Perfil lector
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre os datos do Barómetro do CIs do mes de decembro sobre a lectura e as preferencias culturais.
A publicación do barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do pasado mes de decembro achega, entre outros temas sobre os que foron consultadas 2.447 persoas de 49 provincias, datos valiosos para coñecer o perfil lector e as preferencias culturais da sociedade española actual, sometida ás dificultades dunha situación económica mala ou moi mala para o 82 % das persoas preguntadas e inmersa nas incertezas provocadas polo tránsito entre os modelos de comunicación cultural impresa e dixital.
O primeiro que chamou a miña atención foi o dato do 65 % da poboación lectora de libros, situado xa bastante preto do 70 % da media europea (Islandia acada o 85 %) e lixeiramente por riba do 63 % do último dos estudos sobre hábitos de lectura e compra de libros da poboación maior de 14 anos, publicado pola Federación de Gremios de Editores de España a comezos de 2013. A pesar de que un 35 % das persoas consultadas polo CIS confesen que non len nunca ou case nunca un libro, hai pola contra un 29,3 % de cidadáns que len todos os días, como hai un 69,1 % que len decote os xornais, e un 82 % que len textos longos en Internet (webs, blogs ou redes sociais), porcentaxes elevadas que demostran que o hábito lector comeza a chantar raíces na nosa sociedade.
A lectura como actividade cultural interesa a un 61,7 % dos cidadáns consultados, porcentaxe só superada pola música (73,4 %) e polo cine (67,8 %). Como tamén é moi salientable que para o 61,6 % das persoas lectoras a distración e o goce sexan as razóns principais polas que dedican tempo á lectura, sendo o 23, 4 % as que len por estar máis informadas ou mellorar a súa cultura e o 15 % as que o fan obrigadas, sexa por razóns de estudo ou de traballo. Cifras desmitificadoras que sitúan o perfil lector actual no terreo das actividades de lecer e que quizais expliquen as razóns polas que a novela, e os seus diversos subxéneros (histórica, negra, romántica…), é o xénero preferido para o 72,4 % das persoas que se declaran lectoras. O que parece coherente co feito de que a elección do libro de lectura corresponde nun 58,4 % a un criterio personal, aínda que un 27,1 % confesa seguir as recomendacións de familiares e amizades, sendo para o 64 % dos enquisados o tema do libro o seu criterio principal de escolla.
Retrato do perfil lector que se completa con outro dato non menos relevante: o 91 % das persoas lectoras escollen a súa casa como o seu espazo preferido de lectura, e xa noutro rango moi inferior no traballo e nos transportes públicos, o que redunda no carácter da lectura como actividade cotián vencellada ao ámbito familiar e ás actividades que se realizan no tempo de descanso. O que quizais explique que só o 28,6 % recoñeza ter visitado nalgunha ocasión a biblioteca pública no último ano, mesmo a pesar da relevancia que estas institucións culturais están tendo na dinamización da lectura nas comunidades locais.
Outro dato significativo deste barómetro do CIS é a estimación de 8,6 como o número de libros lidos en España por habitante e ano, unha cifra que queda moi lonxe da doutros estados europeos con maior febre lectora como Finlandia (47), Islandia (40), Noruega (18) ou Alemaña (15). Como tamén é sorprendente que só o 50 % das persoas consultadas mercase algún libro no último ano, sendo 5,96 a cifra media de libros mercados por habitante e ano. Como non deixa de semellar chamativo que o 41,8 % das enquisadas declare que utilizou un libro como agasallo nalgunha ocasión.
No entorno actual de tránsito entre os soportes do libro impreso e dixital, é salientable que o 80 % das persoas lectoras expresen a súa preferencia polo libro impreso, o 11,1 % polo electrónico, e o 8,7 % utilice ambos os dous formatos, sendo o 22,70 % os que recoñecen contar na súa casa cun e-reader e o 38,7 % cunha “tableta”. Xaora, a porcentaxe aumenta no caso da lectura dixital dos xornais até o 28,2 % e até o 33 % o das persoas que consideran que no futuro o electrónico será o principal soporte de lectura, aínda que un 42 % cren que convivirán os libros analóxicos e os dixitais. Datos que convén relacionar co feito de que o 77 % das persoas consultadas recoñece conectarse todos os días a Internet sexa polo seu ordenador ou teléfono móbil. Comportamentos que expresan a consolidación da hibridación da lectura, como denominamos á coexistencia de soportes impresos e electrónicos, aínda que o modelo dixital se continúe concibindo polos lectores máis como un futuro inevitable ca como unha realidade en transformación.
En definitiva, o barómetro do CIS presenta un perfil lector que vincula á lectura coas actividades culturais de lecer, como a música e o cine, sometidas todas á fraxilidade dun modelo que no caso do sector do libro aínda está moi lixeiramente hibridado. Mágoa que non contemos cun estudo galego no que se teña en conta a lectura na nosa lingua.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir