Onte 794: O futuro da biblioteca no entorno dixital
Aproveitei o sábado para repasar as notas que tomei no X Simposio o Libro e a Lectura da Asociación Galega de Editores que nesta edición abordou «O futuro da biblioteca no entorno dixital». Máis alá do éxito de participación, un cento de profesionais, a maior parte bibliotecarias, a intensa xornada amosou que, a pesar da conxuntura de crise e dos recortes dos poderes públicos sobre as políticas de lectura, a biblioteca pública conta con máis usuarios e máis actividade que nunca. Todas as intervencións consideraron que a biblioteca pública é un servizo cultural esencial, tanto polo seu carácter inclusivo e interxeracional como pola súa inequívoca vontade de abordar o tránsito á cultura dixital.
Comezou a xornada coa conferencia de Jordi Permanyer, xerente do Servei de Biblioteques da Diputació de Barcelona, que conta na actualidade con 215 bibliotecas e 1.300 traballadores. Permanyer comezou insistindo no valor público das bibliotecas, «algo que non está na axenda dos responsables políticos», como os grandes mediadores da información utilizados polos cidadáns. Pareceume moi novidoso o estudo que presentou sobre o retorno dos investimentos en bibliotecas públicas, que no caso da rede barcelonesa supón por cada euro un retorno directo de 2,25 €, e unha estimación de 4,25 € máis de beneficios indirectos sobre a economía do entorno da biblioteca (transporte, bares, etc.). Foi excelente a súa exposición sobre o valor social das bibliotecas que considerou non debemos identificar só no eido cultural, no fomento do hábito e da competencia lectora entre a cidadanía ou na preservación da memoria local. Tamén o valor das bibliotecas está presente no eido social, pola súa capacidade de inclusión social e promotoras da diversidade cultural; no eido económico, como fomentadoras de inclusión laboral e do progreso económico local; coma no eido educativo e informativo, xa que as bibliotecas asumen un papel decisivo na alfabetización informacional e na inclusión dixital. A cerna da intervención de Permanyer foi a presentación do modelo de biblioteca pública da rede local barcelonesa. «Concibimos cada biblioteca como un espazo de encontro feliz para construír e imaxinar o futuro dos nosos cidadáns». Un espazo de formación permanente, un espazo aberto e libre ao cidadán para compartir e para o seu lecer. «Cremos na biblioteca como nova praza pública», rematou Permanyer unha intervención moi clarificadora.
Moi interesante foi tamén a intervención de Cristina Novoa, asesora de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación, que iniciou o panel de presentacións de experiencias de éxito. Cristina Novoa definiu as bibliotecas escolares como «bibliotecas de última xeración, onde teén cabida o impreso e o dixital, a creación literaria e a información», «bibliotecas que funcionan coma unha estación intermodal que nos permite movernos en distintas direccións». «Cremos nun modelo integrador, híbrido, con materiais impresos e en soporte electrónico, aunando o presencial e o virtual, integrando a cultura impresa e a cultura dixital». Para Novoa «a biblioteca escolar é unha biblioteca específica que dá resposta ás demandas de información e lectura do alumnado, do profesorado e do resto da comunidade educativa». «A biblioteca escolar é un espazo educativo, na que se integran os recursos presentes e en liña conformando unha colección responsable, equilibrada, informada e con certa perspectiva de futuro». «A biblioteca escolar é un espazo de aprendizaxe, un acelerador de información. Estas bibliotecas activas crean contextos fértiles para a adquisición das competencias básicas». Rematou Cristina Novoa presentando o modelo de Biblioteca Escolar 2.0 e o proxecto da E-LBE de inicio do emprego de dispositivos de lectura electrónicos nas bibliotecas escolares de Galicia.
Tamén gustei da intervención de Mari Luz Corral, directora da rede de bibliotecas de Oleiros, que presentou o programa desta rede bibliotecaria municipal recoñecida en 2011 co prmeio María Moliner. Como me entusiasmou a claridade da presentación de Catuxa Seoane sobre a utilización dos medios dixitais na modélica rede municipal de Bibliotecas da Coruña, da que anotei algunhas das súas afirmacións: «A biblioteca pode estar aberta as vinte e catro horas por medio da súa presenza en liña.» «Os virtuais non son usuarios de segunda.» «Os bibliotecarios tenden pontes. Sempre detrás do físico e do virtual están os bibliotecarios». Despois Francisco Domínguez, director da Biblioteca Penzol, presentou o proceso de dixitalización (non exento de problemas e recursos) desta biblioteca especializada na conservación da memoria de Galicia. Rematou o papen de experiencias, e a intensa xornada de mañá, coa intervención de Mª del Mar Larouba, directora da Biblioteca Pública da Coruña que presentou un informe completísimo sobre o papel das bibliotecas nodais e o entorno dixital. Especial interese desta presentación foron as referencias a Galiciana, Hispana e Europeana, como bibliotecas virtuais públicas, así como os programas actuais de préstamos de e-books en bibliotecas públicas.
Na sesión de tarde, tras o debate sobre as bibliotecas e o entorno dixital, o escritor Suso de Toro ditou unha conferencia memorable de peche en defensa da biblioteca pública. O autor de Sete palabras comezou advertindo que «a profesión bibliotecaria, coma o oficio de escritor, tamén está en crise, unha crise de función, de sentido, xa que o que se está dilucinando nestes momentos son as funcións da biblioteca no futuro». «Até agora as bibliotecas almacenou contidos e transmitiunos. As bibliotecas públicas eran o “palacio do pobo”, onde reinaba democraticamente a poboación. Agora este modelo está cuestionado pola biblioteca dixital, que cuestiona tanto a función de almacenamento como a de transmisión». Preguntouse, entón; Suso de Toro cáles poden ser as funcións da bibilioteca. En primeiro lugar, referiuse á lectura individualizada. «O lector solitario é un mutante antropolóxico, que le en voz alta na súa cabeza. O lector é alguén distinto a outras persoas. A lectura solitaria crea individuos e un diálogo cos mortos. É este un diálogo libre, de igual a igual. O lector pode disentir co autor, emocionarse, pode pechar o libro. O lector está exercendo a liberdade de xuízo. Cada vez que lemos un texto estmaos dialogando cos mortos, xa que toda obra é póstuma, forma parte do pasado de quen a escribiu; cada unha desas lecturas estános reintegrando a comunidade formada por todos os que a leron, mais ao mesmo tempo establecendo unha relación íntima e verdadeira co autor».
Fronte a esta lectura individual contrapuxo Suso de Toro o carácter comunitario da biblioteca. «Cando o lector entra na biblioteca recoñécese como parte dunha sociedade coa que comparte algo. Cando ten o carné ba biblioteca pública sabe que forma parte dunha comunidade humana coa que comparte unha afinidade, unha militancia cívica, sabe que non está só, non é un mutante, é un cidadán que sabe que non está só.» «Neste momento no que rexe unha ideoloxía que nos reduce a consumidores, reivindico o comunitarismo, que recoñece a liberdade, a disidencia e as comunidades humanas organizadas por valores. Aí é onde se encadra hoxe o papel da biblioteca como memoria da lectura e da cultura, que a ordena, a xerarquiza e a interpreta. A biblioteca fronte o mercado que nos reduce á banalidade e á confusión.» «A biblioteca en tempos de críse inclúenos a todos. A biblioteca dá calor, respecto e dignidade para todos. É un espazo cívico, de orde, que acolle a todos, os que teñen traballo e aos que non. A biblioteca é xeradora de sociabilidade.» Rematou Suso de Toro o seu discurso reclamando a consideración da biblioteca como «cámara reservada», como «espazo onde rescatar o silencio». «Non todos os lugares son iguais. A biblioteca pídenos un respecto, xa que é un resto do sagrado. A biblioteca vive na crise da nosa civilización».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir