Artigos

Onte 1162: Desolación e responsabilidades

frente atleticoDesoladora é a noticia da morte violenta de Francisco Romero Taboada «Jimmy», membro da sección Los Suaves dos Riazor Blues, tras ser golpeado e guindado ao río Manzanares nunha extraña «liorta» con membros do Frente Atlético. Uns feitos gravísimos sobre os que se ofrecen versións contraditorias que deben ser investigados pola autoridade xudicial e sobre os que haberá que establecer responsabilidades políticas e deportivas.

Non obstante, foi onte decepcionante a morneza coa que foron valorados en primeira instancia polos clubs, sobre todo polo presidente do Atlético de Madrid, mais tamén polos responsables da LEFP e da Federación, incapaces sequera de suspender o encontro. Como tamén debe ser explicadas polos responsables da Delegación do Goberno as razóns de contar cun dispositivo policial tan insuficiente como ineficaz para un partido no que se desprazaron a Madrid medio milleiro de deportivistas.

No entanto, a pesar da confusión (interesada?) sobre o acontecido, non hai dúbida que os membros do FA levan facendo dende hai tempo ostentación de símbolos nazis e fascistas no espazo que ocupan no estadio Calderón, un comportamento consentido polo club e pola propia Delegación do Goberno, incompatible coa democracia e inadmisible en calquera espectáculo deportivo. Como tamén é un feito que nesa mesma bancada se continúa celebrando con cánticos o asasinato hai dezaseis anos de Aitor Zabaleta, seareiro da Real Sociedade, unha barbaridade que conta coa complicidade conformista dos que acoden ao estadio e dos responsables do club que non lle poñen couto nin tacha a ese comportamento noxento. Probablemente aí se foi cocendo devagariño o caldo onde fermentou o odio que matou onte a Jimmy no Manzanares.

Acredito no que rezaba na tarde de onte nunha pancarta no Sánchez Tartiere: «O fútbol é unha paixón que non merece unha vida». No fútbol, sexa no amador coma no profesional, non ten cabida manifestación ningunha de violencia nin na lameira nin nas bancadas. O fútbol é un deporte colaborativo complexo e un espectáculo fermoso. Só recuperando os valores da cultura do fair play, dentro e fóra dos estadios, será posible erradicar esta lacra noxenta do fascismo e do racismo ultra nos estadios de fútbol.

Sei que é perfectamente posible expresar nas bancadas a nosa fachenda por pertencer a unha comunidade futbolística, por compartir con milleiros de persoas o mesmo sentimento por unhas cores e idéntica emoción para afrontar as rivalidades. Sei que é posible expresalo, sentilo e compartilo utilizando só os sintagmas da paixón, da emoción e do entusiasmo. Aqueles seareiros que non acepten este camiño dubido que compartan o afán de pertencer a esa comunidade fraterna e emotiva que crea o equipo e, polo tanto, deberán quedar fóra dos estadios, onde non hai sitio para eles.

Xaora, as miñas condolencias para a familia e as amizades de Francisco Romero, como para as persoas que comparten o sentimento deportivista. Nunca máis outra morte por causa da violencia no fútbol.