Premios Nacionais de Cultura

Moi boa noticia é a convocatoria dos Premios Nacionais de Cultura. A Consellaría de Cultura cumpre así un compromiso programático dos partidos do goberno e pon en marcha unha das iniciativas previstas na Lei do Libro e a Lectura. As dez categorías convocadas asumen, basicamente, o modelo dos Premis Nacionals de Cultura de Catalunya (quince categorías), afastándose do carácter máis artístico dos convocados polo Ministerio de Cultura (vinte e dúas modalidades, das que doce delas corresponden a literatura, a lectura e a edición) que, por certo, serán entregados o vindeiro sábado no Teatro Jofre de Ferrol (Rubén Ruibal e Manuel Vilariño serán os premiados galegos). A composición independente do xurado (quince persoas) e a posibilidade de realización de propostas por parte de entidades cidadás e institucións parécenme outros dous grandes acertos destes nosos Nacionais. Iniciativas todas elas que, para comezar este novo vieiro de autoestima e fomento da nosa creación cultural, non están nada mal. No entanto, cremos que xa haberá tempo en futuras edicións de realizar algúns axustes nestes premios, como para min sería desdobrar o de Literatura en diversas modalidades de xénero, algo que parece lóxico tanto pola grande importancia da nosa creación escrita, como polo que isto podería axudar ao proceso de normalización da lingua, do libro e da lectura en galego. Beicemos á Conselleira de Cultura por esta magnífica iniciativa que abre un camiño de apoio á creación e promoción da nosa cultura.

Finalistas dos premios AELG 2008

Coñecéronse hoxe os finalistas dos premios AELG 2008. Os premios serán fallados na Cea das Letras o vindeiro 26 de abril.

Os mellores libros do 2007

Fervenzas literarias –unha revista electrónica que seguimos con moito interese, polo seu grande labor de divulgación da nosa actualidade editorial literaria– deu a coñecer a lista dos mellores libros de 2007, confeccionada polos seus lectores. Quedamos moi agradecidos polos recoñecementos que nos tocan.

Gañadoras do Iº Premio de Micronovela de Soutomaior

Hoxe dimos a coñecer o fallo do Iº premio de Micronovela organizado polo concello de Soutomaior. Entre as corenta e oito noveliñas presentadas (máis de dous mil cincocentos folios), os tres membros do xurado escollemos como gañadora “Diario do efecto bolboreta” de Andrea Maceiras Lafuente, xove narradora de Cambre, estudante de 3º de Filoloxía da Universidade da Coruña. A obra gañadora do accesit foi a titulada “Virxinia” de Pilar Ortega Pereiro, profesora de Tecnoloxía no IES Pedra de Auga de Ponteareas.
A micronovela gañadora relata, seguindo a teoría de Lorenz, unha orixinal e divertida viaxe dun matemático galego e sentimental que persegue o bater de ás dunha bolboreta de Beijín a Nova York para comprobar a veracidade do chamado efecto bolboreta.
Ningunha das dúas gañadoras ten obra publicada ningunha, a pesar de xa ter acadados outros premios literarios anteriores. Unha auténtica sorpresa. As noveletas premiadas serán editadas a finais da vindeira primavera.
Actualización (16-02-2008): A noticia da entrega en Vigo Metropolitano e La Voz de Galicia.

Voces de liberdade, a homenaxe do PEN Clube

Onte asistín ao xantar de homenaxe a Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, organizado polo PEN Clube de Galicia, con motivo da terceira edición dos seus premios “Voces de liberdade”. A organización e o desenvolvemento desta homenaxe a estes dous grandes editores da nosa memoria histórica, que contou coa xenerosa colaboración da Tenencia de Alcaldía do concello de Vigo, foi excelente. As laudatios de Marilar Aleixandre e Camiño Noia brillantes e á altura literaria do labor hercúleo dos homenaxeados. Os discursos dos políticos agarimosos, ben preparados e moi axeitados. A condución do acto do presidente do PEN galego, Luís González Tosar, amena e emocionante. Mesmo o menú foi exquisito (coa excepción das peras ao mousse con chocolate, por baixo dun nivel culinario óptimo). Con todo, o mellor do acto foron os momentos das intervencións dos homenaxeados. Don Paco debullou, petando co seu caxato no chan (aínda está ben rexo), o seu percorrido vital, insistindo en que “a miña traxectoria foi sempre de continuidade como home que son do Seminario de Estudos Galegos, sen altibaixos, adaptándome sempre aos tempos que vivimos”. Isaac, que comezou a súa parolada cunha brincadeira pouco inocente (saudou á Secretaria Xeral de Política Lingüística como a “a muller que está traballando para que o galego morra dignamente”, que logo lle replicou de forma moi elegante dicindo que “todos estabamos alí para darlle vida a lingua”), utilizou o seu tempo para gabar a don Paco: “un grande amigo do meu pai”. O único que vin un pouco fóra de lugar (nunha sesión marathoniana, durou cinco horas), foi algunha das intervencións “espontáneas” dos asistentes que na sobremesa ocuparon o atril (unha mágoa!, que desluciu un chisco un acto magnífico e tan ben preparado). Beizóns a don Paco e a don Isaac, a Tosar e ao equipo directivo do PEN Clube de Galicia por este berro de liberdade literaria galega!

"A sombra descalza", incluída na Lista de Honra do IBBY 2008

Hoxe soubemos da inclusión d’ A sombra descalza de An Alfaya na Lista de Honra do IBBY 2008. Unha espléndida noticia para comenzar o ano. Esta obra xa contaba cos seguintes premios: o Lazarillo de literatura xuvenil 2005; o Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2006 e o White Ravens 2007. A novela, ademais, merece o apoio dos lectores, xa vai na cuarta edición. As nosas beizóns para An Alfaya que ben as merece por tan importante recoñecemento.

Etiquetas:

Carlos Lema, premio de poesía Johán Carballeira

Unha noticia ben bonita: o noso amigo o editor Carlos Lema obtivo o premio de poesía Johán Carballeira convocado en Bueu. O xurado salientou que a obra gañadora por unanimidade, O xeito de Freud. Transferencias da realidade, foi escollida “pola solidez da súa construción”, o que demostra “ser moi complexo na súa elaboración”, así como pola “riqueza que establece no diálogo intercultural e intertextual co discurso contemporáneo”. Non teño dúbidas que o debú literario de Carlos será unha obra importante. Beizóns!!!

Etiquetas:

Premios da Edición 2007

Eis o resultado dos Premios da Edición 2007 fallados onte na Coruña. Para min o máis interesante da velada celebrada no Aquarium, ademais da nosa ledicia polo premio recibido polo libro de Agustín Fernández Paz (un recoñecemento alboral a unha obra que presinto vai dar moito que ler), foi a magnífica intervención institucional de Alfonso García Sanmartín.
En apenas sete minutos, o presidente da AGE debuxou con claridade meridiana a folla de ruta do sector editorial privado galego para os vindeiros anos: aposta polas políticas de lectura pública, modificación do sistema de préstamo, modernización e formación do sector e consolidación da estrutura e funcioamento gremiais. Palabras oportunas e firmes (mágoa que non aparecese sequera unha pequena referencia a ela na información nos medios) para recuperar a autoestima e o traballo solidario dos editores galegos. Boa falta fan!
O vindeiro ano, a cuarta edición desta Noite da Edición celebrarase en Vigo.

Premios edición 2007, finalistas

Acaban de anunciarse os títulos dos libros finalistas dos Premios da edición 2007 que serán entregados o vindeiro venres na Coruña no transcurso da IIIª Noite da edición.

Durante A noite da edición 2007 serán homenaxeadas tres editoras galegas: A Nosa Terra, Alvarellos editora e La Voz de Galicia.

"Cardume", a memoria resistente da literatura

As dúas presentacións de Cardume constataron a importancia do debut de Rexina Vega como narradora, ao tempo que constituíron senllos actos cívicos de homenaxe á memoria resistente da literatura e da figura de Urbano R. Moledo.
En Compostela, Suso de Toro comezou a súa presentación sinalando que “é sorprendente que aparecese unha primeira novela tan ben resolta, impecable, tan ben feita como Cardume, ao tanto que aparece unha escritora”. Logo estableceu un paralelo da novela de Rexina con Paradiso de Lezama Lima: “Hai moito de vocación, dun mundo non vivido, moi numénico, cheo de aura, de densidade, cheo de ecos, e isto está todo na novela. Un mundo que actúa como fermento, coma o pan que está a levedar. Comeza cunha invocación á memoria, coa voz da narradora, unha meniña, na visita ao cemiterio de Pereiró. O libro é, pois, unha viaxe ao pasado, ao país dos mortos”. Continuou, Suso de Toro apuntando que “o carácter do libro é o daquela historia que merece ser contada; o seu material é o do que se nutre a tarxedia e o melodrama para un publico de lectores que se atreve con ese descendemento. Quen o faga vaise ver envolto nunha atmosfera pegañenta”. Detívose, despois, en abordar un aspecto que, coma galegos pode ser interesante: “a épica da cidade, a do Vigo do primeiro terzo de século, onde hai todo tipo d eoportunidades, hai futuro, hai ledicia, hai esperanza…, demostrando que non somos fillos dunha historia colectiva de fracaso”. Para rematar, Suso salientou que en Cardume hai un fío umbilical entre a narradora e a historia contada: “Esa presenza é sintomática dunha función esencial da literatura, dar sentido ás nosas vidas, dar sentido á existencia. En Cardume nárranse moitas mortes, mais non aparece contado ningún funeral, non houbo palabras de despedida e esperanza para persoas como Urbano R. Moledo. A literatura pode servir como forma de oración para esas vítimas”.
O acto de Vigo consistiu nunha homenaxe á figura de Urbano R. Moledo con intervencións moi fermosas da autora (que leu fragmentos da novela, ao tempo que expresou as súas intencións como autora: “Na miña escrita quero a frase precisa e máis honesta”), de Manuel Forcadela e de Xavier Moreda (membro da Asociación Viguesa pola Memoria do 36). O profesor Xesús Alonso Montero desculpou a súa ausencia e enviou este texto que transcribimos:

Palabras, desde Valencia, sobre Rexina Vega
Miñas donas e meus señores:
Falo desde Valencia, onde asisto, como conferenciante, a un Congreso Literario que conmemora, no seu 70 aniversario, o celebrado en 1937 polos Escritores Antifascistas do mundo enteiro, aquel Congreso que se propuña defender, da barbarie fascista, a República española, a nosa gloriosa República.
A Valencia de 1937 e a Valencia de hoxe non son alleas á temática, á tensión e á emoción literarias presentes nas páxinas de Cardume, algunhas, poeticamente excelsas.
Se tivese a sorte de falar aí, en Vigo –en prosa non preescrita– disertaría sobre a xestación da gran novela de Rexina Rodríguez Vega que hoxe nos convoca, un prodixioso e dramático relato protagonizado por alguén que se chamou Urbano Rodríguez Moledo, cidadán de ideas socialistas, escritor polifacético en galego e humilde funcionario municipal, fusilado no monte do Castro o 10 de decembro de 1936 ós 34 anos de idade. Resulta que o infortunado escritor –o Urbano da novela– foi curmán da avoa de Rexina Vega, como ela mesma conta no limiar d’ A volta da perdida, peza teatral inédita incautada a Rodríguez Moledo polos militares no tráxico verán de 1936 e atopada, hai pouco, pola man dilixente do historiador e filólogo Ángel Rodríguez Gallardo. Hoxe tamén presentamos a primeira edición desta obriña de teatro, rescatada dos arquivos da represión 71 anos despois, e que se publica, en Edicións do Castro, nunha colección que eu bauticei cun termo non eufemístico: “Biblioteca do 36”. Precede a esta exhumación un estudo esclarecedor e reinvindicativo de Rexina Vega, hoxe por hoxe a única monografía sobre o cidadán e o escritor Urbano Rodríguez Moledo.
Se eu tivese a sorte de falar aí –en prosa non preescrita– disertaría sobre a xestación de Cardume, a novela protagonizada por Urbano, un personaxe construído coas mellores normas da ficción narratolóxica pero inspirado na biografía do dramaturgo socialista fusilado en Vigo hai 71 anos. Rexina Vega, mentres se interesaba, como cidadá e historiadora, pola vida e a obra literaria de Urbano Rodríguez Moledo, resolta a devolverlle a dignidade arrebatada, inventa un relato novelesco que o infortunado escritor protagoniza, un relato, Cardume, que xa é unha páxina de ouro da narrativa galega das últimas décadas. Relato inscrito, de cheo, na narrativa centrada na Guerra Civil, Cardume é novela con rasgos e virtudes ausentes nas mellores deste xénero.
Rexina escribíu coa mesma man a breve monografía sobre o infortunado escritor e a novela que el protagoniza: coa man esquerda. Eu comecei a ler esta novela, aínda inédita, cun certo temor, pero, lidas as primeiras páxinas, atrapoume e convenceume o universo humano do relato e a feitura do relato mesmo, ademais da súa prosa, da súa literaria prosa.
Se eu tivese a sorte de falar aí, disertaría sobre a xestación da maxistral novela de Rexina Vega, e apuntaría que, mentres ela investigaba a vida e a obra do seu infortunado parente, sentiu a necesidade de construír a súa novela e, quizais sen sospeitalo, foise descubrindo como narradora; para nós, os lectores, como unha orixinal narradora literaria. Rexina Vega acaba de entrar na Literatura pola porta grande.
X. A. M.
novembro, 2007
Actualización (03-12-2007): Entrevista a Rexina Vega na Peneira: “Teño moitisimas ganas de escribir para saber que é o que podo dar, xa que isto é un primeiro ensaio. Teño moitísimas ganas de descubrirme como escritora, independentemente das circunstancias: se vas recibir un premio, se aos lectores lles pode gustar ou non; pero significa que paga a pena que faga ese esforzo de seguir escribindo, de descubrirme”.
Etiquetas: