Onte 948: Choramos a Gabo
A conmoción expresada na rede polo pasamento de Gabriel García Márquez demostra que somos o que lemos, que cada persoa lectora establece un vínculo de afecto cos seus autores máis queridos, aos que considera no núcleo máis próximo dos seus afectos. Cando souben da noticia da morte de Gabo por un chío de Twitter, inevitablemente, viñéronme a cabeza aquelas dúas noites de lectura febril de hai corenta anos (1974) nas que na Laboral lin abraiado Cien años de soledad. Dende aquela experiencia lectora, marcante na miña formación, seguín cada unha das súas obras onde sempre atopei a continuidade do fluír da condición humana. A recente edición do libro de Carlos Reigosa, A Galicia máxica de García Márquez, permitiume conversar en varias ocasións con Dasso Saldívar, quizais o seu mellor biógrafo, que nos cedeu algunhas fotos para publicar na edición de Xerais. A edición do excelente ensaio de Reigosa serviume, ademais, para profundizar no ADN galego de García Márquez, co que el explicaba a orixe familiar do seu pulo narrativo, e nas súas tres viaxes a Galicia e norte de Portugal (dúas privadas), unha terra que admiraba coma propia. Lonxe da previsible mitificación mediática á que asistimos nestas primeiras as horas, as lectoras de todo o mundo choramos a Gabo porque nas páxinas das súas obras o primeiro cidadán de Macondo ensinounos outra ollada posible sobre o mundo e sobre cada un de nosoutros mesmos.
En Ondarreta, Donostia.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir