Artigos

Campo do Fragoso CLXXXVI

cantera-celtaDERBI, O NOSO

No setenta e cinco aniversario daquel primeiro Celta-Deportivo en Primeira División, disputado en Balaídos o 19 de outubro de 1941, volveuse repetir a vitoria celeste “nun encontro emocionante de principio a fin (…), nunha xornada onde Galicia enteira orgullouse de ver ao Celta e Deportivo cumprindo con corazón e alma de atletas en auténtica irmandade”, como recollía a crónica de “Faro de Vigo” daquel tempo. Un “o noso derbi”, ou “clásico galego” para os máis puristas, que na matinal do pasado domingo recuperou por ventura o espírito de fraternal e respectuosa rivalidade, tanto na lameira como nas bancadas, entre os dous grandes do fútbol galego. Un derbi vibrante, con alternativas en ambas as dúas portarías, moito máis igualado sobre o terreo de xogo que ese avultado resultado de 4-1- que reza na táboa de marcas.

Unha vitoria celeste alicerzada sobre unha actuación memorable de Orellana e Iago Aspas, ambos os dous moi implicados emocionalmente no derbi. O poeta chileno fixo un partido completísimo: moveuse dende a banda dereita e procurou as formas posibles de furar as dúas liñas de catro que dispuxo Gaizka Garitano, mais tamén soubo darlle acougo ao Celta cando semellaba precipitarse na loita mediocampista, sen esquecer que fabricou dúas asistencias de auténtica fantasía para o primeiro e o segundo gol e marcou o terceiro dunha excelente cabezada entre defensas. Outro tanto sucedeu co astro de Moaña que, por fin, conseguiu marcar ao Deportivo en partido de competición oficial, con dous goles magníficos na execución, tanto o primeiro de penalti como o de contraataque directo, mais aos que lles sobraron os xestos de fachenda celtista cando os celebrou diante dos seareiros que chegaron da Coruña.

Unha vitoria á que tampouco foi allea a afouteza de Berizzo ao establecer as rotacións nunha difícil semana de competición europea, na que o Celta foi capaz de manter a súa intensidade e patrón de xogo tanto diante dun poderoso Ajax como dun rochoso e incómodo Deportivo. En cada un dos partidos procurou alternativas distintas para crear superioridades, a razón da obsesión combinatoria do noso adestrador. Fronte ao Coruña buscounas polas bandas, sobre todo pola dereita, onde buliron Mallo e Orellana. Aí naceu no primeiro cuarto de hora un gran centro de Hugo moi ben cabezado por Wass, un gol que vimos feito, mais que o porteiro coruñés desintegrou in extremis. Minutos despois, Orellana encarou na mesma posición ao seu defensor filtrando de forma xenial unha pelota que o lateral de Marín levou as mallas do pao longo.

O primeiro gol celeste espertou ao Deportivo que conseguiu o empate en apenas cinco minutos. Un saque de falta botado con precisión por Fajr foi cabezado a rede por Albentosa que saltou sobre a defensa céltica con asombrosa superioridade. Conmocionado pola igualdade, o Celta sufriu durante os dez minutos que faltaban para a pausa, nos que o Deportivo puido adiantarse. Xaora, coa reanudación volveron mudar as tornas. Un gran centro de Orellana cabezado por Wass cara abaixo foi cortado coa man por Sidnei. Un claro penalti que lanzou con confianza Aspas e que mudou a deriva do partido. O Deportivo, entón, quixo e xa non puido diante dun Celta que da man de Marcelo Díaz recuperou o acougo que ir por diante requíría. Así chegaron os goles de Orellana no minuto 77, froito dunha gran xogada de Jonny (nun partido para o de Matamá pouco afortunado), e a xenialiade de Aspas no 82, aproveitando un saque directo de Sergio, un gol fabricado con apenas dous toques, extraordinario!

En partidos con contexto emotivo tan denso como son sempre os do noso derbi, goleada tan súbita e contundente supuxo un estourido de ledicia da bancada de Balaídos, durante a primeira hora de partido moi contida, até prender as luces do orfeón da Rianxeira. O derbi do setenta e cinco aniversario foi o noso.

Campo do Fragoso CLXV

20150831_233129COUSAS DO CELTA

Dentro das estampas que Castelao publicou en Galicia. Diario de Vigo e Faro de Vigo de 1924 a 1932 baixo o título Cousas da vida atopei dúas dedicadas ao fútbol. Na primeira, publicada o 2 de abril de 1924 en Galicia, aparecen cinco rapaces con dous balóns e cun texto no que o rianxeiro con moita retranca engade á imaxe o seguinte comentario: “Así chegaremos a ter máis futbolistas… e máis zapateiros”. Na segunda, publicada tres semanas despois, tamén no diario dirixido por Valentín Paz Andrade, aparece baixo a lenda “Cousas do fútbol por Castelao”. Nesta estampa, un neno descalzo diante dunha pelota prégalle a outro calzado: “Non se vale dar cargas, eh?”, un xeito retranqueiro de expresar que no fútbol non están permitidas as patadas.

Sei que non é froito do azar que estas dúas estampas futbolísticas de Castelao publicadas na prensa viguesa, como a súa defensa do “fair play” e do xogo limpo e en igualdade, coincidisen coa primeira tempada do Celta no campionato galego e co inicio da lenda dun equipo profesional que dende a súa fundación tivo a vontade de ser o emblema do fútbol galego. Por ventura aquel empeño de Hándicap, Baliño e Bar, os fundadores do club, continúa vixente, expresado para a fachenda de todos nas dúas bandeiras galegas izadas sobre as gradas de Gol e Marcador.

Tras tempadas de travesía do deserto, o Celta inicia a súa quincuaxésima tempada en primera división cun proxecto empresarial e societario solvente, consolidado con paciencia teimosa por Carlos Mouriño. Un proxecto deportivo cada vez máis ilusionante que asumindo as limitacións do club non renuncia a facer soñar ao celtismo e a súa enorme diáspora. Por ventura, hoxe o celtismo é un sentimento compartido por milleiros de persoas, moitas máis das que acudimos a Balaídos.

O comezo desta segunda tempada de Eduardo Berizzo presenta esta ansia do Celta como equipo de fasquía soñadora, intenso e racional na súa estratexia defensiva, fantasioso e barroco na atacante. Un cadro renovado, capaz de incorporar unhas cantas pezas novas que non modifican no esencial o engrenaxe do seu funcionamento, baseado na saída ordenada do balón, na disciplina táctica e nun estilo de xogo sen cargas, como quería o picariño descalzo de Castelao.

Foi moi feliz a estrea fronte ao Raio Vallecano, un equipo o de Paco Jémez xeneroso para a bancada. Abondaron oito minutos de dura batalla táctica no centro do campo para resolver o partido. O Celta atopou a cerna cando Fabián Orellana conseguiu baixar unha bóla e filtrala verticalmente sobre Wass para que canease ao porteiro antes de ser derrubado. Unha xogada providencial que deixou aos vallecanos en inferioridade e permitiu que Nolito abrise a táboa de marcas dende o punto de once metros.

Dende entón, os de Berizzo colleron pouso, sen perder o control defensivo das bandas, comezaron o seu monólogo. Dirixidos por un extraordinario Augusto Fernández, capaz de ser tanto o medio defensivo coma ofensivo de referencia, algo que nos lembrou ao mellor Mazinho, os nosos despregaron a súa fantasía, abrindo espazos para o perigo dende as posicións desequilibrantes dos nosos extremos, que contaron coa incorporación de Wass, xa unha auténtica promesa de nova estrela. Mágoa que Iago Aspas non estivese máis espilido e preciso na definición, estragando varias oportunidades preciosas.

Tras a reanudación, Nolito trazou axiña a súa diagonal preferida sobre a grada de Gol e marcou de chorra, coa axuda dun defensa vallecano. Pechou a táboa de marcas, o primeiro tanto de Fontás como celeste, tras un saque directo de Nolito, unha desas xogadas de pizarra das que sae unha dun cento. O partido estaba resolto cando sobre a lameira viguesa apareceu Guidetti, un dianteiro que en poucos minutos abriu novas posibilidades, o que pode resultar decisivo cando o equipo precise variantes.

Tras as dúas primeiras exitosas xornadas, diante de dous equipos asequibles, hai razóns abondas para acreditar nas posibilidades deste equipo ordenado e soñador, que saíu coma un foguete nesta súa liga 50. Cousas do Celta!

Campo do Fragoso CLV

DERBI HEROICO

FARO CHAPELACustoulle ao Celta ferro e fariña gañar o derbi fronte a un Deportivo moi competitivo e difícil de dobregar. Intensidade, afouteza, emoción, medo, ledicia, beleza, lealtade, respecto e fair play foron algúns dos ingredientes que derrocharon ambos os dous equipos ao longo dun derbi futbolístico fermoso e igualado que resolveu no minuto 88 de forma heroica o gardarredes celeste Sergio Álvarez. A memorable estricada felina do bautizado como “o gato de Catoira”, que cos brazos abertos coma papaventos aguantou en pé até o límite o lanzamento do bosníaco Medunjanin, formará parte da historia lendaria dos nosos derbis. Unha parada extraordinaria nun momento decisivo dun canteirán de corazón cen por cen celeste que durante varias tempadas agardou no banco a súa oportunidade para convertirse no inicio desta tempada nun dos heroes do equipo de Berizzo.

Chegaba ao noso derbi o Celta invicto, cun equipo feito, un esquema de xogo consolidado, fronte a un Deportivo moi necesitado de recuperar a autoestima tras ser varrido o pasado sábado en Riazor polo Madrid. Semellaba a oportunidade ideal dos celestes para recuperar o seu liderado histórico do fútbol galego e abandonar diante dos seus seareiros as decepcións da síndrome de Riki. En definitiva, o Celta parecía disposto a retomar o fío da última vitoria ao Deportivo, xa hai sete anos, cun tanto de Baiano. Porén, a pesar do espectacular gol de Nolito aos tres minutos do inicio, que prometía unha festa do xogo de salón celeste, despois foi todo moi igualado e desputado na lameira. Custoulle moito máis do previsto ao Celta roer un óso tan duro como o que presentou Víctor Fernández. Ben sabiamos que se trataba dun derbi galego.

Como xa é adoito, durante case toda a primeira parte o Celta mandou grazas a súa disciplina táctica, tanto na colocación como na intensidade da presión, o que lle facilitaba alternar o seu xogo de toque en proximidade co de balóns máis directos e longos sobre o centro e as bandas. Unha solución táctica de Berizzo, que non achegara o andamio de Luís Enrique. O primeiro gol naceu dese novo crisol. Un saque de banda cabezado cara atrás por Larrivey facilitou a Nolito a xenialidade dos seus caneos e o xute sobre o pao longo. Dous toques, dous caneos e un remate. Unha marabilla! Mais coma é inevitable, a medida que o Celta foi perdendo fol na súa presión asfixiante, á que non foi allea a contusión do bravo Radoja, o Deportivo foi espertando amodiño, sobre todo grazas ás entradas pola banda dereita de Juanfran. Tras a reanudación, os deportivistas xa eran donos de seu. Tras un primeiro aviso de gol que conseguiu chapar Sergio, chegou a igualada de Cuenca na táboa de marcas.

Cando o Celta estaba máis baixo, conseguiu saír de novo a flote grazas ao xogo aéreo, outra das mudanzas de Berizzo. Por fin, un saque de recanto en altura foi cabezado ás redes por Larrivey, un nove clásico nato, un auténtico atlante, dignísimo sucesor de Mario Bermejo. Secasí, o tanto do arxentino non pechou o partido, xa que os coruñeses arrepuxéronse de novo. Berizzo sacou á lameira a todos os defensas dispoñibles no banco para durante quince minutos preparar unha contención meduliana. A alternancia de xogadas de perigo nas dúas areas foi constante, a pesar da extenuación de ambos os dous cadros. Cando faltaban dous minutos, Cabral cometeu o desafortunado penalti que agoiraba unha inevitable igualada. Xaora, a parada histórica de Sergio Álvarez fixo ruxir Balaídos coma nunca. Un derbi heroico, salvado in extremis, grazas á serenidade do gardarredes no instante decisivo. O Deportivo foi un gran rival fronte a un Celta invicto (xa en cinco partidos) disposto a recuperar o seu soño.