Artigos

O ano das Irmandades

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a celebración do centenario da creación das Irmandades da fala.

A_Nosa_Terra,_1916Case no abrente de 2016, no que homenaxeamos o 17 de maio a Manuel María e lembraremos o centenario do nacemento dos poetas Miguel González Garcés, Manuel Lueiro Rei e Lorenzo Varela, non podemos esquecer que será tamén o ano das Irmandades da Fala. Unha conmemoración dun centenario histórico: o da creación dunha organización cultural e política que por vez primeira se definía como nacionalista e consideraba a Galicia un suxeito político. As Irmandades supuxeron un xeito novo de entender o país, superador da ideoloxía rexionalista, abrindo un vieiro novidoso para o porvir do país e do idioma e cultura galegas.

Centenario promovido por unanimidade de todos os grupos do Parlamento de Galicia que no pasado mes de abril instaron á Xunta de Galicia a declarar 2016 como “Ano das Irmandades da Fala” e a estabelecer “un programa de actividades conducentes a divulgar o coñecemento do encomiable labor desta organización, animada polo propósito de traballar pola consecución dunha Galicia máis culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma”. Centenario que sabemos xa está sendo preparado por institucións como o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, que anunciaron as primeiras iniciativas do que debería constituír unha gran celebración colectiva.

O xermolo das Irmandades estivo na campaña que Antón Vilar Ponte iniciou o 5 de xaneiro de 1916 nas páxinas de La Voz de Galicia promovendo a creación da Liga de Amigos do Idioma Galego, unha organización concibida para defender, fomentar e dignificar o uso do galego. Respondía así o chamamento que Aurelio Ribalta fixera uns meses antes dende a revista Estudios Gallegos reclamando unha defensa da lingua galega. O 21 de marzo de 1916, Antón Vilar Ponte publicou o folleto Nacionalismo gallego (Apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional no que perfilaba un argumentario que situaba o idioma como cerna da identidade galega: “a nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal”. O 18 de maio Vilar Ponte convocou nos salóns da Academia Galega, daquela radicada na coruñesa rúa de Rego de Auga, unha xuntanza na que vinte persoas acordaron a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala da que o propio Antón sería o seu primeiro conselleiro.

Despois da creación da agrupación coruñesa, no mesmo ano 1916 foron constituíndose con idénticas finalidades de defensa da lingua outras irmandades en Santiago (o 28 de maio, presidida por Lois Porteiro Garea, participante na xuntanza coruñesa), en Monforte, Pontevedra, Ourense e Vilalba, chegando a contar o movemento con duascentas persoas, a maior parte delas intelectuais e profesionais liberais. O proceso delongouse nos dous anos seguintes no que se chegaron a formar até 28 irmandades locais, que agrupaban a setecentos afiliados, ademais das emigrantes radicadas en Madrid, La Habana e Buenos Aires, nas que se organizaban cursos de galego, xogos florais, exposicións e recitais, ademais de incorporar devagariño iniciativas de carácter político. A aparición o 14 de novembro de 1916 do primeiro número do periódico A Nosa Terra, voceiro das Irmandades, publicación galega monolingüe con 2.000 suscritores, unha cifra moi respectable, así como a celebración en Lugo da Iª Asemblea Nazonalista o 17 e o 18 de decembro de 1918, supuxeron a consolidación das Irmandades como o movemento nacionalista galego que, entre outros obxectivos, procuraba a autonomía integral de Galicia, a cooficialidade do castelán e o galego ou o ingreso de Galicia na Liga das Nacións.

Este desenvolvemento do pulo das Irmandades foi parello o das agrupacións e coros folclóricos tradicionais, iniciado en 1915 en Ferrol con Toxos e Frores e Lugo con Cántigas e Aturuxos, e que continuaría no 1916 na Coruña con Cántigas da Terra, en Pontevedra con Foliadas e Cántigas e Mondariz con Agarimos da Terra. Agrupacións musicais que no marco das ideas galeguizadoras das Irmandades, pretendían recuperar o patrón de enxebreza musical nos seus repertorios (alalás, foliadas, muiñeiras…), o emprego de instrumentos tradicionais, o coidado do vestiario dos participantes, a exaltación dos símbolos nacionais (himno e bandeira) e o fomento do emprego da lingua galega.

A celebración deste Ano das Irmandades é unha oportunidade excelente para facer balance dun século decisivo na historia de Galicia e da contribución que fixo o movemento nacionalista. Como tamén o é para valorar o estado actual da lingua, a trabe de ouro das Irmandades, así como para recuperar do esquezo algunhas figuras esenciais daquel pioneiro agromar nacionalista, como a dos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte.

Onte 502: Pardo de Cela

O achado do testamento do mariscal Pardo de Cela cuestiona a lenda de quen foi considerado pola historiografía galeguista como o derradeiro noble galego resistente. Segundo o historiador Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, o mariscal nin foi partidario de dona Xoana a Beltranexa nin foi irmandiño nin foi degolado o 17 de decembro de 1483 (senón o 3 de outubro do mesmo ano) e, por riba, deixou un fillo bastardo. Mi madriña! Esváense así entre a brétema da historia algúns dos compoñentes principais do mito forxado arredor do heroe decapitado na praza Maior de Mondoñedo (por mandato do gobernador do Reino nomeado polos Reis Católicos), case un mártir do que sería unha Galicia tardomedieval independentista dirixida pola súa nobleza. Mito acuñado, en boa medida, polos historiadores románticos do século XIX, primeiro por Benito Vicetto (Los hidalgos de Monforte) e logo Manuel Murguía, recollido no século XX por Vicente Risco, Castelao, Leiras Pulpeiro ou por Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte na súa traxedia en verso O Mariscal, e que chega aos nosos díasNo obstante non debemos chamarnos a engano, xa hai tempo, o historiador Carlos Barros puxera en evidencia algunha das falsidades que se teceron sobre a figura do mariscal como dalgúns outros mitos da historiografía galeguista alicerzados no tránsito decisivo entre a Idade Media e a Moderna. Abandonar de vez o enfoque decimonónico (mítico) da historia política de Galicia e ofrecer un relato alternativo baseado en datos e fontes contrastadas é unha condición imprescindible para desenvolver no século XXI o discurso de Galicia como nación europea.