Onte 653: No Grove coa «Causa Lueiro»

A presentación no Grove de Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida, o libro de homenaxe ao autor d’ O sol na crista do galo, foi un éxito rotundo. A Galería Besada quedou moi pequena para acoller a máis dun cento de persoas que vibraron de emoción coas palabras de Ramón Nicolás, o coordinador do volume no que colaboraron cincuenta persoas, e de Luís Cochón e o profesor Xesús Alonso Montero. Ademais de agradecer a colaboración dos autores e autoras dos textos do libro e o compromiso da familia Lueiro Lores, os oradores salientaron a vixencia da «Causa Lueiro», tanto pola importancia do conxunto da súa obra literaria e o seu latexo popular como polo o modelo da súa figura moral e política. O vindeiro martes, repetirase a presentación na Libraría Paz de Pontevedra ás 20:00 horas. Alí estaremos.

Onte 649: «Os fillos do mar», premio San Clemente

Foi unha ledicia coñecer que o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente fose esta ano para Pedro Feijoo pola súa novela Os fillos do mar. Tras o éxito de boca orella desta obra, aparecida a pasada primavera e da que levamos publicadas catro edicións, son lectores e lectoras de Segundo de Bacharelato os que a recoñecen agora como mellor novela en galego do ano 2012. Un premio que felizemente Feijoo recibe cando inicia a andaina a edición en castelán desta súa primeira novela. Poucas veces participamos nun debut literario tan esperanzador. Parabéns, Pedro!!!

Onte 645: «As vidas de Nito» de Xabier Paz

A presentación da segunda novela de Xabier Paz, As vidas de Nito, ateigou a libraría Andel de Vigo. Foi Iolanda Veloso, voceira do grupo municipal do BNG de Vigo, a que presentou unha novela que comezou definindo como «densa e fermosa», agradecendo ao autor «o moitísimo que me fixo sentir, dende momentos eruditos, a moitas emocións e sentimentos, xa que esta é unha novela chea de poesía». Veloso recoñeceu na novela A Coruña, a súa cidade natal, tamén a do autor, «sobre todo naquelas aventura de verán, que é cando se aprendan máis cousas». Referiuse despois a que lle interesara moito o feito de que fose «contada por unha persoa que é diferente, que non encaixa na normalidade, o que permite ofrecer perspectivas moi diferentes», lembrando despois a actualidade deste enfoque, xa que por poñer un caso, como lera recentemente nun artigo, hoxe «as persoas con autismo son un indicador da saúde social». «Ademais, a novela fala moito de educación relixiosa e segregada que recibiu Nito, onde as mulleres convértense en nais e irmáns». Despois de comentar diversos parágrafos da obra, a presentadora salientou que «constituía un raro privilexio para cada lectora poder enfrontarse a un texto no que se tenden pontes entres disciplinas diversas para explicar o sentido da vida. As vidas de Nito fala da vida e da morte. Fala de vidas poliédricas, das vidas que vamos superpoñendo cada un de nós». Rematou as súas palabras confesando que cando estaba lendo esta novela «estaba convencida de que falaban de min». «Estou convencida que todo o mundo cando a lea saberá que fala de si». «Parabenizo a Xabier por ofrecernos esta novela coa que nos reconciliamos coas vidas que vivimos e coas que viviremos».

Pola súa banda, Xabier Paz comezou as súas palabras definindo a novela como «unha reflexión sobre a natureza humana dun rapaz de crecemento tardío». Agradeceu aos seus amigos Merce e Vítor o feito que despois da publicación de Renacer o emprazasen a escribir sobre el mesmo. Recoñeceu que utilizara un eixo improbable como eixo da trama, a semellanza do tango inverso protagonizado por Nito e Elba. «Pelexar coas fichas documentais e temáticas foi o máis difícil da escrita da novela. A ambición era a reflexión sobre o ser humano dende todas as perpectivas». Confesou que desbotara tres fichas que lle interesara, a de Frei Diego Landa, autor da Relación das cousas de Yucatán, a civilización que axudara a liquidar, a do sermón de San Antonio dos peixes e a da condesa Elisabeth Barthory, a condesa sanguenta. Utilizando a proxección de fotografías, falou do tempo e dos espazos de Nito, «un neno que medra con moita dificultade nos anos 50 nunha cidade con alcaldes da envergadura de Picadillo e Alfonso Moilna». Rematou a súa intervención, referíndose ao que na novela chámase «A desfeita», o desastre da modernización e a corrupción dos anos posteriores á chamada Transición Política.

Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida

Iago Nicolás fíxonos este agasallo para axudar a facer visible o libro de homenaxe a Manuel Lueiro Rey, no que participamos medio cento de persoas unidas pola admiración e a amizade co inesquecible escritor do Grove.

Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida será presentado por vez primeira o sábado 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Besada (Rúa Concepción Arenal 1 baixo) do Grove, acto no que participarán Ramón Nicolás, Luís Cochón, Xesús Alonso Montero e o editor. Despois, o martes 25 de xuño será presentado na Libraría Paz de Pontevedra (Peregrina 29) tamén as 8 da tarde, contando coa presenza de Nicolás, Cochón e o editor.

Onte 643: Matarte lentamente

Nesta crise magoante a realidade vai detrás da ficción, ou a literatura diante da vida, que ven sendo algo semellante. Penseino onte cando lin devagariño a noticia tremenda do suicidio de U.P.B., un xubilado de 82 anos afectado pola estafa das participacións subordinadas de NGB. Penseino cando lembrei unha das historias relatadas por Diego Ameixeiras en Matarte lentamente, a súa próxima novela (en novembro estará nas librarías), precisamente aquela na que se suicidan unha parella de preferentistas xubilados e na que o seu fillo irado artella unha terrible vinganza. Tras a lectura do manuscrito, cando chamei a Ameixeiras comentamos, o que é a vida, este caso dos preferentistas e agoiramos que algún día podería producirse. Agora, apenas un mes despois, a realidade fixo máis verosímil a primeira parte da ficción. Malditos especuladores!

Onte 641: Preis Xerais Roman 2013

O luns despois dos Xerais adoitamos reunir na nosa web todos os materiais publicados nos medios impresos e dixitais durante a fin de semana, así como unha galería de fotos. Sempre levamos sorpresas agradables do alcance dos ditame dos premios, sobre todo desque as redes sociais axudan a socializar e a compartir o acontecido na illa. Con todo, nesta edición chamounos moito a atención unha anotación publicada no dixital alemán Nachrichten (Noticias). A pesar de que ne editorial aventuramos diversas hipóteses, non logramos aínda entender cal foi o camiño de ida e volta desta información. Quizais algún membro da comunidade galega residente en Alemaña quixo facernos este simpático agasallo? Sería extraordinario ver publicada algún día en alemán Cadeas, a prometedora novela sobre a dominación de Xabier López. Un bo comezo.

Onte 639: A irmandade de Xerais

Ala vai outro Xerais inesquecible! A irmandade dos lectores e lectoras (trescentas na illa e outras tantas conectadas por Internet), a comunidade de afectos, o soño compartido de tantos amigos e amigas de enxergar un futuro para o país e para a lingua de noso. Os Irmandiños de Vincios (bravo gaiteiros e gaiteiras!) puxeron no serán o timbre da ledicia e o rigor da voz popular. O mestre Xabier Docampo nun discurso sensacional e memorable (unha peza a ler e reler devagariño) pasou a testemuña de cargo á seguinte xeración que debe abrir unha páxina nova no libro da nación. Antonio Fraga deitou doas de tenrura e esperanza no seu primeiro discurso literario. Xabier López abriu outra xanela na súa sólida traxectoria de narrador na procura da excelencia. Tras trinta anos, aqueles Xerais ideados por Luís Mariño manteñen o seu pulo. Mais non son estes tempos para o conformismo rotineiro, os Xerais precisan mudanzas, imprescindibles para afrontar estes tempos difíciles (ruíns), caracterizados pola hibridación editorial e pola fraqueza (nalgúns casos ausencia) das políticas públicas de lectura. Mudanzas que, sen dúbida, comezaremos a implantar a partir da vindeira edición. Cando regresabamos a San Hadrián no Babuxa de Ángel (obrigado, patrón!!!) non puiden evitar un levísimo aceno de satisfacción emocionada pola fortuna de tras dúas décadas continuar dirixindo o equipo de traballadores e traballadoras de Xerais. Hoxe, a miña beizón para eles e elas polo seu talento e dedicación no desenvolvemento do noso proxecto!

Aquí toda a gravación da hora e un cuarto de cerimonia.

Onte 638: Os Xerais por streaming

O streaming está revolucionando a comunicación cultural, educativa ou política, permitindo o acceso a foros e eventos que se celebran fóra do noso alcance. Un recurso dixital marabilloso que utilizo con frecuencia. Coa axuda de Algueirada e Pumpún, onte preparamos o streaming dos Premios Xerais 2013 que, outro anos máis (xa van nove) celebramos na illa de San Simón. Un serán de festa que gostaría poder compartir cos milleiros de persoas que colaboran e apoian o traballo da editorial ao longo de todo o ano, dende os autores e autoras do noso catálogo (preto dun milleiro), pasando polos libreiros, bibliotecarios e profesorado, até os lectores e lectoras (das máis diversas idades), os protagonistas e a razón de ser dos nosos libros. Mágoa que apenas tres centos destas persoas poidan xuntarse mañá na illa dos poetas e da memoria para celebrar a escolla de dous novos textos e escoitar o discurso (xa adianto que espectacular) de Xabier DoCampo. A nosa gratitude e agarimo para todas e cada unha delas, para as persoas que nos acompañan e para as que o fan por streaming, mesmo a milleiros de quilómetros do fondo da ría de Vigo. Unha marabilla!

Onte 634: A BSO das meigas de Lupa

É unha marabilla o que está sucedendo coa banda sonora orixinal que David Alonso Garzón compuxo e gravou para As meigas de Lupa, a novela xuvenil de María Solar. Seleccionada primeiro e logo declarada finalista nos premios Jerry Goldsmith do Festival Internacional de Música de Cine de Córdoba, na categoría de mellor creación libre, onte coñecimos un vídeo de presentación deste orixinalísimo traballo audiovisual, no que colaboran de forma desinteresada un equipo de máis de 20 persoas entre técnicos e o grupo Achádego de teatro, unidos pola inspiración e o estímulo da lectura da novela de María Solar. Do que soubemos onte foi da peza de seis minutos na que se adianta o que será o booktrailer e a banda sonora, que acompañará a novela cando apareza a segunda edición, a comezos do vindeiro outono. É obrigado expresar a nosa gratitude a David Alonso Garzón por este incrible traballo que incita a mergullarse na lectura recuperando unha lenda do noso patrimonio de tradición oral. Paga a pena seguir este proceso creativo tan estimulante.

Onte 633: Bautista Álvarez narrador

Dediquei unhas horas da tarde do domingo a preparar o borrador do texto de contracuberta de Retallos daquela infancia, o libro co que Bautista Álvarez debuta como narrador. Efectivamente, aos seus oitenta anos, o membro da xeración Brais Pinto e veterano político nacionalista publicará en Xerais o vindeiro mes de xullo dezasete relatos, que confesa «andan cerca das memorias», ambientados na súa infancia no seu territorio familiar da aldea de Loucía da parroquia de Lás do concello de San Amaro, preto do Carballiño. Acontecementos relevantes daquela comunidade aldeana dos anos trinta e corenta recuperados do esquecemento con memoria fotográfica e relatados con pulsión inequivocamente literaria, non exenta de retranca, intriga e doses de tenrura.

O cadáver dun mozo acoitelado, atopado na Telleira, xusto no lindeiro que separa a parroquia de Eiras da de Las, do que nunca se soubo a súa identidade. A procesión do santo Antonio de Las que tras os primeiros foguetes rematou en delirio colectivo e con san Roque feito un espantallo. Os amores do cabalo Mourego e a mula do Hixinio, que chegaron a compartir a morte. As lembranzas da escola de Andrade, de mestres de Falange como don Gabino, na que a mellor disciplina era o recreo e na que todos os días antes de saír pola tarde os alumnos tiñan que contar o Cara el sol e o Oriamendi. A historia de Severo, o frustrado estudante de medicina polo que degoiraban as mulleres. Ou aqueloutra tan noxenta de Gaudesio, o carniceiro de Figueroa, o vingador de roxos, responsable de tantas mortes e outras atrocidades…

Escritos con vontade literaria, utilizando unha lingua literaria de raíz popular, estes retratos e relatos populares de Bautista Álvarez emparentan con páxinas de Ánxel Fole, Castelao e outros autores da tradición do mellor relato galego do século XX. Retallos daquela infancia pode ser unha das sorpresas narrativas deste ano.