Artigos

Onte 1495: Memorable «De remate» en Compostela

De_remate_Couceiro_06-11-2015

Vivimos onte en Couceiro unha presentación memorable. Na libraría compostelá non entraba un agulla máis para participar na estrea literaria de Héctor Cajaraville, gañador do Premio Xerais de Novela 2015 con De remate. Abriu o serán literario a proxección do fantástico documental de César Galdo, á que seguiu unha fantástica intervención de Pilar Ponte, capaz de comunicar un entusiasmo contaxioso pola lectura dunha novela que encadrou na Narrativa 2.0 polo seu emprego da elipse narrativa e procura da participación activa do lector. Aprofa debullou diversos argumentos para compartir De remate, dende o seu carácter de retrato social galego, que lembra a aquel millón de vacas de Rivas de hai dúas décadas, pasando polo seu carácter de historia de desamor, a mesura do personaxe, o tratamento do papel das mulleres, a súa calidade lingüística e diversidade textual, até a súa portada ao xeito Pet Shop Boys. Pola súa banda, Héctor Cajaraville, tras expresar os agradecementos e a súa emoción por esta primeira presentación, insistiu na temática variadísima da novela, na total liberdade coa que encarou a escrita, así como a súa intención que fose unha novela divertida, mesmo a pesar de abordar unha morte anunciada na primeira páxina. Un serán inesquecible, intenso, onde moito rimos e nos emocionamos.