Listado de la etiqueta: earth

Frankfurt 2010/ e 4

Dedicamos a derradeira xornada para visitar o pavillón dedicado á lingua inglesa, onde case sempre se producen as maiores noticias  de Frankfurt, para dar sequera un paseíño pola exposición arxentina. Sendo sábado, o nivel de estrondo da Feira aumenta a niveis pouco soportables nos novos pavillóns 1 e 3 aos que acude o entusiasta e moi numeroso público alemán. Porén, tiven a fortuna de dispoñer de tres horas para percorrer devagariño os longos corredores do inglés pavillón 8, inusualmente calmos e con menos xente da que agardaba.

Volvín comprobar que o modelo da Oficina Literaria é o que mellores resultados está ofrecendo para a promoción internacional e a exportación de textos. Cada vez son máis as experiencias que utilizan este modelo: «Books from Scotland», «Books from Wales« («Llyfram o Gymru») ou a «Ireland Literature Exchange». Anotei na libreta a importancia de levar ao noso estand algunhas edicións de obras xa traducidas, un feito que chama a atención doutros editores. Todas estas Oficinas comparten espazo no estand cos editores privados do seu país e todas elas teñen un lema ou marca para presentar a súa literatura e edición. Chamou a miña atención a convocatoria en Australia en 2012 do seu ano da lectura, un programa ao que cómpre seguir con interese que se está organizando con moito vagar. Inevitablemente fotografei o libro máis grande do mundo, Earth (Platinum Edition), un atlas de 1,8 x 1,4 m, que utiliza para representar o planeta unha formidable escala de 1:1.750.000, editado pola editorial australina Millenniun House. Tiven a curiosidade de revisar a toponimia de Galicia, que presentaba algúns erros (aparecía correctamente A Coruña, mais tamén Santa Eugenia de Ribeira). Imprimiuse en Italia cunha tirda de 31 copias que se venden cada unha a 100.000 dólares. de Earth hai unha edición azul, máis manexable e económica, ao prezo de 5.800 dólares. Non deixa de ser curioso que nun momento de transición cara ao paradigma dixital se acometan proxectos de edición impresa destas abraiantes características.

A pesar de que o libro impreso continúa reinando de forma abrumadora en todos os espazos da Feira, neste pavillón de lingua inglesa atopei xa unha presenza importante de edición dixital. Son moi numerosos os modelos de e-readers que se presentan, a un prezo sempre inferior aos 150 dólares, o que supón unha baixa moi considerable. Aparecen Ipads en moitos estands, como por exemplo no de Moleskine (o editor das famosas libretiñas e cadernos de debuxo, produtos analóxicos por excelencia); un feito significativo que amosa a pegada da taboíña da que, tamén, comezan a aparecer ofertas de apps (gustei moito dos preparados pola revista GEO, por exemplo). Curioso é algún produto infantil que emprega a tecnoloxía da realidade aumentada (como os de Magic Book) baixo  o reclamo de «libro en 3D». Outrosí sucede coa Galaxy Tab de Samsung, unha taboíña de 7 pulgadas que utiliza tecnoloxía Android. Pareceume un produto interesantísimo, sobre todo polo seu código aberto e polo seu tamaño, maior cos teléfonos e máis manexable que os Ipads actuais.

Acabei a miña feira visitando a correr o pavillón arxentino e dedicando apenas a derradeira hora dispoñible ao pavillón alemán. Arxentina presentouse cun deseño minimalista, cheo de pantallas (con información turística) e cunha exposición de libros non moi grande. O máis fermoso do pavillón era unha proxección múltiple sobre a silueta do país presentando os monumentos principais das distintas provincias arxentinas. Encheume de fachenda comprobar que na exposición de «Libros de Argentina» estaba o exemplar que enviaramos da biografía do Galego Soto que preparara Lois Pérez Leira para Xerais Crónica.

Da visita ao enorme pavillón alemán o que máis me sorprendeu foi atopar a eses centos e centos de adolescentes disfrazados de personaxes de manga e de literatura gótica que alí se reuniron. Un espectáculo, propio do entroido, expresión da enorme forza que, paradoxicamente, ten para estes nativos dixitais personaxes que coñeceron na edición impresa e que logo, nalgúns casos, pasaron ao eido audiovisual, converténdose en novos mitos urbanos. Con todo, o que maís impresiona no pavillón alemán é o entusiasmo dos lectores para seguir aos seus escritores. As entrevistas do «Sofá azul» (un programa de televisión que grava ADR e pode verse en internet por streaming) son seguidas por centos de persoas, as lecturas dos autores arremuíñan nos estanss a ducias de persoas. O interese pola edición de gastronomía é incrible, coa presenza dos propios cociñeiros cociñando en vivo nos estands das editoriais (unha idea para Culturgal?). Con todo, o máis memorable que vin neste percorrido que non puiden completar por falta de tempo foi a unha autora, Nadja Benaissa (cantante de No Angels), asinar exemplares acompañada dun gardacostas.

Antes de marchar da Feira a correr para coller o avión de regreso a Porto (sempre que podo evito a viaxe con escala en Madrid), tiven oportunidade de fotografarme para o Book Faces 2010. Escollín a palabra «Brétemas», a verdade que non fun moi orixinal. Agardo poder facerme coa foto que me fixo Bianca Gutberlet.