Vigo british
No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a pegada british na memoria viguesa.
Non debería sorprendernos que o xornal londiniense The Guardian volva recomendar Vigo como unha “alfaia turística agochada” para facer unha escapada, despois de escoller hai oito anos a de Rodas como unha das mellores praias do mundo –cualificándoa como “un paraíso virxe”– e colocar hai uns meses ás Cíes entre as dez mellores illas de Europa. A apertura do voo de verán entre Peinador e Luton, sen dúbida, facilitou a publicación desta nova reportaxe na que se salienta que “debaixo do que nalgunhas ocasións parece unha cidade granítica late o corazón da que é unha das cidades máis vitais e esperanzadoras de España”, sen esquecer recomendar ao visitante subir ao Castro, ruar polo Casco Vello xentrificado, visitar o Marco e o Museo do Mar, facer picnic nas Cíes e gozar das súas “praias marabillosas” e da súa vida nocturna “vibrante”. Palabras que axudan a reforzar a imaxe de Vigo e da súa área metropolitana no mercado turístico do Reino Unido como unha das máis atractivas cidades portuarias atlánticas que, a pesar da súa estirpe industrial, ofrece un extraordinario patrimonio natural.
Non vaiamos pensar que Vigo é unha cidade descoñecida no Reino Unido. Xa a comezos do século XVIII, os pioneiros xornais londinienses publicaban noticias do acontecido o 23 de outubro de 1702 na Batalla de Rande, para eles “Battle of Vigo Bay”. Aquela vitoria na ría de Vigo da escuadra anglo-neerlandesa, ao mando do almirante George Rooke, sería lembrada coa apertura dunha pequena rúa (“Vigo lane”, hoxe “Vigo street”), apenas douscentos metros, no centro de Londres, situada entre Regent Street e Burlington Gardens, preto de Picadilly Circus. Como tamén o é pola presenza dunha importante colonia británica, dende a apertura en 1873 da comunicación cablegráfica entre o noso porto e as illas británicas, que a Eastern Telegraph Company mantería até 1969. A colonia do aquí chamado como Cable Inglés, estudada no magnífico libro de José Ramón Cabanelas Comesaña, “Vía Vigo” (IEV, 2014), facilitou a chegada temperá a Vigo dos deportes de orixe británica como o fútbol –en 1876 fundouse o Exiles FC, formado por telegrafistas do Cable, e en Vigo xogouse o primeiro partido de fútbol da península–, mais tamén doutros como o rugbi, ping pong e tenis sobre herba, así como a incorporación dalgúns costumes e do espírito do “fair play”, que agora consideramos propios. Pegada que quedou no nome dalgúns establecementos vigueses como os cafés Derby e Nuevo Derby, o Sport, confeccións Esmar e, sobre todo, en moitas familias de orixe británica asentadas hoxe en Vigo.
As comunicacións cablegráficas utilizando a linguaxe morse situaron ao Vigo de comezos do século XX e ao seu porto, como un dos referentes da fachada atlántica europea. Pegada que afondou durante os anos de ambas as dúas guerras mundiais, cando en Vigo traballaban axentes de diversos servizos de información, nunha guerra silenciosa de espionaxe polo control do volframio e polas comunicacións marítimas no Atlántico norte. Como non esquezamos que despois de finalizada a Guerra Mundial, nos anos máis difíciles da ditadura, o porto de Vigo mantivo liña marítima aberta co de Southampton até finais dos anos setenta, pola que chegaron aqueles míticos autobuses de dous pisos mercados pola empresa de Tranvías de Vigo que nunca chegarían a circular. Porén, a conexión co maior porto do sur de Inglaterra facilitou a incorporación en Vigo dalgunhas das novidades de consumo das illas, sobre todo polo funcionamento do mercado informal da Pedra, que surtía aos vigueses dos xabóns Lux, dos desodorantes Lander, de marcas de tabaco inglés, de pantalóns vaqueiros, de galletas Family Circus, de chocolates Cardburys, mais tamén de penicilina e as primeiras marabillas da tecnoloxía electrónica como transistores e pick up. Felizmente, a conexión con Southampton foi recuperada polas escalas frecuentes de grandes transatlánticos, que supoñen a posibilidade de que este ano visiten Vigo case 300.000 cruceiristas, que xa forman parte da identidade da cidade actual.
No entanto, a World Fishing Exhibition, que recalou por vez primeira en Vigo en 1973, era probablemente o acontecemento vigués máis impregnado desta pegada british, tanto pola súa xestión por parte dunha empresa británica, polo feito de coincidir cunha conferencia internacional de ministros de pesca, como por ser inaugurada, dende a edición de 1985, co desfile dos membros da The Band of the Wels Guard da raíña Sabela II, enfatados de vermello cos seus gorros de pel de oso. Como tamén conserva esa pegada a tradición tan viguesa dos concertos gratuítos en Castrelos, que nos últimos veráns semella en perigo de extinción, ou na confianza teimosa nas cores do equipo celeste e na súa canteira. Vigo conserva a pegada british.