Artigos

Campo do Fragoso CCXVIII

TEMPOS DIFÍCILES

Tras catro derrotas consecutivas e apenas un punto de quince posibles, o Celta de Miguel Cardoso esvara no abismo do descenso. A súa impotencia anímica e escasas alternativas de xogo diante dun Valencia moi necesitado agoira unha segunda volta dramática. Tras seis tempadas nas que o club de Carlos Mouriño semellaba atopar estabilidade nas posicións medias da táboa de Primeira, mesmo aspirando a participar nas competicións europeas, a noite do pasado sábado volveron ao Campo do Fragoso os fantasmas do último descenso (2006/2007).

Un proceso de descomposición deportiva que lembramos comezou a manifestarse tamén cunha xeira de derrotas consecutivas no comezo do inverno polas que o daquela flamante propietario recibiu no palco os primeiros apupos. Recordamos como aquel Celta do valente Fernando Vázquez, liderado por Borja Oubiña e Gustavo López, foi quedando sen fol anímico e sen recursos de xogo, azos que tampouco puido achegar o simpático Hristo Stoichkov, recibido en Balaídos cando faltaban apenas dez partidos coma un heroe, mais que só puido acompañar ao Celta na súa peregrinaxe cara Segunda, un inferno onde loitaría despois (non o esquezamos) durante cinco tempadas.

E como sucedera hai unha década, na que o guión previsto para a tempada mudou radicalmente co comezo da segunda volta, este Celta de Cardoso parece estar pouco preparado para padecer os rigores anímicos da loita tremenda que supón evitar o descenso, onde cada partido debe afrontarse a cara de can, como unha auténtica final. Dificultade superior nesta ocasión, onde a igualdade na táboa de marcas, na que as diferenzas entre as posicións europeas e de descenso son de apenas tres vitorias, sitúa a salvación por riba dos corenta puntos. E aí, a partir de agora, en acadar eses corenta e poucos puntos está o obxectivo dun Celta obrigado a modificar decontado e con a maior determinación a súa folla de rota.

Mudanzas urxentes que pasan pola incorporación de reforzos en posicións claves e pola recuperación do estado de ánimo e do compromiso dun vestiario, no que os ventos non foron de todo propicios. Tarefas que obrigan a actuar con afouteza tanto á propiedade do club, á dirección deportiva, ao cadro técnico como ao núcleo duro do cadro de xogadores (por utilizar un eufemismo) para liderar a remontada, sen esquecer o apoio nestes tempos difíciles dos seareiros celestes, dispostos outra vez máis a termar dun soño celeste inacabable.

Xaora, non está todo perdido. O sábado á noite o Celta notou moito as baixas de Aspas, Costas e Okay, tres pezas esenciais no esquema do adestrador de Trofa, cuxa reincorporación nas vindeiras semanas pode contribuír a conectar máis voltaxe ás tres liñas dun equipo que durante a primeira parte diante do Valencia xa foi máis ordenado e soubo protexer mellor as súas costas que nas debacles recentes co Athletic e co Raio. Mais non abondará co regreso de Iago, que con certeza achegará na lameira o liderado que o sábado tanto botamos en falta, orientando o xogo de Brais, Boufal e Maxi Gómez, que semellan algo perdidiños sen a luz da estrela de Moaña.

Sen embargo, o Celta precisa de maior rigor táctico na xestión dos tempos de partido, sexa mediante os trocos ou de variantes ocasionais, algo que tanto Mohamed como (polo momento) Cardoso non souberon proporcionar, quizais polo coñecemento escaso da competición española. Como cómpre reforzar nesta xaneira o cadro de xogadores cun par de valores contrastados, xa que a política de formación de «promesas» internacionais para ser traspasadas por millonadas (eis o caso lamentable de Emre Mor, unha das fichaxes máis caras da historia do club, ou de Jensen, outra figura aínda inédita), pode ser atractiva para o propietario, pero nefasta a medio e longo prazo para o futuro do equipo.

No entanto, hai tempo suficiente para reorientar esta deriva negativa. O magnífico estado de forma de Rubén Blanco, auténtico heroe diante do Valencia, capaz de evitar unha goleira de escandalo, convida ao optimismo. Como tamén a madurez deportiva do núcleo de canteiráns, que conforman case a metade das aliñacións, aseguran o compromiso até o derradeiro minuto coa causa celeste. Hoxe aínda é posible abordar estes tempos díficiles e evitar o descenso, pero para iso cómpre que todas as instancias do club e do celtismo actúen en man común. Agardemos conseguilo.

Campo do Fragoso CLVIII

Celta_Granada-Caparrós-958x538EFECTO CAPARRÓS

Despois dunha semana de gloria, na que se xuntaron a proeza histórica no Camp Nou e a chamada a selección de Nolito, que supón un recoñecemento de Vicente del Bosque ao noso extremo artista, mais tamén á calidade do xogo do cadro celeste, na noite chuviosa do pasado sábado o Celta reduciu unha marcha a súa velocidade fronte a un durísimo Granada baixo os beneficios do “efecto Caparrós”.

O veterano adestrador andaluz soubo tecer outra vez con éxito o seu farrapo táctico capaz de dificultar o xogo combinativo celeste e mesmo poder levar os tres puntos como froito dalgún contragolpe. Nada que poida sorprender de quen como adestrador do Deportivo, Sevilla, Mallorca e Levante só perdeu nunha ocasión en Balaídos, naquel derbi de abril de 2007, na tempada do último descenso, sendo adestrador celeste o efémero Stoichkov, grazas a aquela bóla máxica de Gustavo López que Baiano soubo matar na área pequena.

Dende o inicio, Caparrós intentou gañar a partida no encerado táctico. Dispuxo de dúas liñas de catro moi xuntas, capaces de entremesturarse coa facilidade dos fíos dun nobelo, que impedían a Krohn-Dehli e Hernández abrir xogo sobre os seus extremos ou enviar sobre Larrivey, que libraba unha durísima batalla física cos centrais visitantes. Con ese farrapo táctico, executado con enorme disciplina e sen desbotar o contacto físico ao límite do regulamento e as condutas antideportivas no gume do “fair play”, Caparrós creou un valado moi difícil de superar. Con todo o Celta, soubo ser paciente, non perdeu a confianza, iso si, deixando a maior responsabilidade a que fosen Hugo Mallo e Orellana os que dende as bandas abrisen algunha fenda. Nas accións do internacional chileno chegaron as mellores ocasións. Roberto, o porteiro chantadino do Granada, agasallou unha pelota que Hernández, a porta baleira, non soubo aproveitar. Mágoa, tamén doutra clarísima, a gran cabezada de Sergi Gómez nun saque de recanto de Nolito ao pao longo que quedou frouxa. Caparrós renunciaba ao ataque conformándose con enviar globos por riba do seu valado sobre Sissoko e Córdoba, dúas torres adiantadas, que obrigaron a un gran Radoja a facilitar as axudas aos seus centrais.

Tras a reanudación, Caparrós continuou levando a iniciativa táctica. Fixo os tres trocos decontado procurando sorprender á defensa galega. Como xa é adoito, Berizzo tardou moito en introducir cambios. Fíxoo con escaso acerto, cando o equipo recuaba, amedrentado por dez minutos máxicos do Granada nos que Rochina, un dos recén incorporados, errou dous remates que ben puideron levar ao Celta á lona. Só nos dez minutos finais, o Celta recuperou o pulo, grazas ao paso atrás de Caparrós, para quen o empate era un bo resultado, como tamén pola entrada de Álex López, un xogador fulcral para upar ao equipo sobre a área rival, hoxe por hoxe moi por diante en forma e determinación ca Pablo Hernández. Mágoa que nin os barullos na área nos seis minutos do desconto nin o derradeiro remate de Orellana que Roberto despexou de milagre modificasen o resultado. Aí estiveron dous puntos.

A pesar do difícil que é contrarrestar en Balaídos o “efecto Caparrós”, o Celta puido e debeu gañar o partido. Desta volta, a Berizzo faltoulle a intuición necesaria para introducir antes na lameira a Álex López e a Fontás, e mesmo a Santi Mina ou Charles, que quizais puideran ter creado outras superiorades en ataque e evitado algúns disgustos defensivos froito do inevitable cansazo de enfrontarse a un rival fisicamente superior. Xaora, este empate constitúe apenas unha mudanza a unha marcha máis corta que pode axudar a introducir máis rotacións no cadro, imprescindibles para afrontar con garantías unha competición da que faltan por xogar aínda case tres cuartas partes.