Novo valor

Afortunadamente algún dos premios literarios deste ano están achegando voces novas e case inéditas ao panorama literario galego. Aire novo, si señor! Despois da de Carredano, aparece a de Carlos Freire Cordeiro, o gañador do Vº Certame de relatos por entregas de La Voz de Galicia. O certo é que eu xa coñecía a este escritor de Moaña polo seu labor como crítico do Faro da Cultura. Despois do momento moi emocionante da entrega do cheque (as súas palabras non expresaban impostura ningunha), tiven a oportunidade de falar con el durante uns minutos. Contoume que era a primeira vez que se presentara a un concurso de narrativa, que non tiña nada publicado de ficción e que axiña amigara na mesa co resto dos finalistas. Estaba feliz. Ten trinta e cinco anos, estudou filosofía, fixo o máster de xornalismo, mais a súa teima é ser escritor. Iremos lendo con moita atención a súa novela.

16-07-2005: Na primeira entrevista, Carlos expresa a súa admiración por Hammett (Acio sanguento é unha homenaxe a Colleita vermella) e polo Tren nocturno de Amis.

17-07-2005: Onte Carlos Freire fai un interesante comentario a este post. Salienta tamén a súa participación no traballo colectivo de crítica no Cartafol. Como así é, creo que merece ser subliñado.

Un canto á vida

É impresionante: Teresa Moure volveu gañar un novo premio. Hai varios días acabei de debullar o orixinal de Herba Moura, a novela coa que gañou o Xerais. Deslumbroume. Non atopo expresión máis acaída (“deslumbrante” dixeron, tamén, os membros do xurado).
Interesáronme moito os temas (dende a confrontación entre o pensamento racionalista e o empirista; a vindicación destas mulleres determinadas a escoller o seu camiño; o rescate da memoria de tantas mulleres invisibles…), mais, e sobre todo, a estrutura enfarrapada (ese “pachwork”, seguro que está mal escrito, que tanto me gusta) que, a autora consegue ganduxar nas derradeiras trinta páxinas (para min, prodixiosas) e a prosa enfiada e agarimosa, espremendo tanto, tanto as palabras ata conseguer un mel verbal marabilloso.
Gustáronme os personaxes, sobre todo, Hélène e Einés (tan riquiñas, tan apaixonadas polo coñecemento, como a propia Christina, un contrapunto, quizais máis racional, mais por iso, non menos emotivo). Gustoume o tratamento da figura de Descartes (que funciona como vertebrador da trama) coma a do propio V.M (ese director de tese que como enigma vaise desvelando na súa fachenda). Gustáronme as receitas (páxina memorable é a dos petisús), as cartas e as referencias ás herbas. Interesáronme os debates filosóficos e lingüísticos.
A novela é de lectura sedutora, como sensual son moitas das páxinas (que recenden cantas delas), a pesar de que algunhas (as de temática máis filosófica, no capítulo terceiro) son complexas. Todo un desafío para cada lector ou lectora. A novela toda é un canto a vivir con intensidade e con paixón e perseguir o coñecemento e o amor alí onde teñan a súa gorida. Xa teño ganas de vela editada e que os lectores e lectoras opinen. Esta novela vai dar moito que ler (alza 448 páxinas) e moito para falar e debater.

Buxo


Arboriña de buxo.

A arboriña de buxo que entregamos a todos os asistentes á festa pretendía ser unha metáfora visual de como entendemos a edición en galego: unha planta que crece a modiño; precisa rego constante; fertilizante, de cando en vez, e proporciona, co paso do tempo (pode durar ata seis séculos), unha madeira forte e harmónica (é a máis axeitada para construír as gaitas). O porte elegante das súas árbores adultas semella o modelo de catálogo que debemos seguir alimentando.

Moitos blogueiros

Entre os asistentes á festa, ademais dos membros dos xurados, de escritores, editores, libreiros, críticos, xornalistas e persoal da editorial e da nosa comercial, había moitos blogueiros (Ian, Fuco, Nalló, Lolo, Kavafinho, Náufrago, Jaureguizar, Cabrafanada, María e Cesare), fotógrafos (Lobato, Magar, Cal, De Arcos, Vicente) e ilustradores (Lázaro, moi felicitado polo libro; Villalobos; Fino, un dos xurados; Uhía, entre outros moitos).
Coa excepción, dunha ampla representación da Corporación de Redondela (que moito axudou na festa), de Xavier Senín (o subdirector Xeral de Promoción Cultural da Consellaría de Cultura, que se desviviu por atendernos), do presidente e xerente do IGAEM e dun responsable do BNG, non había apenas outros políticos (dificilmente podiamos competir coas eleccións). Agradecemos a presenza de todos as persoas que acudiron ao noso convite. Mágoa, que o reducido do aforo, impedise que puidésemos convidar a moitas outras.

Ramalliños de luces


San Simón, 11-06-2006, 22:58.

Onte marchamos felices das illas: os dous textos premiados prometen calidade, as pezas de Treixadura solemnes, as intervencións foron emocionantes e, o que para nós era o máis importante, cremos que as trescentas persoas que viñeron pasaron un bonito serán.
Antes de embarcar, con todos os convidados xa no peirao, púxenme un pouco nervioso. O catamarán non podía atracar e debemos agardar media hora (longuísima para min) polo vice-patrón da confraría para que movese un pesqueiro que ocupaba o acceso dos viaxeiros. Logo, xa todo correu ben.
Tiñamos ilusión por pechar a noitiña (para nós tamén a celebración do XXV) cuns ramalliños de luces. E resultou moi emocionante ver o ceo iluminado. Mañá volvemos á nosa rotina. Hai moito por facer.

XXV

Ás portas dos actos de mañá, fanme diversas entrevistas para que valore os vinte e cinco anos do traballo da editorial. Insisto no que creo foi o noso maior anceio: contribuír á profesionalización e modernización do noso sector. Desde a fundación, fomos diversificando a oferta do libro galego, normalizando as relacións cos autores (contratos, pagamentos de dereitos…), insistindo na importancia da promoción e comunicación editorial (co obxecto de desvelar a tea que tapa a nosa edición), e, tratando de mellorar a calidade do libro galego, tanto no tratamento do texto coma do deseño e dos materiais. Creo que algo fomos avanzando, tanto nós coma o resto das editoras. Un éxito colectivo, pois.
Non nego que estamos orgullosos do que fixemos (a pesar dos moitos erros nos que incorremos, sen dúbida), mais tamén, estamos insatisfeitos, xa que o noso soño normalizador aínda queda moi lonxe. Non somos autocomplacientes. Queremos que este aniversario sirva para a autocrítica e para afrontar con maior determinación os retos de futuro.
En todo caso, celebraremos mañá con alegría esta fantasía colectiva de pular pola edición en galego, a tarefa que aos profesionais da editorial nos move cada día. Obrigados quedamos a todos os que nos apoian e estimulan, tanto cos seus parabéns como coas súas críticas (tan necesarios uns coma as outras). Beizóns.

Jaureguizar premiado

Coñecimos hoxe que Cabaret Voltaire de Jaureguizar resultou gañadora do Premio de Novela García Barros convocado polo concello da Estrada. Unha alegría por tratarse dun amigo e dun autor moi admirado por min, que ve recoñecido así o seu traballo. O único que me magoa, e que debo aceptar con resignación, é non ter a posibilidade de optar a editala, xa que nas bases deste concurso aparece a obriga de que a obra gañadora sexa publicada por Galaxia, editorial que colabora no xurado do premio.
Considero moi desacertada esta política, consolidada dende hai moi poucos anos, consistente en que premios convocados por entidades públicas pechen a posibilidade de que o autor ou a autora (o único posuidor lexítimo dos dereitos de explotación comercial da súa obra) escolla a editorial na que quere publicar o seu texto. Téñoo reiterado en moitas ocasións e obrado en consecuencia (a nosa empresa non participa en ningún destes acordos). O respecto escrupuloso do dereito de autor, ao que tantas veces nos temos referido, pasa tamén por non ter que pagar peaxes de ningún tipo. Ou non?

Xurados de lectores

Onte, tras a reunión do xurado (deixaron tres novelas finalistas que anunciaremos en nota de prensa o luns) tivemos un cea moi pavera. Falamos, era inevitable, moito do estado da esperanza e, tamén, da liada na que os metéramos. A pesar de traballar, en apenas mes e medio, doce novelas (de forma gratuita e vocacional) todos estaban satisfeitos e orgullosos de participar na experiencia.
Sigo crendo na pertinencia deste tipo de xurados literarios non profesionalizados e absolutamente independentes, onde cada persoa asume a súa tarefa como unha responsabilidade vital de primeiro orde. Sempre resulta moi emocionante escoitalos falar de forma tan apaixonada das súas lecturas. Coincidiron en que non había unha novela favorita e que o nivel fora moito máis elevado do que eles agardaban. Pois iso, a agardar as relecturas das finalistas que farán ao longo da vindeira semana.

Premios da Crítica Galicia


Xosé Chao Rego e Antón Costa Rico

Levo asistindo aos Premios da Crítica Galicia desde hai máis de vinte anos. As mellores edicións sempre son as que coinciden en periodo preelectoral. Así sucedeu onte, onde todas as intervencións dos gañadores reclamaron abrir un tempo novo, chamadas á esperanza e ao inconformismo coa situación presente (referencias importantes que non vin en información ningunha dos medios, que se limitaron a reseñar as actas dos xurados).
Antón (co de onte, o seu libro xa acada tres premios) en Investigación, Pepe Chao (mágoa que se lle vexa cada vez máis abaixadiño) no de Ensaio, Luis Bará (o concelleiro de Cultura de Teucro) en Música, Farruco Bernal (en representación do equipo galego de Mar adentro) en Artes da representación, e o alcalde nacionalista de Vilar de Santos (promotor do Museo Etnográfico da Limia) en Iniciativas Culturais fixeron dunha ou doutra maneira referencias esperanzadas á necesidade de cambio político.
Mención á parte merece a categoría do discurso de don Xesús, nomeado Galego Egrexio, unha peza oratoria memorable; aínda que me chamou a atención a escasa presenza dos seus colegas, coa excepción de Axeitos, que lle fixo unha fermosa laudatio. O profesor está en plena forma e demostrou nun discurso lido (o que non acostuma) que continúa agudo, combativo e erudito coma sempre adoita.
Xa nos rexoubes dos pinchos, xente ben informada apuntaba a preocupación que en privado amosa o responsable da campaña do PP polos datos que proporcionan as enquisas. Semella que hoxe hai posibilidades reais para a alternativa.

Púrpura para Amanda

O sábado participei no acto de entrega do Premio de Relatos Os Viadutos para menores de trinta e cinco anos, que dende hai sete anos organiza o concello. Alí souben de Manuel Antonio Lourenzo Sobral, un mozo de Arcade, licenciado en filoloxía (está facendo o postgrao sobre o galego exterior con Quique Costas). Manuel é o autor de “Púrpura para Amanda”, o relato que os membros do xurado declaramos (sen dúbida ningunha) como gañador. Un conto impresionante, arredor da tortura e do golpe de estado de Chile en 1973, literariamente redondo. Ao remate, contoume que era a primeira vez que mandaba algo a un concurso e que tiña un fachico de contos na gaveta. Volvín para casa contentísimo. Aí veñen novas xeracións de narradores galegos cun pulo poderoso!