Madeira emocional

Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia a primeira crítica sobre a estrea d’ O heroe. Entre outras consideracións sinala:

  • A obra compórtase con audacia para levar aos espectadores a paisaxes pouco teatrais, asume algúns riscos de aparato ao tempo que tantea algúns elementos simbólicos para acompañar a unha liña que busca, en cada caso, o lado humano das cousas, antes que calquera outra consideración dun tempo cheo de ruído e de furia.
1 comentario
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    O HEROE FRUSTRADO
    Marcos Valcárcel
    É o momento no que sabemos que Caronte é un heroe frustrado cando entendemos moitas das pezas que se ensarillan no Heroe de Rivas: o amor e o desamor, a tiranía e a rebeldía, a guerra e a paz, a liberdade e a opresión, os líderes sublimes e os seres anónimos, todo ese conxunto de pares encaixan definitivamente. Caronte, o exlexionario que regresa dunha guerra que non existe oficialmente (Sidi-Ifni), conduce toda a historia como aqueloutro Caronte conducía as almas en pena que atravesaban a lagoa Estixia tras pagar o óbolo correspondente. Pero Caronte non podía transportar aos mortais vivos (por iso anoxou a Hércules) e o Caronte de Rivas devén ao final derrotado pola ironía dun cachón de augas no que se supón que é a hora histórica da inmolación que vai dar razón e sentido á súa existencia.
    Sarabela xoga con xeito co texto de Rivas, alternando os trazos tremendistas (a tortura) co sentido do humor e o lirismo da prosa deste autor. Hai momentos brillantes como o barbeiro que interpreta X.A.Porto “Josito” ou as esceas da Lucía que fala coa voz de Nate Borrajo. Pero, sobre todo, de “O heroe” quedará a interpretación maxistral de Fernando Dacosta, posuídor dunha inmensidade de rexistros dramáticos que xa ten demostrado moitas veces. Se Fernando nacese noutras latitudes, tería dereito a soñar coas glorias que adobiaron a monstros como Marlon Brando ou Kirk Douglas. Aquí, só podemos ver as súas artes nestas citas de Sarabela. Ogallá o público da TVG, que só o coñece a través de “Pratos Combinados”, acuda xa aos teatros a recoñecer este tesouro que temos oculto.
    (“La Región” 17-X-2005)

Los comentarios están desactivados.