Onte 914: «Penúltimas tendencias»
Foi onte o crítico Armando Requeixo quen se ocupou de Penúltimas tendencias, o libro de poemas no que Carlos Negro continúa e profundiza o vieiro aberto por Makinaria de revisión da cultura adolescente actual. Como sinala Requeixo, se en Makinaria abordaba o mundo masculino da velocidade e os seus vehículos, en Penúltimas tendencias aborda a tiranía que sobre as rapazas creou a cultura do fashion & cool & chic & sexy. Dous títulos esenciais no catálogo da nosa colección Fóra de Xogo que contribúen a achegar ao lectorado en formación á poesía (non só a narración), mais que tamén achegan criterios para desmontar prexuízos e alicerzar valores alternativos. Mais se o texto do crítico non abondase, onte lin un comentario dunha lectora de 15 anos, Mariña Gándara, reproducido coma imaxe nun chío de Gracia Sanctorum. Pareceume un texto extraordinario e moi emocionante. Transcribo o derradeiro parágrafo:
Penúltimas tendencias é a voz de moitas de nós, que estamos fartas de ser etiquetadas con falsos factores que imprimen outros libros, as series, a publicidade. É o son revolucionario que rompe as cadeas da monotonía (…)
Penso que e o libro que debería definirnos na actualidade. A verdadeira cara da muller, o verdeiro grito de guerra; unha guerra entre nós e toda a sociedade que, ao longo de tantos anos, só é capaz de recoñecer á xente de forma superficial.
Un comentario de lectura abraiante pola súa madurez para un libro necesario tanto na formación do criterio do lector literario coma na desmontaxe dos prexuízos sexistas. Recomendo vivamente Penúltimas tendencias.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir