Onte 592: Con don Xesús
Acompañei ao profesor Xesús Alonso Montero na súa primeira tarde pública como presidente da Real Academia Galega. Unha xornada maratoniana que comezou moi cedo con dúas entrevistas de mañanciña na Televisión de Galicia en San Marcos, continuou cunha conferencia ás once da mañá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra sobre o corenta aniversario da publicación do Informe dramático da lingua galega, e rematou pola tarde en Ferrol coa presentación na Feira do Libro de Castelao na Unión Soviética en 1938. Ademais de participar nos actos con grande enerxía, o profesor atendeu aos xornalistas no móbil e ás constantes chamadas das amizades para expresarlle os seus parabéns. De regreso a Vigo, seguimos no coche a narración de Xaime Escudeiro do partido decisivo do noso Celta e berramos o gol de Bermejo coma se estivésemos en Río Alto. Moitas emocións e esforzo para unha persoa de 84 anos que a primeira hora do día seguinte ten que coller o tren no Areal para enfrontar a súa primeira xornada no despacho de Tabernas. En Ferrol, acompañado polos seus amigos Xosé María Dobarro e Iolanda Díaz (dixo que era «a primeira vez que unha deputada lle presentaba un libro«), diante dun grupo moi numeroso de camaradas e seguidores, que deixaron moi pequena a carpa da Feira do Libro, o novo presidente da Academia confesou o seu estado de ánimo: «Con troica ou sen troica, aínda quedan os afectos. Grazas a eles queda un pouco de entusiasmo». Agardo para o benquerido Xesús o mellor nesta difícil angueira. Abofé que posúe valía, teimosía, corazón, independencia e entusiasmo abondos para acometela.