Onte 388: Cifras críticas para o libro galego (II)
A edición impresa que manexamos do estudo de Comercio Interior del libro en España 2011 amosa que o volume da edición e as vendas nas linguas cooficiais (catalán, éuscaro e galego) concéntrase entre o 80 % e o 90 % nos libros de Literatura, Texto, Literatura Infantil e Xuvenil e Ciencias Sociais. Así no caso dos libros editados en galego polos membros AGE o número dos publicados en 2011 destes catro xéneros (1.433) representa o 90,30 %, mentres que a súa facturación supuxo o 87,50 %.
A edición literaria en galego (399 títulos, 509.000 exemplares) supuxo o 25,10 % dos títulos e o 20,40 % dos exemplares fabricados, mentres que as súas vendas (2,84 millóns de €) supuxeron apenas o 13,20 % do total das do libro en galego.
A novela, cunha tiraxe media de 1.632 exemplares, continúa sendo o xénero privilexiado da edición literaria en galego, tanto en número de títulos (218, o 13,70 %), de exemplares (356.000, o 14,30 %) como na súa facturación (2,13 millóns de €, o 9,90 %). É interesante comparar estes datos do mercado da novela en galego cos do conxunto deste subsector de ficción en España, que en 2011 editou 12.642 títulos, imprimiu 56 millóns de exemplares e facturou 507 millóns de €. Se desagregamos máis as cifras, comprobamos que a edición de novela en castelán facturou 461 millóns de € (o 18,70 % do seu mercado), en catalán 41 millóns de € (o 16,90 % do seu mercado total), sendo en galego apenas os citados 2,13 millóns de €. Noutras cifras, o número de novelas en castelán multiplica as galegas por 50, o número de exemplares por 148 e a súa facturación por 216. Se facemos esta comparativa coa edición en catalán, o número de novelas editadas (1.038) quintuplica o das galegas, o número de exemplares fabricados (2.748.000) multiplícaas por oito e a facturación case por vinte. Ademais, se comparamos o mercado da novela en galego (2,13 millóns de €) co total do mercado libro en Galicia en 2011 (160,79 millóns de €) obtemos que a súa cota real no mercado galego do libro é do 1,32 %. Cifras que representan unha pelexa tan desigual como a que desputou David contra Goliat.
A edición de poesía e teatro en galego con 63 títulos en 2011 supuxo o 4,00 % do total, o 3,10 % dos exemplares editados e o 1,30 % da facturación. Mentres que a edición de ensaio e estudos literarios en galego, cunha tiraxe media de 647 exemplares, con 118 títulos representou o 7,40 % do total, o 3,10 % dos exemplares e o 2,00 % da facturación.
A edición infantil e xuvenil en galego con 439 títulos en 2011 supuxo o 27,70 % do total, o 26,10 % dos exemplares editados e o 18,90 % da facturación. Mentres que a edición de libro de texto en galego con 487 títulos en 2011 supuxo o 30,70 % do total, o 37,20 % dos exemplares editados e o 53,00 % da facturación.
A edición de Ciencias Sociais en galego con 108 títulos en 2011 supuxo o 6,80 % do total, o 4,30 % dos exemplares editados e o 2,40 % da facturación. Mentres que a edición de libros Científico técnicos en galego con apenas 30 títulos en 2011 supuxo o 1,90 % do total, o 1,40 % dos exemplares editados e o 0,70 % da facturación.
Paga a pena comparar estes datos de 2011 cos dispoñibles no estudo sobre comercio interior do libro galego en 2007. Neste período aumentou a produción de novela en galego, case duplicándose o número de títulos, que pasaron dos 113 de 2007 aos 218 de 2011, como tamén se triplicou o número dos exemplares producidos, que pasaron dos 113.000 de 2007 aos 356.000 de 2011; porén a facturación só se incrementou apenas nun 8,10 % (sen contar a suba de prezos), pasando de 1,97 millóns de € de 2007 a 2,13 millóns de 2011. No caso do libro Infantil e Xuvenil aumentou o número de títulos nun 17,95 %, que pasaron dos 418 de 2007 aos 493 de 2011, diminuíu o número dos exemplares producidos nun 15,00 %, que pasaron dos 759.000 de 2007 aos 652.000 de 2011; manténdose a facturación, en ambos ous dous exercicios arredor do 4 millóns €. Por último, no caso do libro de texto o número de títulos decreceu lixeiramente nun 2,60 %, pasando de 500 de 2007 aos 487 de 2011, aumentou o número dos exemplares producidos nun 16,83 %, que pasaron dos 796.000 de 2007 aos 930.000 de 2011; incrementándose a facturación nun 22,36 %, pasando dos 10,91 millóns de € de 2007 aos 11,35 millóns de 2011.
Agardamos contar axiña cos datos proporcionados polo Estudo do Comercio Interior do libro en galego 2011, encargado pola AGE e a Secretaria Xeral de Cultura da Consellaría de Educación e Cultura para poder interpretalos máis acaidamente.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir