Listado de la etiqueta: enregueifate

Apego

Un dos mellores momentos dos Premios da Crítica de Galicia 2025 foi o discurso de Ramón Varela Rodríguez en nome de Alingua (Asociación de entidades locais pola lingua galega), promotora actual do programa Apego, gañador na modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas. Mil palabras emocionantes lidas polo xove concelleiro carballés que presentou un proxecto colectivo modélico, creado dende a cultura municipalista coa intención de fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial, dirixido tanto ás familias como ao contexto social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida. Nacido en 2015 de forma cooperativa en doce concellos de diversas cores políticas, a través dos seus servizos de Normalización Lingüística, Apego achega materiais, argumentos, recursos e accións ás familias para axudarlles á crianza en galego e para procurar tecer redes de colaboración mutua. Dende entón foron moitas as mantiñas-apego, coa imaxe do polbo, icona do programa, as que se deron aos bebés nacidos nos concellos participantes, na actualidade dezanove. Apego é sinónimo de vínculo, sintonía, empatía, inclinación, afección, amor. Emocións imprescindibles para desenvolver unha inmersión familiar onde o galego sexa a lingua preferente. O de Apego, como outros programas de éxito promovidos por Alingua, como Youtubeiras, Club de debate ou Enreguéifate, forma parte da Galicia da esperanza, a que pon os ollos no porvir, a que asume que a lingua é o noso privilexio, o noso orgullo, que só ten futuro nos nosos fillos e nas nosas fillas, os e as falantes da Galicia do mañá. Xaora, Apego amosa que para enfrontar a actual emerxencia lingüística, rota a cadea de transmisión xeracional do idioma, son posibles outras políticas públicas de fomento da lingua, como as alicerzadas no concepto de inmersión e nunha estratexia de autoestima, corresponsabilidade e confianza. As familias que deciden criar en galego teñen dereito a ser apoiadas e contar con referentes na súa comunidade de apego.

Publicado en Nós diario: 05/11/2025