Sufrimos todos xuntos
Confesouno o simpático Xurxo Larsen sobre a lameira ao remate do partido do serán do pasado venres: «sufrimos todos xuntos!». Unha frase que resume o alivio e a unión que para o cadro de xogadores, técnico e afección celeste supuxo a vitoria raquítica e sufridísima ante o Almería, pechacancelas da categoría que no que vai de liga non gañou aínda partido ningún. Un triunfo celeste a todas luces merecido, mais ao que non foron alleos nin a enésima interpretación do VAR do que é fóra do xogo, anulando un gol aos celestes no minuto 20, como as desgrazas dos visitantes, que competiron media hora con dez xogadores, tras a expulsión de Langa, e practicamente con nove durante o decisivo derradeiro cuarto de hora, tras a lesión de Leo Baptistao cando Gaizka Garitano xa fixera os cinco trocos. Tres puntos de ouro que axudarán a calmar a ansiedade de equipo e afección, pero que non poden agochar nin o discreto xogo celeste nin a que semella irreversible perda de confianza dunha parte moi considerable da bancada con respecto ao sistema e ás formas do señor adestrador, apupado en diversos lances do encontro.
Un partido, ademais, para a historia xa que despois de quince anos e 676 encontros, o Celta presentaba un once sen participación de canteirán ningún, o que sancionado Iago Aspas e con Carlos Domínguez no banco pode explicarse tanto como mostra da traxectoria errática da propiedade do club sobre o valor da canteira, incluídos traspasos, castigos e ausencia de empatía e agarimo coas promesas nosas, como a escasa simpatía que dende a súa chegada expresa o adestrador actual polo espírito da Madroa. Papel da canteira que Benítez reduce a un revulsivo in extremis, como amosou o venres cando para afrontar a temible síndrome do tempo engadido, incorporou faltando apenas seis minutos de xogo a Hugo Sotelo e Hugo Álvarez que axiña amosaron unha tranquilidade e un sentido na circulación e posesión da pelota que até entón lle faltaba aos seus compañeiros. Unha desconfianza na canteira nosa, que o míster non agocha nas súas disertacións, mais que coincide cunha tempada excelente para o Celta Fortuna de Claudio Giráldez, que utiliza un estilo de xogo combinado e formativo dunha escola futbolística moi distinta á do cada vez máis discutido Benítez.
O mellor do partido dos celestes foi o gol de Óscar Mingueza, nesta ocasión centrocampista destro, que no minuto 72 desatascou un partido no que os celestes se abaixaran tras a anulación polo VAR no 20 dun tanto de Bamba. Un xeitoso gol fantasma froito dunha xogada iniciada tamén polo catalán que sobre as costas dos defensas visitantes enviou a bola sobre Luca de la Torre que mellorou a xogada servindo de forma maxistral sobre o internacional costamarfileño. Unha anulación que nun serán de moita choiva funcionou como outro balde de auga fría sobre o ánimo dos celestes, que quedaron case conxelados cando os visitantes dispuxeron da súa única oportunidade, unha chegada pola banda dereita na que Langa xutou sobre a base do poste con Guaita superado. Un susto do que os nosos non se recuperaron até ben entrada a segunda parte grazas en boa medida ás conducións de Bamba pola banda esquerda (mágoa que non resolvese mellor as finalizacións) e, sobre todo, polo bo criterio de Luca de la Torre, o mellor dos celestes, capaz de romper as liñas dos almerienses e de introducir criterio, algo pouco frecuente no Celta actual. Así chegou o gol de Mingueza froito dun xutazo case dende a frontal ao que non chegou Maximiliano, o excelente gardameta do Almería, que até entón salvara ao seu equipo nos remates de Larsen e nunha cabezada de Douvikas.
Por ventura, nesta ocasión o Celta superou satisfactoriamente a desacougante síndrome do tempo engadido, en boa medida grazas a inferioridade numérica na que quedaron os visitantes, o que non impediu que, estando abonado aos finais co marcador moi axustado, o sufrimento na lameira e na bancada se alongase até o final. Foi entón decisiva a entrada na lameira dos Hugos axudando a manter a posesión, mentres a bancada agardaba co corazón na man o derradeiro asubío arbitral. En resumo, un triunfo merecido, mais sen floreos, que mantén ao Celta na loita pola supervivencia que terá a súa vindeira final en Balaídos o 31 de marzo ante o Raio Vallecano. Agardemos lembrar esta horrible tempada do Centenario só como aquela na que sufrimos todos xuntos para conseguir unha nova permanencia.
Publicado en Faro de Vigo: 03/03/2024