Artigos

Onte 1487: O humor combustible

Cronopios_Pontevedra_29-10-2015

Regresando dunha xuntanza en Compostela, camiño do acto de Pedro Feijoo en Pontevedra, escoito a Eduardo Mendoza falar da súa última novela en El ojo crítico. O autor de La ciudad de los prodigios defende con elegancia de seu o valor do relato para a vida do lector e a importancia do humor nas súas «novelas amenas», como esta que presenta, El secreto de la modelo extraviada. Cando chego a Cronopios, a conversa de Feijoo con Susana Pedreira xa está avanzada, aínda que non perdo a defensa que o novelista vigués fai do humor como o combustible da súa comedia dantesca, Morena, perigosa e románica, na que retrata algúns dos malestares do noso tempo e parodia con moita retranca a estrutura de obras clásicas. É unha ventura que, por fin, entre a solemnidade da literatura galega, aparezan autores como Feijoo que arrisquen coas complexas convencións da comedia e do humor como enerxía que faga funcionar as súas ficcións. Sen dúbida que a coincidencia no serán de onte entre Mendoza e Feijoo na defensa do humor literario non foi máis que outra interferencia da providencia laica.