Onte 2099: «Un señor elegante», unha novela impresionante de Suso de Toro
Un señor elegante, a impresionante novela de Suso de Toro, tanto pola peripecia heroica de Ramón Baltar, o protagonista indiscutible do relato, como pola engaiolante voz en segunda persoa dun narrador no que identifico a un escritor pletórico. Unha extraordinaria novela literaria de non ficción, á altura das mellores de Emmanuel Carrère, impresionante pola orixinalidade e polo rigor á hora de recuperar a memoria dunha familia burguesa, os Baltar, sobre o fondo da súa resistencia antifascista e galeguista. Reconstrución dunha historia verdadeira na que ao mesmo ritmo da súa detallada investigación oral e documental, o narrador (como o propio lector) vai descubrindo ao seu protagonista, o cirurxián humanista compostelán Ramón Baltar Domínguez (1902-1981), este señor elegante, unha eminencia, mais tamén, un disidente, un subversivo, un afouto demócrata, un compañeiro de viaxe, un xigante ético rigoroso, un centauro superlativo, un quirón.
Emocionoume e conmoveume a lectura d’Ao longo de máis cincocentas páxinas moi traballadas, o narrador non perde o fío dunha historia que quere ser sempre novela, mais non ficción, onde a imaxinación, a memoria persoal como a propia historia política vanse fundindo de forma prodixiosa. O milagre da literatura! O relato dunha historia familiar, tema presente en boa parte da obra taurina dende Calzados Lola (2007) a Sete palabras (2009), onde un narrador discreto afonda nos compromisos extraordinarios de tres xeracións da familia Baltar («os deberes dos Baltar»: a protección ás familias de Rosalía e Murguía, de Castelao ou Dieste; a preservación dunha biblioteca centenaria completa…), mais sen agochar nin os dorosos conflitos e disputas entre irmáns nin o tradicional papel secundario das mulleres nunha familia de médicos moi patriarcal.
Unha achega moi valiosa, ademais, para a recuperación dunha memoria antifranquista, até hoxe agochada, capaz de reconstruír acontecementos claves, como Suso xa fixera en Home sen nome (2006), desta volta a caída en 1947 da Unión de Intelectuais Libres (UIL) e aqueles días lóbregos do cárcere da rúa do Príncipe; ou o desenvolvemento chamada «Operación Termópilas», un dos tantos capítulos memorables da novela; como a axuda médica recibida polos combatentes da guerrilla, aqueles «Juan Fernández» que entraban e saían de madrugada pola porta do sanatorio de Carreira do Conde.
Un señor elegante é unha novela metaliteraria, onde identificamos material primixenio do ensaio Dentro da literatura (2019), recente premio ao mellor libro de ensaio do pasado ano, xa que o libro se presenta diante do lector como a crónica dun narrador que elabora unha historia familiar. Un artificio literario que facilita a reflexión sobre a construción do propio texto como da configuración dos propios personaxes, o que non impide que funcione como ficción, mesmo cunha resolución inesperada.
Un señor elegante, con certeza, pasará a formar parte desa media ducia de novelas imprescindibles de Suso de Toro, á altura de clásicos como os citados ou como Polaroid (1986), Tic-Tac (1993), A sombra cazadora (1994) ou Non volvas (2000). Tras o entusiasmo que xa nos provocou a publicación de Fóra de si (2018), na que o narrador reconstruía a súa propia historia, este gran relato protagonizado por Ramón Baltar confirma o regreso optimista do mestre Suso de Toro, unha gran noticia para o seu lectorado. Recomendabilísima. Parabéns ao noso benquerido Suso e á editora por novela tan lograda.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir