Listado de la etiqueta: celtismo

Desgrazas celtistas

O celtismo celebrou o gol 200 de Iago Aspas cunha derrota inxusta no tempo engadido, tras un penaltiño inocente de Fran Beltrán, cuxo lanzamento con paradiña incluída de Lewandowski foi detido por Guaita, mais que tras a polémica repetición ordenada polo VAR foi transformado pola estrela polaca. Outro desenlace tristísimo para o Celta de Benítez que afondaba no que tan acertadamente J. Bernardo bautizou nestas páxinas de Faro de Vigo como «síndrome do desconto». E abofé que a xestión pouco competitiva dos minutos de tempo engadido, nos que se produciron erros individuais groseiros, están sendo claves para a puntuación dos celestes. Velaí o que sucedeu a pasada semana no Coliseum de Getafe, tras unha grande remontada conducida por Aspas, mais tampouco esquecemos o penalti absurdo de Mingueza no 96’ en San Mamés nin os tantos encaixados no engadido no Gran Canaria das Palmas e no Montilivi de Girona, que supuxeron a perda de catro puntos, aos que se engadirían outros tantos se ampliamos a relación de desgrazas celestes aos partidos perdidos a partir do minuto 80 (Bernabeu, Mallorca, Montjuic e Sevilla). Unha auténtica catástrofe para a puntuación dos celestes que continúa en cifras críticas, ao borde do precipicio, ás portas de dúas finais inminentes cos rivais directos, a vindeira semana en Cádiz e a seguinte en Balaídos co pechacancelas Almería.

O xigante Iago Aspas, o noso Merlín de Moaña, camiño de superar a marca dos 532 partidos xogados do capitán Manolo, a única que lle resta para converterse (tamén en todas as estatísticas) no mellor xogador celeste de todos os tempos, despois desta enésima desgraza in extremis, precisou diante das cámaras que no Celta «somos 99 % de sufrimento e 1 % de felicidade», poñéndolle así cifras precisas á xenial intuición de Pucho na súa «Oliveira dos cen anos»: «na ledicia (1 %) son celeste, celtista no padecer (99 %)». Con todo, lonxe de deitarse nos brazos do fatalismo, como fixera dende aquel debut extraordinario, o 6 de xuño de 2009, no que con dous goles nos minutos finais do partido co Alavés salvou ao Celta do temible descenso a 2º B, no que foi unha das tempadas máis patéticas que lembramos aos nosos, Iago Aspas confesa na mesma entrevista que «non o van deitar á primeira, iso o teño moi claro». Velaí que esta afouteza celtista de Iago, como a doutros xogadores celtistas do cadro, que comparten coa nosa estrela ese compromiso de non renderse nunca, sexa a maior esperanza coa que contamos para superar esta letal síndrome do desconto e afrontar con maiores garantías os trece partidos que restan desta liga horrible con Rafael Benítez no banco.

Na tarde do sábado diante dun Barça, que semellaba viña en horas baixas, o Celta non mereceu perder, a pesar do espírito conformista da primeira metade, na que soubo interpretar moi correctamente a pizarra defensiva de Benítez, suxeitando a Pedri e Yamal, até que Lewandowski no 44’ superou cunha finta sutil a Starfelt e marcou cun xute cruzado ao que non chegou Guaita. Por ventura, o descanso sentoulle ben aos celestes que no primeiro minuto empataron grazas ao gol histórico de Aspas, un remate no que contou coa colaboración inesperada de Koundé, tras unha gran asistencia de Mingueza, que recibira outro extraordinario taconazo de Xurxo Larsen, na súa pelexa infatigable cos centrais visitantes. E por fortuna para a bancada celtista, sequera por unha vez, Benítez animou aos seus a non conformarse, grazas ás batallas que Beltrán e Tapia foron gañando a De Jong e Pedri, que sería substituído. Mágoa que no Celta, coa excepción das transicións de Luca de la Torre, cada partido máis fino, non conseguise traducir a súa superioridade tamén na área rival. E cando xa semellaba inevitable o empate, apareceu sobre a anovada lameira do Fragoso, a síndrome do desconto e foise todo á garra, os xogadores desolados e a bancada triste. Outro exercicio de puro celtismo do padecer.

Con todo, a pesar do panorama tan desgraciado do sábado, o Celta de Aspas amosou contar con sobrados recursos atacantes, e o que aínda é máis valioso, posúe unha vontade inquebrantable de non renderse. Afouteza, porén, que precisa de maior atrevemento de Benítez para dominar os partidos, tamén, dende a primeira parte, e para afrontar de forma máis folgada os temibles derradeiros minutos. Velaí o camiño por onde poden chegar as dúas vitorias que tanto precisamos fronte a Cádiz e Almería.

Publicado en Faro de Vigo: 19/02/2024

Onte 1565: Ilusión e inocencia

ATLÉTICO MADRID VS CELTA

Tras a saída da presentación d’ A Galicia urbana en Pontevedra, apenas puiden escoitar no coche os últimos minutos da narración que Jacobo Buceta fixo da proeza do Celta no Manzanares. Emocioneime, abraiado por unha segunda parte na que os nosos dobregaban a un durísimo Atlético. Sentinme coma un deses centos de celtistas novos da diáspora que siguen ao Celta conectados a internet desde Toronto, Nova York ou Berlín, vivindo a emoción do celtismo como unha compoñente da súa identidade. Esta vitoria de copa é, quizais, a máis importante do Celta de Berizzo, tanto pola relevancia da eliminatoria e do rival coma pola ilusión que xera no celtismo de aquén e alén, abrindo outra xaneliña para continuar o seu soño humilde. Xaora, foi a de onte un triunfo da pizarra de Eduardo Berizzo e da súa afouteza para asumir os maiores riscos, mesmo o da vergonzosa actuación do sábado en Vallecas. Como, e sobre todo, a demostración do valor de manter un modelo de xogo colectivo, no que se combinan doses de intensidade e beleza. Este pase do Celta a semifinais amosa que neste deporte e espectáculo, tan prostituído polos intereses do mercado e os prexuízos do centralismo, aínda existe unha fenda para a inocencia e ilusión que representa un equipo como o Celta.

Onte 1544: A camiseta é a camiseta

a_camiseta_e_a_camiseta

Non podo deixar de recomendar esta peza memorable sobre o que é o sentimento celeste. 75 segundos de emoción sostida a rentes da lameira do Fragoso na que se repasa os mitos recentes e a identidade dun equipo de todos e todas. A locución de Eduardo Berizzo pasará a historia do celtismo. «Isto é máis que 150 gramos de tea celeste, é máis que a camiseta celeste, é a camiseta nosa. É unha camiseta que chora, que sente, que estoura na bancada, que sabemos estivo abaixo, mais que tamén moi arriba, non é unha camiseta só para os domingos é unha camiseta para toda a vida.» O ton épico do texto e a locución maxistral do adestrador arxentino, que se recrea nos matices e no ritmo de cada frase, dálle ao vídeo unha inagardada emotividade. Excelente nadaliña celeste.