Onte 386: Cifras críticas para o libro galego (I)
Coñecimos onte o contido de senllos informes –Comercio Interior del libro en España 2011 (versión definitiva, impresa) e El sector del libro en España 2010-2012) que amosan a actual situación crítica da edición do libro en Galicia e en galego. Varios son os indicadores recollidos en ambos os dous informes de referencia para o «Observatorio de la Lectura y el Libro» do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, que amosan o retroceso do sector tanto no seu volume de edición e facturación como na perda de empregos directos e indirectos.
A edición en Galicia baixou o último ano un 28,8% pasando de editar 4.754 títulos en 2010 a 3.384 en 2011, mentres que en comunidades como Madrid e Cataluña, que concentran o 60% da edición, aumentou e no conxunto do estado incrementouse nun 2,1%, até os 116.851 títulos, fenómeno en boa medida explicable debido á edición en soportes distintos ao papel. No entanto, o número de títulos editados polos membros da AGE increméntase nun 2,03 % pasando dos 2.115 (1.566 en galego, 520 en castelán e 27 noutras linguas) do ano 2010 aos 2.156 de 2011 (1.587 en galego, 540 en castelán e 28 noutras linguas); tendencia que se mantén no incremento do 0,14 % do número de exemplares fabricados que en 2011 acadan os 3.360.000. Cifras que permiten que a tirada media baixe apenas un 1,76 %, pasando dos 1,589 exemplares por títulos en 2010 aos 1.561 de 2011.
A edición en galego diminuíu no mesmo período, segundo a Panorámica de Edición Española de 2011 en 16,3% (2.130 títulos) e segundo o Comercio Interior del Libro nun 5,22 %, pasando de 2.028 (1.566 en Galicia, 320 en Madrid, 139 en Cataluña e 4 noutras comunidades) en 2010 a 1.922 os títulos publicados polos editores privados en 2011 (1.587 en Galicia, 265 en Madrid, 67 en Cataluña e 3 noutras comunidades). Datos que amosan que os editores privados galegos manteñen o seu nivel de edición en galego, mentres que baixa o número de títulos na nosa lingua editados fóra de Galicia. A pesar de non contar con datos comparativos con respecto ao ano anterior, é salientable que en 2011 foron editados en galego por editores privados 2.497.000 exemplares, o que supón o 74,31 % dos publicados en Galicia, sendo a súa tirada media de 1.573 exemplares por título.
A facturación do comercio interior do libro en España en 2011 diminuíu nun 4,1 % con respecto ao ano anterior, situándose nos 2.772, 34 millóns de euros, dos que estima corresponden o 5,8 % a Galicia, 160,79 millóns de euros. A facturación das editoras privadas galegas foi de 26,86 millóns de euros, o que supón un decrecemento do 13,3 %, o maior sufrido polos diversos gremios pertencentes a FGEE. Decrecemento que dende 2009 –ano que marcou o teito da facturación do noso sector (33,68 millóns €) coincidindo co inicio da lexislatura que agora finaliza– supón un 25,42 % e dende 2010 o 20,25 %.
O estudo do comercio interior estima en 21,43 millóns de euros a facturación do libro editado en galego en 2011 polas editoras da AGE, cifra que só se pode comparar cos 21,98 millóns de euros do estudo de comercio interior do libro galego de 2007, até agora o último dispoñible. Cifra que amosa un claro estancamento do sector dende entón, que de ser corrixida a prezos constantes amosaría, tamén, un significativa retroceso superior aos dez puntos. Tanto no caso do libro editado en Galicia (26,86 millóns €) como o editado en galego (22,50 millóns €), as librarías independentes continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 55,8 % no primeiro caso e nun 53, 6 % no segundo. Convén reparar que relacionando as cifras, obtemos que a cota do mercado do libro en galego foi en Galicia no ano 2011 do 14 %.
O estudo de Comercio Interior de 2011 estima a perda de emprego no sector editorial privado galego nun 5,2 %, sendo 249 persoas as que forman parte dos cadros de persoal das empresas; diminuíndo de forma significativa o número de colaboradoras externas, que se reduce de forma moi significativa dende 2009, pasando das 14 de media por empresa até as 8 na actualidade.
Nunha segunda anotación, debullaremos os datos dispoñibles nestes informes estatais sobre a edición e facturación por xéneros do libro editado en Galicia, agardando a próxima publicación do Estudo do Comercio Interior do libro en galego 2011, encargado pola AGE e a Secretaria Xeral de Cultura da Consellaría de Educación e Cultura.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir