Entrevistas aos Premios Xerais

Hoxe La Voz de Galicia entrevista aos tres gañadores dos premios Xerais 2007, coincidindo co aparición das obras nas librarías e a súa presentación. Algo que moito agradecemos.

"A lúa dos Everglades": presentación en Melide

Esta mañá presentamos no concello de Melide A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Certame de narrativa Terra de Melide 2007. Quedei abraiado pola intervención de Socorro Cea, a alcadesa do BNG, que soubo contextualizar a presentación na tradición da edición de Terra de Melide o 7 de xuño de 1933 por parte dos membros do Seminario de Estudos Galegos e de Ánxel Casal (que xa ten rúa en Melide, dende o pasado mes de agosto), ademais de amosarse moi agarimeira co traballo da editorial. Grazas, moitas grazas.
Na súa intervención Marcos alternou a lectura de fragmentos [moi ben escollidos] da novela con algúns comentarios sobre eles. Quedei na libreta con estas notas das súas palabras:

  • “O tema da emigración, paradoxicamente, foi pouco tratado na literatura galega”.
  • “A novela abrolla no tempo e na distancia, que non se mide en espazos, senón, como sinala o poeta Xoán Neira, en sentimentos”.
  • “Os personaxes da novela percorren as rúas de Bos Aires, Madrid ou Miami, mais co seu espírito percorren os vieiros dun pasado inesquecible. […] A droga máis dura que coñecen: a súa Terra”.
  • “Cada emigrante recende a pan e maila terra mollada”.
  • “Os Tamara son a melodía da distancia”.

Culminamos a presentación cun pouquiño de empanada e queixo, adozado con melindres e eses “Ricos” (únicos) de Melide, dos que trouxemos un par de bolsas para Vigo.

Actualización (28-10-2007): a noticia da presentación na Voz de Galicia e a referencia aos Ricos (doces en perigo de extincio) no blog de Marcus.

Unha chamada que non chega

Non acabo de comprender como é posible que Rubén Ruibal non fora felicitado aínda pola Conselleira de Cultura ou polo Director Xeral de Creación Cultural ou por calquera outro membro do Goberno galego (Si o foi polo Ministro de Cultura e polo Director Xeral do Libro). Todo unha torpeza, que agardo sexa retificada decontado. Aínda que non hai noticias sobre a representación da obra premiada, e a pesar que existía un compromiso nas bases do premio Álvaro Cunqueiro de representala nun prazo inferior aos dous anos (xa superado), polo menos nestes días e despois da noticia do Nacional moveuse unha esperanzadora posibilidade de que sexa adaptada como telemovie.

Actualización (27-10-2007): “Silencios”, unha anotación moi clarificadora en Alicia Crece.

Etiquetas:

"Limpeza de sangue", Premio Nacional 2007

Beizóns, beizóns, beizóns, beizóns, Rubén! Acabamos de coñecer que Limpeza de sangue obtivo o Premio Nacional de Literatura Dramática 2007. Poucos premios tan merecidos coma este. Estamos entusiasmados.

(Actualización: 20:30 horas): A breve anotación anterior está realizada, ás 12:40, tras a chamada de Rubén para dar a boa nova. Axiña publicamos unha nota de prensa. As referencias e entrevistas con Ruibal, que atopamos até agora na rede, son as seguintes: Terra: “Ruben Ruibal: ‘Non concibo o feito de escribir sen dar avisos sobre os problemas do mundo'”. La Voz de Galicia Gznación e Xornal.com.
Esta é a segunda ocasión na que un texto dramático galego obtén o Premio nacional, xa que, con anterioridade Manuel Lourenzo o obtivera en 1997 por Veladas indecentes. Rubén Ruibal engádese á nómina de premios nacionais obtidos pola literatura galega nas dúas últimas décadas: Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Manuel Rivas e Suso de Toro. Do interese e da calidade da obra gañadora, así como da súa magnífica recepción entre os lectores, temos falado dabondo no blog. Agardo que este premio axude a visibilizar o texto entre un maior número de lectores e a poder chegar a representar a obra (algo que, incomprensiblemente, aínda non está en marcha).

Coincindindo coa nova de Rubén, tamén recibimos a noticia dos premios do IGAEM deste ano 2007: Historia da chuvia que cae todos os días de Roberto Salgueiro (Premio Álvaro Cunqueiro) e Game over de Carlos Losada (Premio Manuel María de literatura dramática infantil). Publicaremos os dous textos dentro da Biblioteca Dramática Galega, iniciada co libro de Rubén.

Etiquetas:

Certame Os Viadutos 2007

Esta mañá participei no acto de entrega dos premios do VIII Certame Literario de Narrativa breve Os Viadutos 2007, organizado pola concellería de Xuventude do concello de Redondela e dirixido a narradores menores de trinta e cinco anos. Levamos participando no xurado deste premio dende o inicio (alí premiamos textos de Samuel Solleiro ou Roque Cameselle) e considero que os dous relatos premiados nesta edición son algúns dos de mellor calidade. O primeiro premio correspondeu a Iván García Campos por “O camiño das formigas” e o segundo a Xerardo Neira Pereira por “A orella de Jenkins”. No vindeiro mes de novembro publicaremos un volume coas dúas obras premiadas e cunha terceira (“A selva do caleidoscopio”, presentada baixo o pseudónimo de Iskra-lhe) que mereceu unha mención do xurado. Un premio ben xeitoso que abre unha xanela para a visibilidade de tres narradores novos.

Actualización (21-10-2007): A noticia da entrega no Faro de Vigo.

"Faro de Vigo" e "Diario Cultural", premios Liber 2007

Faro de Vigo, o “Diario Cultural” da Radio Galega foron premiados pola Federación de Gremios de España cos Premios ao Fomento da Lectura nos Medios de Comunicación do ano 2007. Na categoría de televisión foi premiado Jesús Vigorra, presentador do programa “El público lee” de Canal dos Andalucía. Os premios serán entregados esta semana en Líber. Parabéns aos premiados.

"O club da calceta", Premio San Clemente

O club da calceta de María Reimóndez obtivo o premio San Clemente outorgado por alumnos de 2º de bacharelato de cinco institutos públicos galegos á mellor obra narrativa en galego en 2006. Esta novela, recoñecida xa polo público (vai xa na 2ª edición), obtén o seu primeiro e merecido recoñecemento. Está sendo traducida para o italiano e o castelán, ademais de sendo adaptada para a televisión. Os nosos parabéns para María!
Actualización (29-06-2007): Entrevista a María Reimóndez en Galicia hoxe.

"Illa Soidade", adianto do primeiro capítulo

Hoxe subimos o adianto en PDF do primeiro capítulo de Illa soidade, a novela de An Alfaya gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil. Boa lectura!

Premio Xerais 2007, os artigos de Luzes

Hoxe o Luzes de El Pais Galicia publica varios artigos arredor dos Premios Xerais: