150 anos de recheos
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos recheos da ría de Vigo:
A Autoridade Portuaria de Vigo (APV) anunciou en novembro que o Ministerio para a Transición Ecolóxica autorizou a ampliación da explanada anexa ao porto pesqueiro para dar garantías sanitarias preventivas fronte ao Covid-19 ás actividades portuarias. Apenas un eufemismo administrativo para comunicar de forma politicamente correcta que decontado comezará o recheo con bloques prefabricados, previsto dende hai anos, dos 8.300 m2 existentes no espazo portuario situado entre os peiraos de Beiramar situados diante da grande cristaleira central do Auditorio Mar de Vigo. Outro recheo que transforma o perfil urbano costeiro xa que neste caso modificará a relación entre o edificio do arquitecto César Portela coa súa contorna, afastándoo 120 metros máis da lámina de auga e substituíndo dende a galería a vista do atraque das embarcacións de altura pola dos camións que dan servizo á lonxa. Recheo que, en definitiva, afasta outra migalla o mar da cidade, deixando no grande baúl dos proxectos vigueses esquecidos o da construción da continuidade do túnel de Beiramar entre o Berbés e os estaleiros de Barreras, coa intención de liberar o tráfico en altura e contribuír a rexeneración urbana dese espazo hoxe degradado.
Un novo episodio desa longa historia de 150 anos de recheos vigueses, dende aquel primeiro de 1870 que autorizou a Emilio García Olloqui a urbanizar os terreos gañados ao mar (64.000 m2) dende as rúas da Laxe e Vitoria ao que hoxe é comezo de Velázquez Moreno, onde chegaba a praia. Dende entón, mellorouse o peirao da Laxe e construíuse o peirao comercial do Ramal (hoxe Colón), primeiro de madeira, despois de ferro (1891), onde chegaría o tren (1898) polo famoso túnel baixo a rúa García Barbón. Como ao ritmo do desenvolvemento destas novas infraestruturas portuarias, naceu a chamada «Nova Poboación», abríndose nas décadas fineseculares os xardíns das Avenidas, a actual Alameda de Compostela e as súas rúas contiguas de brillante edificación pétrea. Recheos vigueses continuados no século XX, co plan do enxeñeiro Eduardo Cabello (1910), concibido para un Vigo de 45.000 habitantes, que supuxo unha década despois a construción en espazos gañados o mar dos novos peiraos no Berbés e no Areal, o que mudaría de forma irreversible a organización dos usos dos espazos portuarios vigueses. Recheos que non pararon no século XXI, desde a ampliación en 2005 de 150.000 m2 do recheo de Bouzas, que lle roubou cen metros á ría. Xaora, non se pode entender a historia do Vigo contemporáneo sen a súa pulsión continua de aterrar o tesouro da súa ría, o seu primeiro patrimonio natural.
E o que chama a atención do caso é que Autoridade Portuaria de Vigo, dende hai unha década en mans do Partido Popular de Galicia, pretende continuar con novos aterrados, presentados no seu Plan Estratéxico 2018-2028 coa etiqueta de «crecemento azul (sostible)» coa intención de gañarlle á ría outros 200.000 m2, no recheo de Bouzas, no peirao transversal e comercial de Guixar e nos diques baixo do monte da Guía. Aterramentos xustificados sempre pola APV para gañar novas liñas de atraque debido á suposta necesidade de contar con máis superficie para desenvolver a actividade portuaria. Un suma e segue que de executarse reduciría nun quilómetro a distancia que hai un século existía entre o peirao de Bouzas e a Punta de Rodeira de Cangas. Unha auténtica barbaridade denunciada pola Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes que lamenta os efectos nocivos que os recheos supoñen para a actividade turística, pesqueira e marisqueira da ría, onde existen dous espazos naturais protexidos, as illas Cíes e a enseada de San Simón, propoñendo como saída para un desenvolvemento sostible do porto de Vigo unha reconsideración do uso dos espazos portuarios actuais de toda a ría.
Cunha nova delimitación dos usos dos espazos portuarios, eliminando as actividades industriais, comerciais e terciarias alleas aos sectores marítimo, naval e pesqueiro, sería posible erradicar a política dos recheos como única fórmula para afrontar ás novas demandas de tráficos e sostibilidade ambiental. O que ademais obrigaría a APV a delimitar os usos do dominio portuario de toda a ría e aumentar de forma significativa as desafeccións de espazos que fosen cedidos á propia cidade para o uso público da veciñanza. Unha delimitación de usos que non pode deixar fóra as posibilidades enormes ofrecidas pola PLISAN, o porto seco de Salvaterra As Neves, nin tampouco facer efectiva a intermodalidade das instalacións portuarias coa autoestrada e no futuro co tren do Eixo Atlántico. En definitiva, despois de século e medio, parar de aterrar a ría de Vigo é posible sen comprometer o futuro do porto de Vigo. Cómpre afouteza da presidencia da APV para afrontar esta demanda cidadá.