Portalén

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Portalén:

Foi o etnógrafo e escritor Calros Solla, autor do poemario herba de Vigo (Morgante 2025), quen en 2002, coincidindo co ano Sarmiento, deu conta das trinta estacións míticas do que chamou «Montaña Máxica», entre elas o acervo lendario de Portalén, nos montes Castelo e Seixo, na serra do Cando, localizados entre os concellos de Cerdedo, Cotobade, A Lama, Forcarei e Beariz. Solla documentou con testemuñas orais de cinco petrucios e matrucias, que cando subiron con el ao monte revelaron a existencia no Seixo da «porta do Máis Alá», á que os informantes chamaron «Porta do Outro Mundo», «Porteliña», «Coto dos Chirimelos» ou «Marco da Ventana». Sería en 2005, no libro Almanaque de encantos. Mitoloxía da Serra de Cerdedo (Ediciones Cardeñoso), cando Solla chamou «Porta do Alén» ou «Portalén» a unha pedreira, ou petouto furado, que imita ao monumento de Stonehenge, quizais pola presencia dunha pedra colocada en difícil equilibrio entre outras dúas coma se dun lintel se tratase conformando un oráculo de Samaín frecuentado pola xente no mes de santos e defuntos. Segundo o relato destas testemuñas alí depositaban pan e viño e abeiraban candeas, xa que aos mortos tamén lles sabía a luz, como tributo dos consellos que recibirían dos seus finados, un segredo que de ser revelado viraríaselle rouca a voz a quen o fixera.

Advirte Solla, no seu relato mítico que aquel que atravesase Portalén, debería facelo de norte a sur, estando obrigado a realizalo despois en sentido inverso, a menos que preferise correr o risco de ficar no «Outro Mundo» para sempre. Segundo se pode ler no texto do roteiro da Montaña do Seixo, iniciado por Solla hai dúas décadas, organizado hoxe polo colectivo Capitán Gosende, achegado a Portalén atópase o impoñente «Marco do Vento», pedrafita de seis metros de altura, que imita a un menhir, lugar onde os ventos dan a volta. Na súa proximidade está a chaela da Santa Mariña, onde se celebraba a «feira da nabiña». No roteiro trentino de Solla, unha iniciativa de creación e recreación da mitoloxía popular, a segunda estación é a de «Outeiro do Castro» ou «Castro Ghrande», un pasadeiro soterrado que comunica o rueiro asolagado de Trentiñán, o Castro Ghrande e o Pozo Sangoento, onde se garda unha fermosa moura, un rato e unha galiña choca. O circo da Montaña Máxica péchao a terceira estación, a cimeira do Outeiro do Colo, teito do monte Seixo (1.014 metros) que segundo a tradición é o bandullo dun xigante durmido, tamén miradoiro de privilexio no que se ven as tres Rías Baixas.

Este relato literario, recollido nos libros de Calros Solla, como Monte Seixo. O santuario perdido dos celtas (Morgante 2021), inserido no proxecto de protección do patrimonio natural da Serra do Cando e do inmaterial da sabenza popular que os seus confidentes confiaron ao autor, leva dado pé a múltiples iniciativas. A máis recente a do grupo Treixadura que decidiu titular o seu novo disco co nome de «Portalén». Iniciativa que une a música tradicional galega co proxecto da Montaña Máxica e o santuario pagán de Portalén, promovido por Solla e o colectivo Capitán Gosende. Nome eufónico e musical que axudará a recoñecelo como topónimo e a facer máis visible unha iniciativa de defensa do patrimonio que até agora foi desconsiderada polos concellos da Terra de Montes e pola propia Xunta de Galicia, mais que a pesar de non contar con patrocinio institucional continúa incrementando o seu número de visitantes.

Comentario á parte merece o Portalén de Treixadura, estreado nun concerto máxico de hai dez días no García Barbón, tanto o tema con ese título, cheo de misticismo e sutileza narrativa, como o conxunto do traballo, probablemente, o máis coidado da historia de máis de tres décadas desta agrupación tan singular, un cuarteto tradicional de cinco membros con once voces masculinas, que representan a forza do canto colectivo. Pertenzo dende hai décadas á comunidade de Treixadura, choro con moitos dos seus temas, coñezo o seu repertorio caracterizado pola pulcritude da súa conexión coa raigame da música de gaita ao xeito Rías Baixas, a cargo de tres virtuosos, os mestres Xaquín Xesteira, Pablo Nogueira e Magoia Bodega, en diálogo co acordeón de César Longa e a percusión de Antón López «Toniño» que lle achegan contemporaneidade jazzística ás voces tradicionais do orfeón masculino, un patrimonio da nosa música de raíz. No traballo de 19 temas, aventuro que «Caramuxos», iniciado con moito humor co relato dunha liorta veciñal, axiña pasará a encabezar as preferencias das treixadurás. Outrosí creo sucederá con «Muiñeira da Moa» ou «Foliada do Desdén», na tradición máis xenuína do grupo de temas como «Fisterra», «Se chove» ou «Muiñeira do Santo Amaro». Recomendo a experiencia de facer o roteiro da Montaña Máxica escoitando Portalén de Treixadura.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *