Serra do Galiñeiro
No artigo da semana en Faro de Vigo abordo as ameazas que sofre a Serra do Galiñeiro, unha das alfaias da natureza na nosa área metropolitana, ameaza pola instalación dun parque eólico e polas catas dunha prospeción mineira coa intención de «determinar o seu potencial mineiro en minerais de terras raras».
A coroa vexetal da área metropolitana viguesa, xunto á marabilla da ría, son as dúas principais alfaias da natureza ao noso coidado. Un patrimonio natural trazado pola cordal da Serra do Galiñeiro que se estende polos concellos de Vigo, Mos, Gondomar, O Porriño e Tui. Os outeiros do monte Alba, o miradoiro do Cepudo e o pelouro do monte Galiñeiro (711 metros) constitúen referentes na paisaxe dos vales do Fragoso, A Louriña, o Val Miñor, o Baixo Miño e do propio Morrazo, ademais da orixe de regueiros e regos que manteñen afluentes dos ríos Zamáns, Vilaza, Chenlo, Miñor e Louro. Coa única excepción do Monte Aloia (629 metros) no concello de Tui, declarado parque natural en 1978, o resto da Serra do Galiñeiro, a pesar dos seus valores naturais, culturais, etnográficos, económicos e sociais carece de calquera figura de protección. Unha anomalía incompatible coas directivas europeas de protección dos espazos naturais, como denuncia o movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro”, formado por catorce colectivos veciñais, deportivos, ecoloxistas e culturais, que reclaman a súa inclusión na rede galega de espazos protexidos.
O patrimonio natural da Serra do Galiñeiro está en perigo, a mercede dos cada día maiores intereses económicos que puxeron os seus ollos na riqueza que atesoura este espazo natural e cultural. A plantación masiva de eucaliptos, piñeiros e acacias reduce a biodiversidade dun espazo onde nas turbeiras e breixeiras húmidas se localizan endemismos florais como carrasco da turbeira e outras plantas en vías de extinción. Como agresivas co hábitat son a proliferación de canteiras, algunhas ilegais, outras abandonadas sen ser restauradas, e os vertedoiros incontrolados de lixo e entullo, agochados na impunidade do monte. Outrosí sucede coa apertura incontrolada de pistas e a súa ampliación con terra e entullo, e mesmo o seu asfaltado, co seu impacto brutal sobre as drenaxes dos mananciais, presas, levadas e muíños de auga, coa única intención de ser utilizadas por todoterreos, motos de cross e quads, vehículos moi agresivos para un espazo que lle é propio a endemismos como a saramaganta, á ra patilonga e ao cabalo do monte (raza autóctona declarada en perigo de extinción), un dos últimos cabalos salvaxes que quedan en Europa. Ameaza para os cabalos en liberdade, como para as aves que alí nidifican ou utilizan a serra como paso migratorio, que se incrementaría co proxecto intrusivo de instalación dun parque eólico que modificaría de forma irreversible esta paisaxe.
O patrimonio xeolóxico e cultural da Serra do Galiñeiro tamén está ameazado. A monumentalidade paisaxística das formacións de gneis de riebeckitanos, eses grandes pelouros do cume do Galiñeiro desafíados polos escaladores de todo Galicia, desaparecería de instalarse o aberrante parque eólico. Tamén estarían en perigo cavidades de valores xeolóxicos singulares, mais tamén orixe e morada dun amplo patrimonio de tradición oral, como a Cova da Becha (orixe dun culto relixioso non cristiano, ao que Ferrín dedicou artigos memorables) en Vincios e A Lapa da Moura en Morgadáns, covas estudadas polo Club Espeleolóxico Maúxo. Como quedarían afectadas as pegadas da presenza humana en xacementos de petróglifos da Auga da Laxe, Santa Lucía e Penedo das Pías, en mámoas como as de Chan das Moutas ou na fortaleza altomedieval do Galiñeiro. Un patrimonio arqueolóxico e etnográfico que ben merecía ser protexido sendo declarado Ben de Interese Cultural.
Como nova e grave ameaza supón para o futuro da Serra do Galiñeiro a solicitude da multinacional sudafricana Umbono Capital de realizar catas de prospección mineira nunha zona de monte entre os concellos de Mos e O Porriño coa intención de “determinar o seu potencial mineiro en minerais de terras raras”. Un eufemismo que non pode ocultar que procuran alí a existencia de itrio, escandio e outros minerais utilizados para a fabricación das baterías dos móbiles e automóbiles híbridos ou de pantalla de raios X.
Mais e sobre todo, o que está en perigo na Serra do Galiñeiro é un modelo de desenvolvemento sostible, tanto das actividades agrarias (especialmente o pastoreo de gando ceibe, a agricultura ecolóxica e aproveitamento forestal) como das deportivas (escalada, ciclismo de montaña, equitación, carreiras de montaña e orientación), culturais (celebración dos curros de Vincios e Morgadáns) e de turismo e lecer (senderismo, visita aos parques arqueolóxicos, colleita de cogomelos, etc.).
Esta alfaia do noso patrimonio natural e paisaxístico precisa do agarimo e compromiso de todos. Así o exixirán o vindeiro domingo 21 de abril os participantes na IV Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro que saírá as 10:30 horas do Parque Forestal de Zamáns.
Unha simple aclaración: Os colectivos que forman a plataforma Pola protección da Serra do Galiñeiro son 40 non 14.
gracias.
Grazas pola aclaración, Marcos. 14 foron os colectivos creadores da plataforma, como figura na nota de prensa da paltaforma publicada o 24 de decembro.
http://serragalinheiro.wordpress.com/2010/12/24/nota-de-prensa/