Listado de la etiqueta: cardoso

Campo do Fragoso CCXXIV

DECEPCIONANTE TEMPADA

O pasado sábado o Celta rematou a súa triste andaina cun empate decepcionante ante un moi digno Raio Vallecano xa descendido. Un partido horrendo dos nosos, na primeira parte case vergonzoso, como foron outros moitos desta tempada, a peor das oito últimas en primeira, na que se conseguiu evitar o descenso in extremisgrazas ao apoio responsable e teimoso da afección celtista e os seus recibimentos espectaculares e desprazamentos heroicos, ao talento e a afouteza de Iago Aspas e aos resultados decisivos (é de xustiza tamén recoñecelo) do Levante e do Deportivo Alavés fronte ao Girona do bo de Eusebio, o noso rival directo.

Un partido e toda unha tempada decepcionantes para o celtismo na que apenas brillou (e como!) Iago Aspas, convertido no mellor xogador celeste da historia, tanto polo seu palmarés como internacional e goleador (aí o seu terceiro Zarra consecutivo, mesmo perdendo por lesión un terzo da competición), pero tamén polo seu xogo de fantasía, pola súa actitude incansable, pola súa dignidade e o seu fair play como futbolista profesional, tanto na lameira como no ximnasio ou na praia durante os meses da súa recuperación, e sobre todo por ese corazón celeste capaz de liderar e facer moito mellores aos seus compañeiros.

Foi o do Raio un partido no que os de Fran Escriba saíron medrosos, non compareceron en xornada tan decisiva para a afección celeste até pasada bastante máis dunha hora de xogo, cando Medrán sen marca ningunha marcou dun dereitazo o segundo gol dos vallecanos. Un tanto que provocou un silencio mesto nas bancadas do vello Balaídos, tinguindo as facianas celestes da ollada da vergonza de quen sabía ao seu Celta salvado mais que non recoñecía en semellante actitude a alma do seu equipo. Por ventura, apareceu entón o noso Aspas que nunha arrincada de dignidade celtista nivelou en apenas dez minutos a táboa de marcas, aproveitando primeiro un penalti, que executou coa súa mestría característica, e despois marcou un segundo tanto cun taconazo de fantasía sobre o pao longo, aproveitando un centro de Olaza, un dos pocuos celestes que mereceron o aprobado.

Remataba así, coa tristeza instalada na respiración dunha bancada consciente do pobre nivel de xogo e avergonzada pola actitude anémica do seu equipo, unha liga na que fracasou de raíz o “proxecto europeo” vendido polo presidente Carlos Mouriño e polos máximos xestores deportivos do clube, o director xeral Antonio Chaves e o director deportivo Felipe Miñambres, responsables das fichaxes de adestradores e xogadores, que nalgúns casos se demostraron auténticas ocorrencias (Mohamed, Cardoso, Mor, Jensen, Hjulsager…) como na xestión do vestiario (Radoja, Sisto, Roncaglia, Borja Iglesias…). Un proxecto fracasado baseado na pretensión de formar en Balaídos fichaxes ou cesións de promesas internacionais low cost que, probablemente, coa excepción de Maxi Gómez, produciu máis desarraigo e desimplicación no vestiario ca entradas millonarias para o propietario do club.

Tras semellante fracaso, que ten todas as trazas de constituír a fin dunha etapa, non vai ser doado colocar o contador a cero, como solicitou con autoridade o propio Iago Aspas, ao remate do encontro co Raio. O Celta actual, se non queremos recuncar no esperpento sofrido estes últimos meses, reclama unha auténtica revolución do seu proxecto deportivo que pasa probablemente pola mudanza da súa dirección deportiva e pola apertura dunha nova etapa liderada de forma indiscutible por Iago Aspas e protagonizada polos canteiráns comprometidos con el e, mágoa, por moi poucos máis dos xogadores actuais, que asumen a identidade celeste como unha idea de bo xogo e compromiso incansable cunha camiseta.

Carlos Mouriño, propietario do clube e presidente dende hai trece anos, máis alá do seu particular interese en contar con espazos comerciais e competir en protagonismo coa alcaldía da cidade, debe decidir estes días como e quen debe levar deportivamente o Celta do centenario (2023). Agardemos que abra unha nova etapa acuñada cos valores celestes que co seu respectuoso silencio reclamou o sábado a maioría dunha bancada decepcionada por semellante tempada.