Artigos

Onte 553: Reigosa en Ourense

Acompañamos a Carlos Reigosa en Ourense na súa participación no Foro La Región onde conversou co profesor Chema Paz Gago sobre A vitoria do perdedor. Comezou o profesor da Universidade da Coruña preguntándolle a Reigosa sobre se na súa escrita dominaba máis o xornalismo ou a literatura. «O xornalismo foi unha beizón para min porque tiven a oportunidade de contar cousas e de entrevistar a persoas que me interesaban», contestou, para proseguir citando unha frase de Hemingway, «o xornalismo é a mellor profesión do mundo, sempre que se abandone a tempo». «En trinta e sete anos de profesión intentei aproveitar o tempo, defendendo como puiden a pulsión literaria».

Preguntado sobre a súa relación cos personaxes de Nivardo Castro e Carlos Conde, protagonistas da súa serie do xénero negro, Reigosa confesou que con eles se sentía cómodo «xa que me permiten ser “abrelatas” para abordar un tema, sexa o narcotráfico ou a corrupción». «Non acredito, sen embargo, na definición do xénero, son novelas de intrigas, pero non negras». Porén, asegurou que nos seus libros de investigación sobre os maquis pretendeu «facer unhas minibiografías de cada un dos personaxes, o máis fidedignas e documentais posibles». «Nesta novela [A vitoria do perdedor] o personaxe principal é de ficción, mais todo o contexto histórico é completamente real». Abordou despois a cuestión sobre a clase de historia desta novela: «Quixen contar como os procesos de violencia non son controlables. Non a escribiría nunca se non tivese unha gran preocupación pola violencia. Busquei un personaxe que tivese apenas dúas opcións: marcharse ou converterse nun vingador. Esa é a grande dúbida que paira sobre toda a obra. Non hai dúbida que a violencia para o meu personaxe é unha espiral dramática que afectou a toda a súa vida».

Rematou a conversa, na que se abordou tamén a cuestión do ingrediente amoroso e erótico da novela («o erotismo é unha cuestión marxinal sobre o que quería contar»), anunciando Reigosa a súa intención de publicar o seu primeiro libro de poemas antes de fin deste ano, para o que baralla tres posibles títulos Kid salvaxe, Nunca deixarei de ser o que non son e A vida non é lugar para estar morto.