Oito de marzo ou a loita pola igualdade
No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a efeméride do 8 de marzo:
Dende a proclamación en 1910 do 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora, a instancias de Clara Zetkin, que propuxo na reunión da Internacional Socialista de Copenhagen lembrar ás obreiras téxtiles que en 1857 saíron a rúa en Nova York para reclamar melloras nas súas condicións de traballo, esta efeméride serviu de referente na loita pola igualdade impulsada polos movementos feministas. Transcorrido máis dun século, conquistados polos feminismos algúns dereitos das mulleres en moitos países (voto, acceso á educación e ao traballo, sexualidade…), recoñecidos dende 1945 pola ONU na Carta das Nacións Unidas e materializados cincuenta anos despois na Plataforma de Beijing, o 8 de marzo continúa sendo unha data de loita a prol da igualdade real entre homes e mulleres e de avaliación dos retos, estratexias e avances no proceso de empoderamento da muller en todo o planeta.
Neste 2016, a ONU acordou como lema do 8 de marzo, “Por un Planeta 50-50 en 2030”, coa intención de que a consecución da paridade de xénero en todos os ámbitos da vida centrase a estratexia das políticas de igualdade na vindeira década. Unha proposta estratéxica internacional, bautizada como “Demos o paso pola igualdade de xénero”, que pretende pechar a fenda de xénero existente (dunha ou doutra maneira) en todas as sociedades, impulsar o empoderamento das mulleres nos máis altos niveis de toma de decisións, eliminar a disparidade de xénero nos eidos educativos e laborais, fomentar a igualdade na vida cívica e social, así como contribuír a mudar os roles e estereotipos de xénero. Unha estratexia paritaria global que reclama a todos os gobernos que asuman compromisos para abordar as dificultades que impiden as mulleres progresar, ao tempo que se responsabilicen de que as políticas de igualdade sexan, e continúen sendo, unha das súas prioridades.
Unha fenda de xénero e desigualdade presente na sociedade galega baixo a forma máis brutal da violencia machista, ese terrorismo doméstico de aparente baixa intensidade, un auténtico feminicidio xerado nos espazos do privado, cuxo número de asasinatos se incrementou de forma alarmante no noso país durante os dous últimos anos. Mais tamén expresada por outras formas visibles e explícitas do machismo (como as agresións, violacións ou abusos sexuais) e outras que semellan invisibles ou máis sutiles, dende os denominados “micromachismos” (tan en voga entre os adolescentes e o modelo do amor romántico e controlador), até as chantaxes emocionais que levan a anulación da muller, desde a linguaxe e publicidade sexista até a humillación e desvalorización que estes milhomes de tres patacos intentan provocan nas súas compañeiras. Violencias machistas, onde está a orixe de moitos asasinatos e agresións, sobre os que a sociedade debería adoptar tolerancia cero.
Mais esta fenda de xénero continúa sendo tamén unha fenda laboral e salarial. Os datos do estudo sobre o emprego feminino, elaborado polo sindicato de CC.OO. sobre estatísticas oficiais de 2012 a 2015, amosan as claras que a desigualdade, o desemprego e a precariedade caracterizan o traballo das mulleres en Galicia durante ese período. A taxa de actividade das mulleres (48,9%) é inferior ao dos homes (58,2%), fenda de case dez puntos que se mantén en todos os tramos de idade, mesmo entre os 16 e 24 anos, onde a das rapazas é de 29,3% e a dos rapaces é do 31,7%, o que quere dicir que traballan sempre máis homes ca mulleres puidesen facelo. Xaora, as mulleres desempeñan o 76,0% dos empregos a tempo parcial (xeralmente para dedicarse ao coidado de menores ou persoas adultas dependentes), sendo a súa taxa de temporalidade do 28,4%, fronte a do 25,6%, como tamén é superior (en 2015) a taxa de desemprego, 18,6% fronte ao 17,0% dos homes.
Xaora, os datos que máis chaman a atención no estudo son os que expresan a desigualdade nos postos de alta cualificación nas empresas, onde hai un 21,0% de ocupación feminina e un 13,0% masculina, mentres que nos de dirección e xerencia supoñen o 2,4% das ocupadas e o 4,9% dos ocupados. En definitiva, hai máis mulleres cualificadas, pero máis homes directivos. Con todo, onde se manifesta aínda máis claramente esta desigualdade laboral en Galicia é que continúa sen pecharse a fenda salarial no sector privado, xa que o salario das mulleres é o 78,06% do dos homes. En definitiva, existe unha importante fenda laboral e salarial en Galicia que precariza a vida das traballadoras con salarios máis baixos, penaliza as súas posibilidades de promoción laboral e do acceso á maternidade. A consecución da paridade en todos os ámbitos da vida social, laboral e política e a erradicación das violencias machistas constitúen, pois, os eixos da loita pola igualdade que neste oito de marzo convoca a homes e mulleres.