«Nación», a sororidade filmada
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar a película Nación de Margarita Ledo e lembrar o proxecto empresarial de GEA:
Non se pode comprender o desenvolvemento do Vigo do século XX sen a achega do proxecto industrial do Grupo de Empresas Álvarez (GEA), como non se entendería o movemento sindical vigués na segunda metade do século XX sen a loita dos obreiros e obreiras das súas fábricas de Cabral, Ponte Sampaio e Coruxo. Nacida en 1922 dunha tenda de decoración instalada no barrio de Casablanca (onde está hoxe ECI), reorientada en 1927 cara a comercialización de artigos de cristal e louza por Manuel Álvarez, un emigrante ourensán retornado de Santa Clara (Cuba), mais será a partir de 1941 cando se instale no número 380 da rúa Ramón Nieto nunhas amplas instalacións deseñadas polos arquitectos Francisco Castro Represas e Pedro Alonso Pérez, un formidable edificio en forma de prisma de catro andares, deseñado con criterios racionalistas, cando comece o despregue dun complexo fabril xestionado de forma paternalista por Moisés Álvarez O’ Farril, un dos nove fillos do fundador. Proxecto industrial ampliado en 1961 con Alfares de Ponte Sampaio (Pontesa), para a elaboración de louza de calidade, instalacións completamente electrificadas, unha das primeiras fábricas en asumir os procesos de automatización na ría viguesa.
Con Santa Clara e Pontesa a pleno funcionamento e contando co apoio decidido do réxime franquista, incluída as visitas de Carme Polo, GEA tiña xa en 1963 un cadro de persoal superior ás 5.000 persoas, o maior das industrias da comarca, que só superaría Citroën a finais da década seguinte. Porén, tras o pasamento de don Moisés en 1975, o ano despois GEA pasou ao INI, xunto aos estaleiros de Barreras, e o cadro reduciuse ás 3.000 persoas, cando contaba cunha rede de comercialización de máis de trinta tendas que vendían o 70% do mercado español de louza e o 40 % de porcelana. GEA ofrecía entón un produto de excelente calidade, mais era unha empresa xestionada de forma pouco eficiente. Co desfile patético de directivos aventureiros e a privatización do grupo (1991), os cadros de persoal das fábricas e as súas representacións sindicais asumiron a responsabilidade de loitar pola supervivencia da empresa. Un cadro obreiro consciente e solidario, formado por mulleres en máis da súa metade, que se mobilizou de forma afouta, capaz de parar o tráfico aéreo de Peinador e o ferroviario en Arcade, de acampar en San Caetano durante semanas, pecharse no concello de Vigo, con folga de fame de tres persoas ou de asumir interminables xornadas de folga para reclamar o pago dos seus salarios. Diante de semellante xestión empresarial neglixente, especulativa e corrupta, os cadros de persoal a pesar da súa teimosía non foron capaces de evitar o peche traumático do grupo en 2001 e o abandono das instalacións de Cabral e Coruxo.
No filme «Nación», estreado a pasada semana, a directora Margarita Ledo desvela os corpos e as voces de cinco daquelas obreiras de Pontesa que despois de dúas décadas de perder o seu traballo continúan pelexando nos tribunais do social por recuperar os salarios que deixaron de pagarlles. «Nunca traballedes gratis, por favor», frase pronunciada ao comezo da fita por Nieves Pérez Lusquiños, unha das activistas de Pontesa de espírito positivo, convértese no fío descontinuo para seguir unha película sobre o moito que lles custou as mulleres ter traballo asalariado e a autoestima que iso lles proporcionou como a posibilidade de ser independentes. Aberto e pechado pola poeta Eva Veiga, unha sibila para apagar a escuridade, a directora chairega concibe o relato como unha peza documental de non ficción con perspectiva de xénero, un ensaio audiovisual ficcionalizado sobre a rotura do silencio imposto ás mulleres, tamén un exercicio de memoria que reivindica a unha estirpe de mulleres marcadas pola represión e dirixe tamén a súa ollada sobre aquelas comúns esquecidas.
Margarita Ledo para retratar as mulleres da súa xeración, ademais das testemuñas das cinco de Pontesa e das conversas delas con tres actrices, bota man de valiosos materiais documentais de formatos e procedencias distintas, entre eles «Talleres Alonarti» (Jose Gil, 1927), as fotos das Encrobas de Xosé Castro e gravacións inéditas de informativos da TVG dos noventa, concibidos como indicios de algo que permaneceu agochado. Imaxes que sobre a espectacular arquitectura sonora de Mercedes Peón, as secuencias performativas de Mónica de Nut e o monólogo memorable final de Mónica Camaño conforman un entrenzado visual estremecedor de reflexións, afectos, voces e berros, a composición filmada da sororidade, da nación como sociedade, como espazo público da comunidade. Filme feminista épico de beleza desacougante, constitúe o mellor traballo cinematográfico da académica Margarita Ledo. Acudan á primeira grande película galega de 2021.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir