Artigos

Onte 1136: Premio Nacional para o «Ulises» de Galaxia

Cando regresei de traballar no Porto souben da noticia do Premio Nacional de Tradución para a versión galega do Ulises de Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle. A calidade do traballo literario do texto galego editado por Galaxia é incuestionable, como xa foi recoñecida polos premios outorgados por editores, libreiros e escritores; como tamén é de gabar o risco asumido pola editora viguesa publicando un dos cumes da literatura universal nun dos momentos máis adversos para o mercado do libro literario en lingua galega.

Na cada vez máis ampla nómina de premios nacionais da edición galega, penso que está é a quinta vez vez que se outorga un nacional a unha tradución galega. Xaora, convén lembrar que en 1985 Teresa Barro e Fernando Perez Barreiro recibiron o premio pola súa versión de Alicia, en 1988  Antón Santamarina pola súa versión de Pinocchio e en 1989 Valentín Arias e Raquel Villanueva por Mondo e outras historias de Le Clézio, todas as tres editadas por Xerais na colección Xabarín e baixo o descritor de «Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís», sendo a da Biblia de Sept en 1990 e esta do Ulises de Galaxia as dúas que até o momento foron premiadas na modalidade de «Premio Nacional á mellor tradución» en calquera das linguas oficiais españolas.

Desexo que este recoñecemento axude a recuperación da autoestima do sector profesional da nosa edición comprometido dende hai máis de tres décadas coa normalización do noso sistema de tradución, mesmo a pesar de contar coas cativas axudas existentes. O Ulises de Galaxia demostra que hai editores galegos que continúan asumindo proxectos difíciles, conscientes que son necesarios para enriquecer o patrimonio da nosa lingua e as posibilidades de elección do seu lectorado. Parabéns ao equipo de tradución (non debe ser doado traballar a oito mans) e ao cadro de profesionais de Galaxia por un premio tan merecido que como editores galegos nos enche de fachenda.