Onte 1871: “Humildar” de Suso de Toro, presentación en NUMAX
Da man do científico Carlos Pajares, Suso de Toro presentou en NUMAX Humildar, un pequeno libro de ensaio no que reflexiona sobre a experiencia da vida e o seu carácter transcendente. Unha obra que Pajares cualificou de “curta en páxinas, pero grande en sentimentos e agarimos humanos”, “un libro sobre a vida e o fluxo da vida, no que Suso de Toro afonda no que é humildar, co significado de facer humilde a alguén, mais tamén como sinónimo de agradecer, de dar as grazas, de asumir a vulnerabilidade de cadaquén”. Para Suso De Toro, rematou, “humildar é procurar a verdade, aceptar a vida conscientes de que non acaba en nós”.
Comezou o seu discurso Suso de Toro agradecendo aos lectores e lectoras a lectura do seu novo libro: “sempre souben que cada persoa que lía un meu libro estaba tamén enriquecéndome”. A seguir expresou a súa admiración por Carlos Pajares “pola súa valentía nun tempo no que a modernidade deviu nunha caricatura, o feito de declararse crente na igrexa católica demostra un modo natural de estar na vida que considero admirable”. Confesou, despois, que se fixera moderno “cando perdín a relixión dos meus maiores”, “ese deus xudeu cristiano xerárquico, patriarcal, antropomorfo, dialéctico e ao mesmo tempo que concibe un mundo como posesión da especie humana sígueme parecendo inaceptable, mais tamén acrdito naquela frase de Chesterton: ‘a xente deixa de crer en deus e cre en calquera cousa'”. “Eu acredito, como Marx, que acredita na acción, que o coñecemento é froito dunha acción dialéctica entre o traballo intelectual e o manual, síntese da experiencia”. “Eu sempre experimentei a través da palabra, fose na política ou na creación literaria. Desa experiencia e do valor das palabras naceu Humildar, un libro do que xa atopo rastros en obras anteriores de ensaio, como en FM, onde hai algúns artigos sobre a falta de aura dos obxectos que nos inundan, e sobre todo en Parado na tormenta, onde se fala en moitas páxinas da necesidade de recrear unha nova relixiosidade ou da necesidade de novos ritos de paso”.
“Quixen escribir un libro de rituais para aquelas persoas que non teñen deus, falar da vida de forma transcendente, argumentar rituais en momentos de paso vivencialmente importantes, desde o nacemento ao pasamento”. “Son consciente que este libro destila lecturas lonxanas, como as de Freud, do que fun lector temperán, que fala de rituais neuróticos. Como o son de que o 98% da humanidade segue a ter crenzas relixiosas e o agnosticismo é unha anomalía histórica dun 50% da poboación europea”. “No libro non me atrevín a facer oracións para eses momentos transcendentes, palabras para dicir, para dialogar, para marchar, unha linguaxe necesaria”. Confesou que intentara non ser solemne, a pesar de que o libro asume que “a experiencia da vida é transcendente, que non supón outra cousa que aceptar a vida e a morte”. Rematou desvelando que “o carácter manuscrito so texto pretende rescatar a experiencia do esforzo, como xa fixera en A sombra cazadora, onde reivindicara a vida vivida, ao tempo que facelo así me permitía escribir máis despacio, este é un libro feito a mantenta, como una acto significativo”.