Onte 1294: No pasamento de Günter Grass e Eduardo Galeano
A coincidencia dos pasamentos de Günter Grass e Eduardo Galeano supuxo que onte fose un dia moi triste para todas as persoas que admiramos a estes dous escritores, referentes do pensamento crítico e da literatura como ferramente que facilita o diálogo co noso tempo.
No ano 2000 tivemos a fortuna de ser editores de Günter Grass publicando unha escolma de 46 textos dos seus tres primeiros libros de poemas, que titulamos As galiñas de vento, escolmados por Miguel Sáenz e anosados ao galego por Úrsula Heinze e Ramón Lorenzo. Considerado como narrador, Grass definíase como «poeta de circunstancias», aínda que na última entrevista con Juan Cruz confesaba que os seus poemas constituían «unha volta sobre si mesmo», «un taller de reparación« ao que acudía tras o traballo nas súas novelas ou prosas memorialísticas. Moito admirei de Grass súa afouteza para enfrontar á sociedade alemá cos seus monstros e a súa memoria, sobre todo cando revelou en 2007, no primeiro volume das súas memorias, que aos 17 anos pertencera ás SS.
De Galeano fomos rendidos admiradores, mais apenas mantivemos con el un intercambio de correos electrónicos en 2010, cando o seu amigo galego, o doutor Ángel Vázquez de la Cruz, fíxolle chegar o orixinal de Luz de Tebra. Daquela Galeano escribiu unhas palabras que gardamos en pano de veludo: «Ya quisiera yo ser capaz de escribir palabras así, milagreras como Santiago, y jodonas como el ángel que lo vuela: el ángel ese que acepta ser llamado doctor aunque él cura contando.» A Galeano roubámoslles centos de veces as súas palabras para falarmos de fútbol («a máis importante das cousas menos importantes») como expresión da dignidade colectiva, do libro («sinto que o libro é un ser vivo, póñoo no ouvido e sinto que respira») e das cousas do ser humano que realmente pagan a pena como a memoria e a esperanza. O xenial escritor uruguaio ensinounos que «a memoria é a continuidade da vida», que «a utopía é o vieiro» e que «a esperanza é unha cousa que se conquista cada día» mais «sempre alimentada na dúbida». Saudosos lembraremos a Günter Grass e a Eduardo Galeano.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir