Listado de la etiqueta: centre_maurits_coppieters
Onte 518: A pegada lingüística e cultural
/en Cultura, Eventos, Lingua, Onte/por bretemasNo magnífico coloquio organizado en Expo-l@ngues 2013 polo Centre Maurits Coppieters quedei interesadísimo coa ponencia que presentou Jordi Balta i Portolés sobre «A pegada lingüística e cultural». O investigador catalán transfire a noción de pegada ecolóxica (o que sería o impacto da acción humana sobre os recursos naturais ao servizo dunha comunidade) aos eidos das políticas lingüísticas e culturais. Nocións que para el están unidas ambas as dúas ás da equidade interxeracional (debemos velar que a seguinte xeración teña o mesmo nivel de recursos e benestar que as anteriores) e de desenvolvemento sostible.
Balta xustifica este concepto de «pegada lingüistica e cultural» polo recoñecemento que nos documentos internacionais se realizou nas últimas décadas dos factores lingüísticos e culturais, xunto aos sociais, económicos e medioambientais, como indispensables para o desenvolvemento humano sostible. Balta considera que é indispensable garantir a equidade xeracional sobre as capacidades lingüisticas e culturais dunha comunidade. Para conseguilo propuxo desenvolver cinco principios: Primeiro, equidade interxeracional, o que obriga a unha visión a longo prazo. Segundo, equidade intraxeracional, o que obriga a garantir o acceso para todas as comunidades e para todos os seus membros. Terceiro, recoñecemento do valor das identidades culturais. Cuarto, cautela, xa que as medidas sobre as políticas lingüísticas e culturais poden ter consecuencias irreversibles. Quinto, holístico, o que obriga a interconectalas con todos os outros elementos, os sociais, económicos e medioambietais. Un enfoque sobre o que paga pena volver e profundizar nos seus documentos.
Onte 517: Expo-l@angues 2013
/en Europa, Eventos, Galerías de fotos, Lingua, Onte/por bretemasConvidado polo Centre Maurits Coppieters, a instancias da Fundación Galiza Sempre, cheguei no serán de onte a Expo-l@ngues 2013 para representar a Galicia nunha mesa redonda sobre «Edición e linguas minorizadas». Tras tres décadas de actividade, este salón parisino sobre as linguas do mundo e o mundo das linguas, dedica esta edición ao impacto do dixital sobre as linguas. A análise das consecuencias do tránsito entre paradigmas da comunicación cultural sobre a difusión das linguas, a súa aprendizaxe e uso é fulcral para o futuro de cada unha delas. Ademais de participar no coloquio, hoxe terei oportunidade de visitar un salón –no que participan sobre todo libreiros, editores, institucións e empresas de servizos lingüísticos– que semella moi atractivo, sobre todo no que atinxe ao ensino e didáctica das linguas. Na primeira ollada chamoume a atención que dentro da representación institucional das nosas linguas oficiais, ademais do Instituto Cervantes, o Institut Ramon Llul e o Etxepare, estivese o IPEX (Instituto de Promoción Exterior de Castela A Mancha). A Xunta de Galicia non participa nesta edición.
Actualización (8-02-2013): Galería de fotos de Expol@ngues 2013.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- A estrela dos afectos24 de Decembro de 2024 - 10:56 a.m.
- Solsticio celta23 de Decembro de 2024 - 9:44 a.m.
- Os Baltar18 de Decembro de 2024 - 4:17 p.m.
- AVE polo Miño17 de Decembro de 2024 - 7:05 a.m.
- Doutrina 79/201011 de Decembro de 2024 - 9:04 p.m.