Listado de la etiqueta: benjamin_day

Contafíos

Gustei sempre do contafíos que utilizaba Xosé García Crego, director de edición de Xerais durante décadas. O contafíos é unha lupa de gran aumento montada sobre un soporte pregable con forma cadrada que serve para revisar a policromía da tinta sobre o papel e verificar o número de fíos que percorren o urdime dun espazo de fío. A súa inicial utilidade téxtil, para determinar a calidade e a densidade dunha tea, conectou coa súa resonancia gráfica. Foi Benjamin Day, fundador de The New York Sun (1835), quen utilizou por vez primeira o contafíos na edición. Pretendía revisar a inxección de tinta no seu xornal e identificar as capas de impresión que podían permitir a aparición de certas texturas. Grazas a súa estrutura, que separa a lupa da súa base, o contafíos permitiulle situarse a unha distancia óptima para revisar con atención minucias que entón pasaba desapercibidas. Grazas ao uso do contafíos, Day logrou configurar degradacións de cor que o deseño gráfico chamou «tramas». Esta subdivisión de puntos á hora de inxectar a tinta permitiulle artellar unha escala de grises e así obter determinadas tonalidades. Unha revolución na impresión, que permitiría a publicación de debuxos e anos máis tarde de fotografías. Revolución gráfica das tramas que remite, se non abondasen as circunstancias anteriores, ás relacións existentes entre os olores dos tecidos e das tintas de impresión. Foi Santiago Hernández Zarauz no seu libro Cuentahílos. Elogio del editante (Trama 2023) quen propuxo que o nome desta lupa, con tal alta precisión no enfoque, fose utilizado para referirse a calquera análise arredor do mundo da edición. Esa foi a razón pola que escollín «Contafíos» como epígrafe desta sección semanal de Nós diario na que nos tres últimos anos debullei temas relacionados coa lectura, escritura e edición, mais tamén, abrindo o gran angular, co estado da lingua e da educación non universitaria. Grazas aos responsables do xornal e ao lectorado interesado, cando remata esta angueira. Beizón.

Publicado en Nós diario: 3171272025