Onte 820: A lingua sabe a pan
Soubemos polo Faro de Vigo que o programa «A lingua sabe a pan» do CEIP Frián de Teis Vigo obtivo o Premio Nacional de Educación para centros non universitarios no apartado de Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais. «A lingua sabe a pan» foi o proxecto documental integrado promovido dende a biblioteca escolar do centro ao longo do pasado curso 2012/13, proxecto de fomento da lectura que este curso se transformou en «A lingua sabe a mar». As promotoras do programa tiraron o título dunha fermosa frase de Álvaro Cunqueiro, «unha lingua é boa cando sabe a pan, cando sabe a pan fresco», coa intención de representar o esforzo de toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) en pór en valor a tradición oral e a lingua galega, ademais de promover o coñecemento integral da cultura do pan, dende os aspectos da cultura tradicional agraria a outros de carácter etnográfico e folclórico. Destaca no proxecto modélico de Frián o seu enfoque educativo integrador e inclusivo do fomento da lectura e do papel da biblioteca escolar, coa participación de todos os niveis educativos, como o seu carácter transversal e híbrido, integrado en todas as actividades do centro e incorporado ao traballo de aula de todas as competencias, con especial atención ás de comunicación lingüística e dixitais. É unha grande fachenda que este centro escolar público vigués sexa recoñecido pola excelencia, innovación e galeguización educativa (tres substantivos que sempre deben ir da man) do seu traballo de fomento da lectura. Beizón ao claustro e comunidade educativa de Teis Frián!