Doutrina 79/2010

Tras a soada dimisión e abandono do partido de Daniel Chapela, coordinador de Cultura do PPdeG, como dos milleiros de persoas que reclamaron nas rúas de Compostela un novo rumbo para o galego, reduciuse o espazo para acadar o «pacto pola lingua» comprometido por José López Campos, conselleiro da nova carteira de Cultura, Lingua e Xuventude. No entanto, semella que para poñelo en marcha son moitos os obstáculos que no seu propio partido debe superar quen foi carismático alcalde da Estrada durante tres mandatos: dende a lectura interesada dos datos da «Enquisa estrutural a fogares sobre coñecemento e uso do galego (IGE, 2023)» que fixo Valentín García, o seu secretario xeral da Lingua, até a teimuda negativa de Alfonso Rueda de abandonar a doutrina da «imposición del gallego», acuñada na manifestación de Galicia bilingüe do 8 de febreiro de 2009, á que acudiu como secretario xeral do PPdeG, no marco daquela sucia precampaña electoral, na que Feijóo non dubidou en utilizar este tipo de mentiras de pé de banco, que unha vez no poder xustificou a rotura do consenso acadado en 2004 arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e a imposición unilateral do «decretazo» 79/2010 de Plurilingüismo.

Tras catorce anos, o argumentario do PPdeG non se moveu un ápice das posicións españolistas da «doutrina da imposición», que lle funcionou no marco da súa estratexia de polarización mediática madrileña, tanto no entorno do «proçes» como da oposición aos gobernos de Pedro Sánchez. Compréndese así que os resultados da implantación do decreto 79/2010, desenvolvemento na educación lingüística desta doutrina centralizadora, non fosen nunca avaliados, a pesar de que así está establecido na disposición adicional quinta. Como os gobernos de Feijóo e Rueda fixeron caso omiso das reclamacións das expertas do Consello de Europa para que a Xunta de Galicia cumprise coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, no que atinxe a existencia da posibilidade de escolarización en galego nas primeiras idades e  na imposibilidade de utilizalo como lingua vehicular das matemáticas e do resto das materias científicas e tecnolóxicas.

Con todo, a posición conformista do goberno galego, amparada pola compracencia pesimista dalgúns sectores do propio galeguismo, coa situación de claro retroceso de uso do galego no sistema educativo, fíxose insostible cando no pasado mes de outubro o IGE publicou a súa enquisa que amosaba un retroceso histórico do uso do galego en todos os ámbitos, espazos, tramos de idade, con especial intensidade nos referidos á poboación escolar. Datos que conforman un cadro de emerxencia que, comparados cos de consultas anteriores, agoiran que en 2050 o galego estaría nas portas da súa extinción. Dramáticos son algún dos datos referidos á educación lingüística, que poñen de manifesto o fracaso do decretazo popular: apenas o 16,19 % do alumnado entre 5-16 anos recoñecen falar galego e o 59,87 % non saben falalo. Cifras alarmantes que amosan non se logrou o obxectivo fixado no currículo do ensino obrigatorio de acadar ao fin de etapa idéntica competencia en ambas linguas cooficiais. Como dramático para o futuro da cultura galega é que apenas o 15,33 % das persoas maiores utilice o galego na escritura, práctica hiper castelanizada; sen menoscabo de que apenas o 4,79 % das maiores de 16 anos le libros en galego.

Non vai ser doado no actual marco da política española que o PPdeG de Rueda aposte pola estratexia galeguista, que suporía abandonar a mentira da «doutrina de imposición del gallego» e a presentar os resultados do decreto 79/2010, que aventuro entón sería derrogado. Escenario moi optimista que colocaría o contador a cero e obrigaría a procurar un novo consenso, onde os tres partidos presentes no parlamento, as institucións culturais e entidades socio educativas estarían obrigados a mollarse (o plan de 2004 axudaría pouco), tanto no referido a acordar un modelo de educación lingüística, a cerna desta deboura, como a fixar as medidas estratéxicas do fomento do seu uso. O guión pesimista xa é o coñecido dende 2010, aborrecible de  lembrar.

Publicado en Luzes nº 134, novembro 2024

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *