Onte 1509: Gala do Libro Galego
O anuncio que onte fixeron os responsables da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editores (AGE) e da Federación Librarías de Galicia (FLG) da celebración da Gala do Libro Galego o 14 de maio de 2016 constitúe un fito histórico. Unha iniciativa colaborativa enmarcada nun acordo máis amplo de traballo dos axentes do sector do libro galego, ao que se considera estratéxico para o país e cun papel fulcral na normalización cultural e social do noso idioma. O feito de convocar uns únicos premios, con 14 modalidades, outorgados coa participación dos membros das tres asociacións convocantes facilita un salto de xigante para a visibilización e recoñecemento social do sector da creación literaria, a edición e a libraría galega. As dúas iniciativas de colaboración intersectorial presentadas esta semana, a Gala do Libro Galego e a programación de Culturgal, amosan que con estratexias colaborativas, xenerosidade, responsabilidade e altura de miras é posible enfrontar os difíciles retos para a cultura na nosa lingua. Beizóns aos promotores e facilitadores deste proceso de tan valiosa unidade das letras galegas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir