Artigos

Onte 1305: Unha literatura europea

pena-e

Xosé Ramón Pena presentou onte o segundo volume da súa Historia da Literatura Galega pronunciando unha conferencia no Club Faro de Vigo sobre «Mitos e realidades arredor da literatura galega». Foi Xosé Luís Méndez Ferrín quen presentou ao autor de Como en Alxeria, cualificando como «o individuo mellor situado para facer unha historia da literatura galega, xa que coñece a lingua, coñece toda a nosa tradición literaria e como novelista que é sabe contar, facer un relato, o máis importante de todas as historias. Pena é un erudito sabio, competente, que sabe narrar capaz de de preparar unha historia ben enfocada e ben contada, que periodiza e analiza, tendo en conta os acontecementos políticos, ofrecendo como outros autores como Anxo Angueira unha nova visión da historia da literatura galega.»

Xosé Ramón Pena nunha lección moi brillante desmontou tres dos mitos construídos de forma prexuízosa arredor da literatura galega: «o de ser unha literatura local, doméstica ou apenas de resistencia», «o carácter de Galicia como país lírico orientado por unha forte sentimentalidade, onde non florece a prosa» e «a falta de continuidade da literatura galega que aparece e desaparece na historia». Para iso analizou tres episodios claves da literatura galega: o período alboral, onde se forxou a lírica e prosa medievais cuxo repertorio é recoñecido polos estudosos europeos; a construción da figura de Rosalía de Castro por parte de Manuel Murguía; e o papel de Manuel Antonio e a incorporación da nosa literatura á vangarda europea.

Pena demostrou a importancia da prosa medieval galega que xa dende o século XIII contou cos relatos da materia de Bretaña pouco despois do texto de Chrétien de Troyes sobre a orixe do Santo Grial, como da materia antiga (con textos como a Historia Troiana e a Crónica Troiana) ou a tradución de partes do Códice calixtino, recollida nesa xoia da nosa prosa do século XIII que é Os miragres de Santiago. A partir da anaálise de tres artigos de Manuel Murguía de 1857, Pena explicou a construción dun novo relato da literatura galega alicerzado sobre a figura de Rosalía de Castro e a falsidade que supoñía afirmar que a literatura galega non tivera continuidade dende o período medieval. «A expresión “Séculos escuros” foi unha creación de Landeira, director de Faro de Vigo, para referirse a un período, do XVI ao XVIII, no que o galego viviu un tempo de decadencia da súa produción textual. Hoxe temos outra visión e contamos con máis textos. Recuperamos a Sarmiento como literato, ao que contribuíron os traballos de Angueira e Ferrín. Hoxe sabemos que durante ese período houbo autores que continuaron na liña da defensa a ultranza do país, denunciaron as aldraxes que padecía e lamentaron o escaso emprego do idioma galego.» Para rematar, Pena analizou as relacións que Manuel Antonio tivo con Jean Epstein, de quen traduciu para o galego en 1922, La poésie d’aujourd’hui, apenas un ano despois de ser publicada, «o que demostra que o rianxeiro estaba conectado coa corrente máis renovadora que unía poesía e cine, como ilusión de movemento». «A literatura galega nuncia viviu allea a Europa, Manuel Antonio coñecía o que estaban facendo os maiores teóricos da literatura de vangarda. Cando deixou de ser unha literatura universal a nosa?»

Onte 526: Méndez Ferrín homenaxea a Xosé Ramón Pena

Xosé Luís Méndez Ferrín aproveitou a presentación de Como en Alxeria en Librouro para realizar unha homenaxe a Xosé Ramón Pena. Comezou o presidente da Academia Galega situando a Moncho Pena como «un dos escritores galegos a revisar no seu conxunto, xa que está na plenitude da vida», definíndoo despois como erudito, catedrático, grande historiador da literatura galega, poeta e magnífico novelista. Ferrín reivindicou o carácter erudito dun autor que «na humildade e na discreción ten outras das suas virtudes».

«Xosé Ramón Pena é un grande historiador da literatura galega. É o único ser humano que fixo unha historia da literatura galega completa. É un coñecedor pleno de toda a literatura nosa, dende a Idade Media ás Vangardas. É impensable non atoparse cos seus textos se queremos abordar calquera dos períodos ou autores da literatura galega», dixo Ferrín para insistir despois na importancia que «Moncho nos seus estudos citase sempre aos seus contemporáneos». Especial importancia concedeulle Ferrín ao ingreso de Xosé Ramón Pena no vello instituto, «na súa obra está latexando o vello modelo de catedrático de instituto, na mesma tradición de Xoán Vicente Viqueira, Ramón Otero Pedrayo ou Xosé Fernando Figueira Valverde, onde radica a pedra principal dos estudos da literatura galega, foi no instituo onde se descubríu a natureza da nosa literatura». «Pena é un coñecedor de linguas clásicas e contemporáneas. Un políglota capaz de ler en moitos idiomas, o que o coloca no universo da Xeración Nós. Busca as novidades directamente, sen pasar polas alfándegas de Babelia,  o que o fai un independentista malgré soi, e mesmo un comunista, a pesar de declararse socialdemócrata. Moncho é todo corazón. É un home que sabe rock and roll», apuntou retranqueiro Ferrín.

Detívose despois o autor de Arraianos na condición de Xosé Ramón Pena como «magnífico novelista desa xínea da que os lectores pegamos nas súas obras até acabalas, xa que todas as súas novelas son dixestibles, engaiolantes, desas que non acabamos nunca de separarnos porque nos atraen». Lembrou Ferrín O reverso do espello, a primeira novela de Pena, tamén a primeira que nos coloca nun mundo histórico. «Xosé Ramón Pena é un novelista histórico. Pode ser a contrarrevolución portuguesa ou a guerra da independencia alxeriana, sitúanos dentro dun problema sendo capaz de ser crible historicamente e suficientemente falso. “Foi así, pero non foi así”, xa que se trata dunha novela que como tal precisa de efectos de verdade». Rematou Ferrín falando de Como en Alxeria, «unha novela que conta unha historia que ten relación con aquel episodio tan duro da historia de Europa». «É unha novela sobre a irrupción dun grupo con cabeza e pensamento que intentou transformar a sociedade. Unha novela na que aparece o reflexo dunha gran polémica política que tivo lugar en Galicia. O enfrontamento do grupo de Piñeiro de Galaxia co da UPG. A historia non foi así [como aparece relatado na novela de Pena], pero o sentido da historia si». Ferrín finalizou advertindo que «esta non é unha novela con chave, o que lle dá un sentido moi feliz. Os personaxes reflíctense noutros, coma nun petróglifo, coma no grande xogo dos espellos, coma na grande literatura, coma na primeira novela de Xosé Ramón Pena».