento de coordinación por grupos, método de loita”.

O proceso de fundación do Real Club Celta de Vigo é un dos capítulos máis brillantes da “Historia del Celta. 90 años de pasión por Vigo” (Faro de Vigo, 2013) escrita polo xornalista Fernando Gallego. Unha historia deportiva detalladísima, documentada tras as páxinas de nove décadas do diario decano, onde se recollen as clasificacións, aliñacións e anécdotas capaces de construír un apaixonante relato épico sobre o representante máis xenuíno da afouteza e corazóns galaicos. Nestas páxinas, ilustradas con valiosa documentación gráfica, están todos os Celtas da memoria. O Celta dos nosos avós e bisavós, o de Nolete dos tempos da República e o da construción de Balaídos. O Celta dos nosos pais, aquel equipo coraxudo que perdeu en 1948 a súa primeira final de copa co Sevilla. O Celta da nosa nenez e mocidade, o do equipo ascensor dos setenta, mais tamén o Eurocelta de entre séculos, que aseñorou os campos do continente co seu fermoso xogo da serpe. O Celta de sempre, o que nos fixo gozar e chorar, nesa vertixe emotiva que imprimen as súas cores celestes. Nestes catro tomos de Fernando Gallego está o Celta de todas as xeracións, o celme do celtismo concibido coma unha comunidade sen fronteiras de entusiasmo lírico.

Unha obra na que tamén identificamos a historia de Vigo, esa cidade revolcada, mais de talante práctico e dinámico, capaz, coma o seu primeiro equipo de fútbol, de erguerse e reiventarse tras os fracasos ou diante das maiores dificultades. E como sinala no limiar da obra Ceferino de Blas, o grande estudoso e coñecedor da historia de “Faro de Vigo”, “os vigueses decidiron que o fútbol fose un elemento de unión, non de confrontación”. Nesa idea fulcral de integración e vertebración social e interxeracional reside o valor esencial do Celta a reinvidicar e potenciar neste seu noventa aniversario. Parabéns a Fernando Gallego e a “Faro de Vigo”, autor e editora desta monumental e tan recomendable historia celeste. Ala Celta!