Artigos

Onte 2049: «Eroski/Paraíso»

Emocioneime onte na presentación nos Multicines Norte de Eroski/Paraíso, esoutra proeza de Jorge Coira e Xesús Ron. Unha «comedia underground», como foi definida polo director chairego nas súas primeiras palabras, que afonda nas orixes do desarraigo e do alleamento da xeración nosa, a dos galegos e galegas que temos hoxe entre 5o e 65 anos. Unha película que completa nas pantallas o pack de Chévere da súa exitosa peza teatral, cuxo texto pode lerse no libro editado por Kalandraka. Ao remate da proxección, Coira confesou das dificultades de meter o cine dentro do cine, un proxecto sempre arriscado, máis aínda cando a peza teatral introducía o cine na escea. Unha viaxe de idea e volta da que os realizadores saen con moita fortuna afondando no traballo de documentación do magnífico texto de Chévere e nas interpretacións absolutamente memorables do cadro actoral.

Emociona cada plano e cada frase de Patricia de Lorenzo, que encarna a unha de tantas nais que nestas tres décadas perderon a súa lingua e case a súa identidade. Conmove tamén a interpretación de Miguel de Lira, ao xeito dun Peter Pan de Arcos, un emigrante soñador e aparentemente inxenuo, aínda capaz de ilusionarse co proxecto cinematográfico da súa filla, que procura nas súas orixes máis íntimas azos de esperanza.

A pesar das gargalladas inevitables da comedia, nalgunhas escenas de morrer coa risa, a pesar das escenas musicais do entusiasmo daquelas noites felices de ansia, o filme vai deixando nos seus coidados detalles un pouso de profunda amargura. Velaí a traxedia da perda dunha paisaxe recoñecible ou a denuncia sutil do agromar dunha nova emigración nun país que semella cada vez máis inviable. Velaí esa escena final inesquecible na que a familia enxerga o seu futuro diante dos andeis. Outra valiosa peza de produción low cost desta sorprendente factoría ficcional do cinema galego independente. Convén non perder este Eroski/Paraíso, paga moito a pena.


</>

Onte 1378: Escena Galega

escena_galegaMagnífica noticia a do ingreso de catorce compañías de teatro e  danza, entre as que están Voadora e Chévere, en Escena Galega,. Esta confluencia ten por obxectivo «reconstruír o sistema escénico galego», propoñer «un novo modelo de subvencións» e «abrir novas dinámicas de traballo entre as compañías». No eido as artes escénicas, como nos da edición, o audiovisual, da música ou das empresas vinculadas a internet (que comparten o proxecto de Culturgal), é imprescindible o fortalecemento do asociacionismo profesional. Compartir experiencias e actividades de formación e innovación, forxar novos modelos de produción e distribución son retos para a nova directiva de Escena Galega, á que lle desexamos azos e fortuna para procurar todas as súas angueiras.

A forza dos públicos

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío dos éxitos recentes de produtos culturais galegos e da celebración de Culturgal 2014, reflexiono sobre a importancia dos públicos na industria cultural galega.

Do 23 ao 25 de novembro de 1989, tres noites de estrea no desaparecido cine Fraga mudaron a historia do cine galego e marcaron un fito na cultura e lingua galegas. Foron as de “Sempre Xonxa”, a película do admirado Chano Piñeiro, protagonizada por Uxía Blanco, “Continental” de Xavier Villaverde e “Urxa” de Carlos López Piñeiro. Tres longametraxes que iniciaban a fantasía de contar cunha industria cinematográfica propia, proxecto polo que apostou economicamente a Xunta de Galicia entón presidida por Fernando González Laxe e da que era conselleiro de Cultura Alfredo Conde. Dende aquelas estreas gloriosas que encheron a platea do Fraga producíronse en Galicia 160 longametraxes, sendo o período do máximo fulgor o primeiro lustro, no que se chegaron a estrear case trinta películas, como repasa a exposición “Cinegalicia25”, inaugurada hai poucos días no terceiro andar do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

PRESENTACIÓN DE "A ESMORGA" EN EL FESTIVAL DE CINE DE OURENSENun contexto moi diferente, mais con idéntico entusiasmo do público, produciuse a semana pasada a estrea comercial da nova película de Ignacio Vilar, “A esmorga”, que adapta o clásico homónimo de Eduardo Blanco Amor. Un éxito rotundo de público para unha película en galego, producida ao cen por cen no país, capaz de convocar (e emocionar) na primeira fin de semana a dez mil persoas nas diferentes salas galegas, o que supuxo fose a segunda con maior recadación media por copia en toda España. Éxito do que goza tamén “Costa da Morte”, a película documental de Lois Patiño, que durante o último ano leva participado en máis de setenta festivais nos cinco continentes, recibindo unha interminable relación de premios, iniciada no Festival de Locarno, e consolidando o fenómeno artístico do “Novo cinema galego”, termo utilizado por revistas como “Cahiers du Cinéma” para referirse á xeración de cineastas á que pertencen Xurxo Chirro, Oliver Laxe, Eloy Enciso, Xacio Baños, Peque Varela, Marcos Nine, Ángel Santos, entre outros.

Mais o do cinema non é o único caso de éxito da produción cultural galega actual. O grupo Chévere obtivo esta semana o premio nacional de teatro, o máximo galardón do Ministerio de Cultura, recoñecendo así a súa traxectoria na que ofreceron unha proposta artística potente de creación colaborativa, innovadora e crítica, na que tanto os seus espectáculos na sala Nasa como os máis recentes en distribución, como “Citizen” ou “Eurozone” (que o venres agotou as entradas no Auditorio do concello de Vigo), sempre contaron co apoio do público. O mesmo sucede coas funcións doutras compañías teatrais galegas como Voadora ou Abapalabra creacións escénicas, a promotora da celebradísima “As do peixe”, ou dos monólogos de Cándido Pazo, Celso Sanmartín e Carlos Blanco, acompañado por Luís Davila, o creador do Bichero de “Faro”, debuxando en directo, que triunfan por Galicia adiante. Outrosí sucede nas presentacións das últimas novidades literarias, como as de Fina Casalderrey, Ledicia Costas, María Reimóndez, Suso de Toro, Diego Ameixeiras, Francisco Castro ou Pedro Feijóo, que convocan o interese de centos de persoas, ou os concertos de música infantil de Magín Blanco, Paco Nogueiras, María Fumaça ou Mamá Cabra, esoutro fenómeno creativo no que a industria cultural galega abre novos vieiros. Sen esquecer a potencialidade da creación de produtos dixitais como “creAPPcuentos”, unha aplicación para android e ios que permite aos pequenos a creación de contos e historias de forma intuitiva, desenvolvida por unha empresa tecnolóxica viguesa e recoñecida internacionalmente. Nin por suposto a vizosa diversidade da actual produción musical galega, que nas últimas décadas abriu públicos máis alá da música tradicional, con propostas recentes tan interesantes como as do Taller Atlántico Contemporáneo, Germán Díaz, Caxade, Guadi Galego ou a dos compositores Fernando Buíde e Juan Eiras…

Espectáculos, artistas e produtos que por ventura contan co apoio dos seus públicos (nuns casos máis amplos ca noutros) nun tempo moi adverso no que, a pesar da importancia económica e o elevado nivel de emprego do sector cultural, practicamente se derrubaron as políticas públicas de apoio á creación e difusión desenvolvidas ao longo do período autonómico. Neste entorno de ruína das políticas públicas e de tránsito entre os soportes da distribución dos contidos, o futuro da industria cultural galega xógase na súa capacidade en gañar espazos de visibilidade e prestixio e na de fidelizar de forma corresponsable aos seus públicos. Eis a importancia de eventos potentes como Culturgal, a feira das industrias culturais, que se celebrará nesta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde se atoparan creadores, produtores, distribuidores e os públicos diversos da nosa industria cultural.

Onte 1158: Chévere, premio nacional

1417011375_588648_1417036975_noticia_normalA noticia da concesión a Chévere do premio nacional de teatro é magnífica, sobresaliente. Recoñécese a creatividade, capacidade de innovación e risco dunha compañía teatral en lingua galega capaz de resistir cunha proposta artística potente, creada en man común, no entorno da crise e da anemia brutal das políticas públicas no eido das artes escénicas. Os seus traballos máis recentes, o espectáculo Citizen, polo que gañaron o Premio da Crítica Galicia 2011, como Eurozone, polo que foron finalistas este ano, amosan a súa capacidade para conectar co público, probablemente acuñada nas numerosas representacións que realizaban na Sala Nasa, a que fora pechada pola miopía reaccionaria daquel alcalde de Compostela, que por ventura ninguén bota en falta. Este nacional tamén é dalgunha maneira un premio, unha luzada para todo o sector do teatro profesional galego, dende as súas compañías aos actores, actrices e persoal técnico, que nestes anos están vivindo os seus momentos máis críticos. Parabéns, Chévere, polo voso talento e compromiso!!!