Artigos

Onte 1124: De drons, ordes mendicantes e novela negra

XG00226701Quedei parvo estes días coas coincidencias de dúas noticias con escenas e tramas de Chovida do ceo, a última novela publicada por Alfredo Conde. A idea do dron que sobrevoa o estadio de Riazor durante un derbi coa intención de despregar unha pancarta ofensiva cos seareiros visitantes, situación retranqueira ideada por Conde na súa novela, foi utilizada durante o partido entre as seleccións de Serbia e Albania, cando un dron coa bandeira da Gran Albania sobrevoou o estadio, o que provocou a súa suspensión e un conflito diplomático entre dous estados con vella inamizade política. Máis sorprendente aínda foi a noticia da destitución que o bispo de Tui-Vigo realizou do fundador de Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo pola súa conduta moral despois de investigar varias denuncias de abusos sexuais, delitos económicos e comportamentos seitarios. Tamén en Chovida do ceo, a novela negra protagonizada polo inspector Salorio, aparecía esta orde das consagradas migueliñas tras moi escuros sucesos de corrupcción acontecidos na catedral compostelá. Tras os uniformes tridentinos e os cánticos que engaiolaron a Bieito XVI agochábase unha seita de organización case militar cuxos membros mantiñan unha perigosa dependencia co líder, o tal Miguel Rosendo.  Ambas as dúas noticias, anticipadas na novela de Conde, amosan a grande capacidade da ficción, neste caso do xénero negro, para representar e explicar a realidade social en toda a súa complexidade. Escritor solidamente documentado, Alfredo Conde en Chovida do ceo ofrece, baixo a aparencia dunha historia de intriga, un retrato acaído desta orde mendicante que baixo a advocación do arcanxo quedou aplastada pola dragón infernal. Recomendo a lectura dunha novela na que non é descartable anticipe novas coincidencias.