Centenario de Sobredo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario dos Mártires de Sobredo e da loita anticaciquil e antiforal:
O 28 de novembro de 1922 tres persoas foron asasinadas pola Garda Civil en Sobredo, na parroquia de Guillarei do concello de Tui, cando se manifestaban en solidariedade cun veciño do lugar a quen pretendían embargar por negarse a pagar o foro ao rendista tudense José Sarmiento, boicot acordado por 133 sociedades agrarias reunidas do 28 ao 30 de xuño daquel ano no Congreso Rexional Agrario de Tui. O pasado domingo lembrouse o centenario daquel acontecemento no que faleceron Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Beade, veciño de Soutelo do concello de Salceda de Caselas, e Venancio González Romero, dirixente agrario de San Esteban de Budiño, xunto a outras sete persoas que resultaron feridas de bala, cando a Garda Civil disparou contra unha concentración de dúas mil persoas de toda a bisbarra do Baixo Miño, a Louriña e até a Paradanta, convocadas a golpe de badaladas e de foguetes para defender a dignidade dos labradores e rematar cuns contratos forais, propios dun réxime escravista, que os obrigaban a pagar unha renda anual, case sempre á altura do san Martiño, ben en especie (millo, viño ou animais) ou en cartos, aos donos da terra que traballaban.
O sucedido en Sobredo converteuse en referente dunha loita antiforal e anticaciquil, que xa contaba con varias décadas de mobilizacións e varios sucesos de represión semellantes. Un conflito que non atoparía unha saída política até a promulgación no mes de xuño de 1926 do decreto de redención foral do goberno de Primo de Rivera, que permitía que os labregos redimisen os foros das terras de seu, o que obrigou a moitos a escoller os vieiros da emigración para alí atopar recursos para facelo. Unha conquista cívica moi celebrada na República, que no caso de Sobredo levou a que o 29 de novembro de 1931 o escultor Camilo Nogueira puxera a primeira pedra dun gran monumento pétreo en lembranza dos tres mártires, que sería inaugurado ao ano seguinte con motivo do décimo aniversario do sucedido. No entanto, o fanatismo fascista dinamitou a obra de Nogueira, xa no mes de xullo de 1936, coincidindo coa disolución das sociedades agrarias, motor deste movemento antiforal. Por ventura, en 1986 comezou a celebrarse un encontro cívico anual organizado polo Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, e dous anos despois reconstruíuse o monumento do escultor de Lavadores.
Os acontecementos de Sobredo pecharon unha xeira oprobiosa de mortes na loita agrarista, iniciadas o 19 de xuño de 1894 polos tres mártires de Campo da Porta, na parroquia de Salcedo, vítimas do fogo da Garda Civil, cando protestaban pola subida dos arbitrios. Continuadas cos sete mártires de Cea, caídos o 22 de abril de 1909 cando os gardas dispararon aos amotinados contra o roubo dun baldaquino da igrexa do mosteiro de Oseira. Ás que seguiron as cinco de Nebra, catro mulleres e un home –a pesar de que as mulleres ían diante porque contra elas se cría que os gardas non dispararían– baleadas na ponte de Cans do concello de Porto do Son, cando protestaban contra o «defís», un tributo que impuxera o concello para pagar unha débeda contraída coa deputación, que consideraban inxusto. Unha lista negra de morte continuada en marzo de 1918 coas oito vítimas da revolta das pedradas de Trasancos, protagonizada por mulleres campesiñas e obreiras que ao berro de «Temos fame» protestaban en Neda, Ferrol ou na Feira do Trece de Sedes no concello de Narón pola suba de prezos e impostos ás familias labregas, obrigando ao goberno a declarar o Estado de Guerra na comarca. Sen esquecer ás catro mulleres mártires de Sofán, abatidas o 16 de febreiro de 1919 cando formaban parte da comitiva fúnebre dun picariño de catro anos. Vítimas lembradas por Castelao en 1931 no álbum Nós, cando escribiu ao pé dunha das ilustracións: «Un padrenuestriño polos que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!»
Lembrar o centenario dos Mártires de Sobrado, como tamén as outras vítimas da represión contra o movemento agrarista en Salcedo, Cea, Narón, Nebra e Sofán, contribúe a restaurar na sociedade galega unha memoria reparadora do que fomos e da historia de como chegamos a ser o que somos. Lembranza que, como escribiu o poeta Manuel María no seu libro As rúas do vento ceibe (1979), homenaxea «os que defenderon pobo e pan», os que pretenderon reformular tanto as regras da propiedade da terra como modernizar os seus modos de traballo, introducindo as tecnoloxías na agricultura e na gandaría. Unha achega decisiva do agrarismo galego recoñecida polo Parlamento de Galicia na súa recente declaración do 23 de novembro na que abeizoa «o espírito solidario de todos os que loitaron a favor dos dereitos dos seus semellantes, coa vista posta na mellora da sociedade galega…» e «lembra as vítimas da represión sobre este movemento.»
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir