Artigos

Fito, alma da Roda

No artigo de Faro de Vigo lembro a figura de Fito Domínguez, alma da Roda, falecido esta semana:

Fomos moitas as persoas que choramos por Adolfo Domínguez Otero, a quen todos coñeciamos por Fito, o fundador, cantor e alma do grupo A Roda. O seu pasamento, como o da súa compañeira Filo Dourado, apenas unhas semanas antes, constitúen senllas perdas desoladoras para a música galega. Galicia enteira, mais sobre todo o Vigo metropolitano e a afección celtista, non vai esquecer a quen foi a voz varuda e rexa que mellor expresou o entusiasmo de compartirmos a vida e a ledicia de formar parte da comunidade galega.

Sei que o tempo recoñecerá o labor xigante que Fito fixo a prol da recuperación da canción do folclore galego dende a creación do grupo A Roda en 1976. Unha epifanía que como contou o sábado Ferrín na columna de “No fondo dos espellos” se produciu na taberna da Viuda, hoxe desaparecida, situada na Travesía da Aurora, a carón da taberna de Eligio. Aí naceu o nome do grupo, desa roda que arredor do mostrador circular daquela tasca, formaban os amigos de Fito e Luís Vaamonde cando para se divertir cantaban con enxebreza cancións populares galegas mentres compartían unhas chiquitas. Aí no repertorio desas cancións de taberna xermolou o espírito do grupo, ese celme inequivocamente popular, obreiro, vigués e galeguista que A Roda, e Fito Domínguez moi en particular, representaron con afouteza e enorme dignidade ao longo de toda a súa traxectoria musical.

Mais o fenómeno popular que, logo, supuxo A Roda debeuse, ademais, á intuición de Gustavo Ramudo e Xerardo Rodríguez, daquela responsables da serie Xeira de Discos Movieplay de Madrid, que souberon da existencia do grupo tabernario por Suso Vaamonde (irmán de Luís) coincidindo coa gravación do seu inesquecible “Nin rosmar un laído”, o 28 de outubro de 1977 no Teatro Cine Veiga de Moaña. Pouco tempo despois Movieplay publicaría o primeiro elepé do grupo, no que incluíron trece cancións, presentadas como adaptacións de temas populares. Un disco que se abría e pechaba con “O andar miudiño”, e no que estaban tamén pezas inesquecibles como “Pousa, pousa”, “Lévame”, “A filla”, “A cantiga de Betanzos” ou “O gato” (composición que se debe a Manuel da Ponte). O éxito popular daquela gravación foi tremendo naquel tempo de entusiasmo e de axitación política, coincindo coa Transición, falándose de que chegaron a vender máis de sesenta mil exemplares. A Roda, ademais, obtivo o Premio da Crítica Galicia, na súa primeira edición, recoñecéndoselle “o traballo de recuperación do folclore”, galardón que compartiron co disco alboral de Milladoiro, aquela primeira formación de Antón Seoane, Rodrigo Romaní e Xosé V. Ferreirós, “polo seu labor na música popular”.

Éxitos que repetiron co segundo elepé, “Falemos galego”, publicado en 1979, que abriron con “Foliada do Celta”, unha canción que uníu para sempre á Roda co equipo celeste, converténdose co paso do tempo no segundo himno celtista. Colaboración co club galego que levaría en 1999 a publicar un disco no que gravaron o himno do Celta, unha versión da rianxeira e a participar nas diversas celebracións do ascenso, a última o pasado 3 de xuño. Outrosí sucedeu con “Falemos galego”, a canción que pechaba e titulaba este segundo disco, onde o grupo exaltaba o noso idioma e afirmaba o seu uso na rúa e na escola, nun momento decisivo do seu proceso de oficialización, anterior á aprobación do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística. Compromiso coa lingua que A Roda mantivo de xeito inquebrantable ao longo da súa historia e da que os seus membros deron testemuña en cada un dos seus centos de concertos por toda a xeografía galega e nas súas viaxes a distintos países europeos e americanos, onde foron recibidos con enorme entusiasmo polas comunidades galegas emigradas.

Fito Domínguez foi o único dos fundadores do grupo que se mantivo ao longo destes 36 anos de traballo, no que gravaron quince discos e no que desenvolveron un repertorio popular, que en moitos casos contribuíron a rescatar do esquecemento. Lonxe da súa orixe amadora, ao longo da súa prolífica andaina, A Roda realizou un traballo musical moi valioso e concienzudo, sobre todo no que atinxe á recuperación e adaptación de foliadas, alalás, panxoliñas e outras cantigas de festa e traballo, pezas do patrimonio inmaterial que hoxe recoñecemos como populares grazas as súas magníficas versións.

Varias xeracións de galegos non somos quen somos, non sentimos como sentimos, non expresamos a nosa ledicia como o facemos sen as cancións que naceron na roda da Viuda, sen eses himnos saudosos que nos unen, identifican ou emocionan até bagoar. Estas cancións permanecerán na nosa memoria como engramas imposibles de esvaecer. Fito Domínguez, como os seus amigos do corazón, os irmáns Suso e Luís Vaamonde, foron, son e serán a voz de todos nós. Beizóns!