Tertulia sobre os premios literarios

Hoxe coordinarei a tertulia sobre os premios literarios organizada pola Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega. Desde a creación do premio Blanco Amor de novela e do Premio Xerais (os dous máis veteranos, cunha traxectoria de máis de vinte anos) foron agromando polo país ducias de galardóns literarios a obras inéditas dos diversos xéneros (sobre todo narrativas).
Non está de máis valorar o camiño percorrido e a achega que estas iniciativas, a maior parte delas promovidas por institucións públicas, proporcionaron ao pulo da creación e á visibilidade do libro galego nos medios de comunicación.
Entre as moitas cuestións a debate considero que algúns dos temas sobre os que pode xirar a tertulia desta tarde serían:

  • Non existirá no sistema literario galego unha inflación de premios literarios a obras inéditas?
  • Que premios botamos en falta e cales poderían ser prescindibles?
  • Que perfil deberían ter os xurados dos premios?
  • Promover un premio literario é o único xeito ou modalidade posible do que dispón unha institución para apoiar a creación literaria?
  • Debe vencellarse cada un dos premios, convocados por institucións públicas, a unha editorial privada?
  • As obras premiadas, unha vez editadas, para algúns son sinónimo de calidade (xa que veñen avaladas polo criterio dun xurado), mentres para outros, pola contra, o son produto da mercadotecnia. Como se pode comprender isto? Son todos os premios iguais?
  • Existen no noso sistema literario premios suficientes que recoñezan a obra editada?
  • A nova lei do libro e a lectura, que iniciará decontado o seu trámite parlamentario, prevé a creación dos Premios Nacionais da literatura galega. Que criterios e características deberían ter?

Primeira Noite da Edición

Quedamos razonablemente satisfeitos do resultado desta primeira Noite da edición. Pola numerosa presenza de editores, polo bo nivel da conferencia de Anxo Tarrio e do concerto (con dúas estreas mundiais de compositores galegos), así como pola elevada participación das editoriais nas votacións, constituíu un bo primeiro paso para consolidar un encontro anual que prestixie ao gremio noso. Con todo, sabemos que cómpre mellorar moitas cousas, sobre todo atopar un ritmo máis áxil nas entregas dos premios: todos os intervinientes abusamos do micrófono e o acto fíxose na súa parte final aburrido e longo de máis. Quizais, o máis interesante da noite, ademais das intervencións de Senín e Ferrín na recollida dos seus premios (moi aplaudidas as dúas), foi o anuncio da nova programación cultural e sobre o libro da TVG, que comezará co novo ano; aínda que a proxección dos anuncios de promoción da compra do libro galego no Nadal, que hoxe comezarán a emitirse, non chegou a entusiasmar a ninguén. Creo que a promoción do libro galego precisa dunha estética máis contemporánea e arriscada que a utilizada desta volta. Porén, o máis importante é a propia iniciativa da nova dirección da TVG de proporcionarlle maior visibilidade ao libro en galego, algo moi de subliñar e agradecer.

An Alfaya, premio Lazarillo 2005

Magnífica noticia: a nosa amiga An Alfaya resultou gañadora do Premio Lazarillo 2005 por A sombra descalza, novela xuvenil ambientada na Guerra Civil. Este premio, o máis antigo da literatura infantil e xuvenil en España, no que compiten orixinais inéditos de todas as linguas oficiais, dáselle moi ben aos nosos autores e autoras. Ata agora, obtivérano Agustín Fernández Paz (1990), Marilar Aleixandre (1999), Gloria Sánchez (2000), Ana María Fernández (2001) e Xosé Antonio Neira Cruz (2004). Parabéns entusiastas para An!!!

Novo Premio de literatura Xuvenil

Desde hai uns cantos días están colgadas na rede as bases dos nosos premios para 2006. As novidades desta convocatoria son a creación dun novo premio de literatura xuvenil e a conversión do Merlín en premio de literatura infantil. O prazo de admisión de orixinais remata o 7 de abril, estando previsto que o fallo se realice o 10 de xuño de 2006.

Premios da edición 2005

A Asociación Galega de Editores convocou hoxe os Premios da Edición 2005 que serán dados a coñecer na primeira Noite da Edición (o vindeiro 17 de decembro). Os premios contarán con cinco modalidades:

  1. Premio Ánxel Casal ao Libro do ano, co que se pretende recoñecer un libro editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2004 e o 30 de novembro de 2005.
  2. Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2005, co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego e publicado polos membros da AGE entre o 1 de decembro de 2004 e o 30 de novembro de 2005.
  3. Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do 2005, co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2004 e o 30 de novembro de 2005.
  4. Premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial do ano, co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, colectivo de persoas, entidade ou institución das que colaboran co sector editorial ou que participan na promoción do libro editado en lingua galega.
  5. Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano, co que se pretende recoñecer o traballo realizado por un autor ou unha autora, ou colectivo de autores/as, en lingua galega durante 2005.
Dende hoxe ata o 15 de decembro os editores proporán candidaturas e votarán entre elas. Esta é a primeira ocasión na que o mundo da edición en Galicia acomete unha iniciativa coma esta.

Rubén Ruibal, premio Cunqueiro

A entrevista con Rubén Ruibal, autor de Limpeza de sangue, peza dramática premiada onte co Álvaro Cunqueiro, é estupenda. Xa devezo por ler a peza, que editaremos na colección “Os libros do CDG”. Recoméndoa.

O Nóbel Pinter en galego

A verdade é que nunca pensara no debate que mantivemos estes días no blo sobre as candidaturas ao Nóbel que eu puidese chegar ser este ano un dos seus editores. Eis a sorpresa marabillosa que hoxe nos deu o rabudo antibelicista Harold Pinter, membro de Amnistía Internacional, autor dramático case inédito en España (publicado ata 2003 só en catalán en galego). Desque coñecimos a noticia, precipitáronse as chamadas e felicitacións e preparei as presas esta nota de prensa que aquí reproduzo:

  • Edicións Xerais de Galicia expresa o seu entusiasmo pola noticia da concesión do Premio Nobel de Literatura 2005 ao dramaturgo inglés Harold Pinter, autor do que Xerais publicou en 1999 o libro Vellos tempos. A festa de aniversario, un volume da colección “Os libros do Centro Dramático Galego”, onde se recollen a tradución de Manuel Vieites García de dúas das súas pezas dramáticas máis representativas do novo Premio Nobel.
    Harold Pinter, un dos autores máis trascendentais da dramaturxia inglesa contemporánea, ocupando un lugar central na historia da literatura dramática do universo mundo. Entre as súas pezas cómpre salientar textos tan significativos como The Dumb Waiter, The Birthday Party (A festa de aniversario, Xerais 1999), The Lover, The Caretaker, The Homecoming, Landscape, No Man ‘s Land, Betrayal, Ashes to Ashes, Old times (Vellos tempos, Xerais 1999) ou Como guionista de cine traballou en títulos do relevo d’ A muller do tenente francés, À la recherche du temps perdu ou The last Tycoon. Pinter, membro de Amnistía Internacional, ten alentado a creación de moi diversos foros de debate, sempre na defensa dos dereitos civís, da liberdade de expresión e contra a censura. Situado inicialmente pola crítica no ámbito do que se deu en chamar “teatro do absurdo”, a súa obra reborda calquera tentativa de etiquetado e constitúe unha singular aproximación ó estudio da conducta humana e unha denuncia permanente das diferentes maneiras en que o totalitarismo invade e se instala na vida cotiá.
    En Vellos tempos e n’ A festa de aniversario aparecen as tres cuestións claves para analizar a obra de Pinter: a ameza que permanentemente acosa ó individuo, do que xamais sabemos como vai aparecer e cales son as súas causas e finalidades; as dificultades para establecer unha comunicación entre os seres humanos que vai máis aló dos tópicos e dos lugares comúns cos que se inician as dúas pezas; e a imposibilidade de verificar ou dar por certos determinados acontecementos do pasado que condicionan o presente. A dominación e a crueldade, xunto coa extrema fraxilidade do ser humano que pode ser destruído, desintegrado, nun simple instante, e non importa tanto saber que é o verdugo senón constatar que os verdugos existen, quizais sexa unha das conclusións que o lector poida tirar da lectura destas exelentes pezas.
    Vellos tempos foi estreada pola compañía Teatro do Atlántico, dirixida por Xulio Lago, no Teatro Principal de Pontevedra o 18 de novembro de 1988. Ata o momento, a obra de Harold Pinter foi publicada en
    España por Edicións Xerais de Galicia (galego), Edicions 62 (catalán) e Argitaletxe Hiru (castelán).

E por que non, Gaarder?

Náufrago propón a Philip Roth, Jaureguizar a John Updike, e por que non, pensar en Jostein Gaarder? Este chavaliño (ten cara de rapaz) noruegués, que formalmente escribe para mozos e mozas, e aínda sen traducir ao galego, seméllame contar con méritos e escrita abondos para merecer o Nobel. É autor de obras marabillosas e irrepetibles, como O enigma e o espello. Porén, a min prestaríame máis que fose Ferrín, mais temo que este ano haberemos agardar.

Outra descuberta

Iria López Teijeiro, unha rapaza de vinte e catros anos de Fene, é a nova descuberta do primeiro Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela convocado para menores de vinte e cinco anos.
É unha beizón deste ano que case cada premio permita atopar unha voz nova para a nosa narrativa. Semella que está xermolando, tamén, un tempo novo para as nosas letras.
Este premio de Biblos, tan orixinal, é outro grande acerto de Carmela e Tucho. O acto e o xantar posterior foron deliciosos. Parabéns merecidos para Biblos.