Onte 155: Con Carlos Callón

Admiro o traballo teimundo e incansable de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, compañeiro de Prolingua e autor moi querido de Xerais, a prol da lingua galega, a súa defensa e o fomento do seu uso en todos os ámbitos da vida social. Indígname que hoxe vaia ser xulgado, tras ser denunciado polo xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, a raíz das súas críticas polo reiterado incumprimento deste xuíz da Lei de Normalización Lingüística, sobre todo no que atinxe ao emprego do topónimo a Coruña. É incrible que un cidadán sexa procesado por defender o cumprimento da lei e por promover a defensa do noso idioma, unha obriga que teñen todos os servidores públicos, tamén este funcionario da administración de xustiza. Amoso toda a miña solidariedade e apoio a Carlos Callón. Animo a asinar o manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística «Queremos xustiza para a nosa lingua. Non á criminalización da súa defensa!» A defensa do cumprimento da Lei de Normalización Lingüística é hoxe unha causa cívica primeira.

Día dos Dereitos Humanos

Magnífico traballo de Francesco Tonucci sobre os dereitos dos nenos e nenas. Un clásico.

Vía Ronseis.

«WikiLeaks e a transparencia pública»

No artigo da semana de Faro de Vigo abordo a cuestión de WikiLeaks e as implicacións que lle vexo no que atinxe á neutralidade da rede e os ciberdereitos dos cibercidadáns.

«A pobreza é a inxustiza»

No artigo da semana reflexiono, a raíz da Festa «Un Día para a Esperanza» de Intermón-Oxfam, sobre a necesidade de reaccionar sobre a actual situación de fame, pobreza e inxustiza no planeta. Outra ollada é posible.

Dous autos: Garzón e Varela

Fálase moito do auto do xuíz Baltasar Garzón polo cal foi procesado pola Sala 2ª do Penal do Tribunal Supremo. Non está de máis ler esta peza xurídica (pode baixarse en pdf aquí) que constitúe, tamén, unha admirable síntese histórica da brutalidade represiva do franquismo. O texto e os seus fundamentos poden compararse cos rebatidos nestoutro (tamén aquí en pdf) do maxistrado Luciano Varela, tras admitir a querela presentada por Falange Española, auto polo que Garzón é acusado de prevaricación. Dous textos que admiten un interesante comentario de textos (crítico e comparativo).